Mai 242008
 

As linguas, malia as aparencias, son fenómenos sociais, colectivos. Non poden existir sen pobo e base territorial. Por iso, a lingua está vinculada á idea de Nación. Nas sociedades cunha lingua propia en situación de normalidade de usos, os individuos non escollen a súa lingua, venlles imposta como algo natural, vehículo de socialización. É libre por que é a súa, a da colectividade, a nacional. Porén, ninguén lles preguntou se a querían como tampouco lles preguntaron se querían nacer do seu pai e nai naturais. En Santander, Madrid ou Sevilla non se escolle a lingua. A natural e individual é a social e propia. Na Galiza, unha sociedade con dúas linguas, unha propia e orixinaria, o galego, e a outra, allea e introducida coercitivamente, cabe preguntarse cal se impón no proceso de socialización. Progresivamente, e de forma inexorábel, a que ten poder, goza da influencia e do dominio expansivo do Estado, proceso que pretende facerse pasar por natural. Hai un desequilibrio real e unha dualidade valorativa entre o galego e o español. No sentido coercitivo, imperial, non natural, imponse o castelán. Dotar ao galego de poderes, con deberes para a administración e dereitos para os galegos falantes dentro da Galiza, non é máis que un acto de xustiza, de reequilibrio, de revalorización, para podermos ser normais no propio país, ou se se quixer, naturais. Ou é que o galego non ten dereito a ser unha lingua na Galiza como o castelán o é en Santander, Madrid ou Sevilla?. Cavilemos. É posíbel, no futuro, unha Galiza unilingüe en castelán, con nulo uso e mesmo descoñecemento do galego. Resulta moitísimo máis difícil a posibilidade dunha Galiza unilingüe en galego con nulo uso e descoñecemento do castelán. Vaiamos a máis e preguntémonos: un proceso de unilingüismo social en galego na Galiza conleva a desaparición do castelán como lingua?. Un proceso de unilingüismo social en castelán na Galiza conleva a desaparición do galego?. Cavilacións, preguntas e respostas dan a chave de canta manipulación, mentira e prepotencia imperial padecemos no tema da normalización de usos do galego. Quen ten o dominio non ten interese en que Galiza sexa normal, isto é, consciente, con autoestima e con vontade política propia. Que podamos socializarnos no noso idioma.

 Posted by at 21:24

Sorry, the comment form is closed at this time.