Abr 292008
 

A AS-PG apoia a manifestación do día 18 en Santiago cuxo manifesto reproducimos abaixo. 

Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

  1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
  2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
  3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
  4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.
 Posted by at 08:42
Abr 162008
 

 1. DO CONCURSO

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, coa colaboración  da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o Segundo Concurso de Podcasts co obxecto de fomentar a lingua oral e a creatividade mediante o uso das TIC, todo explorando o podcast como novo recurso artístico e pedagóxico. Pretendemos así mesmo que calquera persoa incorpore de maneira sinxela en Internet poemas, contos, lendas ou comentarios realizados coa súa propia voz, recuperando a tradición oral como modo de transmitir cultura.
2. CATEGORÍAS
Para a edición deste ano 2008 establecemos dúas categorías.
1.- CREARTE: Imaxina o que queres contar e dálle forma. Poderás traballar contidos musicais, literarios, o cinema, o medio ambiente, o teatro, o que queiras. Tamén se admiten versións de contos tradicionais ou lendas.
2.- DOCUMENTARTEPoderás contar viaxes, tradicións, oficios, algo do que foses testemuña, etc. Calquera cousa que se che ocorra en formato documental radiado ou televisado.
3.-  PARTICIPANTES
 Establécense dúas modalidades de participación.
1.- Para escolares: 
Poderán participar no concurso todos os estudantes matriculados en calquera centro de ensino non universitario de Galicia e que teñan menos de 18 anos o día 15 de outubro de 2008
2.- Para adultos: 
Poderá participar calquera persoa que teña máis de 18 anos o día 15 de outubro de 2008 e resida en Galicia.
A participación realizarase mediante a gravación  
de voz en arquivos de audio e enviarase a través da sección “sube o teu podcast” da web http://www.as-pg.com/Podcast. O arquivo debe gardarse coa extensión mp3 ou mp4 e subirase a través do formulario “sube o teu podcast”. É preciso encher  todos os campos do formulario e explicar brevemente o contido. Os arquivos de vídeo deberán gardarse coa extensión  mp4 ou mov e subiranse polo mesmo procedemento.
A lingua que se empregará para facer o podcast será o galego. 
A duración do podcast non poderá ser superior aos 5 minutos. Non serán considerados os podcast que superen esta duración.
Os podcasts serán obrigatoriamente orixinais, inéditos e, en ningún caso, estarán comprometidos con dereitos de autor. Cada concursante pode enviar un máximo de 5 traballos para cada categoría.
 4. PRAZO
Os podcasts poderanse facer chegar  até as 24 h do 30 de outubro de 2008. Os gañadores daranse a coñecer o 15 de novembro de  2008.  Poderanse presentar os podcasts desde o momento da publicación da convocatoria e os presentados iranse subindo ao portal http://www.as-pg.com/Podcast/ a medida que vaian chegando e unha vez comprobado que se adecúan ás bases. Deste xeito poderán ser coñecidos por todos os participantes e visitados e votados. Establecerase un premio do público en cada categoría.
5.- XURADO
O xurado estará composto:
Un profesional da radio de recoñecida traxectoria.
Dous profesionais da docencia expertos nas TIC.
Un técnico en imaxe e son.
Un representante da AS-PG que actuará como secretario.
As decisións do xurado son inapelables, incluso se decide deixar deserta algunha categoría. A Comunicación aos gañadores farase por correo electrónico e por teléfono. Así mesmo serán publicados os nomes  na web da AS-PG.
6.- PREMIOS
  Haberá tres premios para cada categoría:
1º  Premio :Un reprodutor iPod de 80 GB
2º Premio: Un reproductor iPod de 30 GB
3º  Premio: Un ipod shufle.

Establécese un premio do público, idéntico ao 1º premio,  para cada categoría para o podcast que obteña a cifra máis alta sumando votos e visitas.
Os premios non serán substituíbles por diñeiro.
A participación neste concurso supón a aceptación das bases e, no caso de dúbidas na interpretación das mesmas prevalecerá o criterio da organización.
 

 Posted by at 18:27