Xuñ 102008
 
 A hipérbole e tan expansiva que fan de José Tomás “un artista comprometido con su tiempo”, capaz de provocar “el entusiasmo de una nación, la felicidad de un pueblo y el extasis de un rey y su hija” (Carlos Abella, El País, 6 de xuño, 2008). Non escatiman abondosa e chamativa información, desde a portada a varias páxinas, no apartado “Cultura”, conforme a súa crenza de que a corrida na praza das Ventas foi “una tarde para la historia”. Un icono da cultura española, Joaquín Sabina, remacha que a tarde foi “sublime”. Por suposto, opinión compartida por “miles de personas de todas las clases sociales”. Iso si, fundidas democraticamente a base de pagar 600 euros por localidades de 20. Unha auténtica “gesta” de España!!.

Agora xa comprendo por que moitos deputados e deputadas de PP seguían, xa hai tres anos, a José Tomás por toda España, incluída Barcelona. Eran, sen dúbida, previsores, cuase profetas. Venteaban que a súa España en perigo tiña en José Tomás o milagre redentor. Parece que tamén os progres madrileños veñen de descubrir o filón. Trátase de España!!. Permítaseme unha confesión, que soará seguramente a algo avellado, propia de quen acredita no esforzo que fixeron outros para que nos sigamos a existir. Son nacionalista galego, devoto especialmente de Rosalía, tamén de Castelao. Devezo por que se (me) respeite o dereito a usar a miña lingua no meu país, vela normal. Nunca, malia a miña fonda devoción, cheguei a semellantes ditirambos. Porén estou baixo sospeita de fundamentalismo. O mellor é ser fiel a quen nos fixo ver de que ía España. Espero que non sexa moito atrevemento advertir aos leitores que finalidade se persegue, e perseguiu, ca introdución das corridas de touros na Galiza. Desde logo, non foi, nin é, algo inocuo. Como non foi, nin é, inocuo o espallamento persistente do que chaman canción popular andaluza. Polo de agora, limitareime a lembrar aquel pensamento que Castelao atribúe a un noso labrego perante un cartaz que anuncia unha corrida de touros en Santiago: “¡Qué lástema de bois!”

 Posted by at 16:24

Sorry, the comment form is closed at this time.