Xul 242008
 

Artigo de Francisco Rodríguez.
Vivimos nunha continua ficción. Xa advertivos que, após da campaña sobre o sistema de financiamento, viría a das Balanzas Fiscais para nos convencer, máis unha vez, da grande solidariedade que emprega o Estado Español con Galiza. Foi ilustrativo que, só desde o nacionalismo galego, se desvendase e subliñase, respeito do sistema de financiamento, que unha cousas son os impostos imputados a Galiza e moi outra os realmente soportados.

Só así puidemos desenmascarar como o denominado “fondo de suficiencia”, que se nos vendía como solidariedade, non era máis que diñeiro provinte dos impostos que os galegos pagamos en cantidades moi superiores a todo o que recibimos para o noso autogoberno. Os panexiristas da solidariedade afirmaban que eran unha graciosa doazón que nos facían para superar a nosa insuficiencia, o desfase entre o que pagamos e nos dan. Hoxe sabemos, grazas aos traballos de Xosé Díaz, que polos impostos que figuran na cesta que contempla o sistema de financiamento os galegos e galegas temos capacidade sobrada para asumir as competencias transferidas e ceder algúns millóns de euros ao Estado Español.

Agora nos veñen coas balanzas fiscais. Isto é, os fluxos financeiros-ingresos e gastos- que se producen entre espazos económicos con diferentes niveis de goberno, polo tanto hierarquizados e subordinados. O galimatías e a confusión resultan aínda maiores. Coñecer a realidade, máis complexo. Pero iso si, a conclusión sempre é a mesma: necesitamos do Estado Español para subsistir. Non cómpre mudar. Fiquemos inmóbeis. Non temos capacidade e non podemos auto-responsabilizarnos. O caso é que, máis unha vez, as balanzas fiscais tampouco reflicten a economía real e, por enriba, tal e como se fan, se fundamentan nunha falsa obxectividade técnica. Por suposto, non se teñen en conta, nen as balanzas comerciais, nen as enerxéticas, ben máis fáceis de facer e que constatarían canto nos succionan. Por outra parte, calquera dos métodos empregados (carga/beneficio ou fluxo monetario) impútanos un gasto que non é real, pero ignoran ingresos que proveñen de nós.

Citemos algúns exemplos claros: os gastos que se nos imputan na Seguridade Social non teñen en conta que moitos galegos e galegas pasaron a súa vida activa noutras partes do Estado ou do mundo. A nós impútannos o gasto como pensionistas, xubilados, que viven na Galiza, pero non as cotizacións que pagaron na súa vida activa. Só con que se contabilizase a maiores unha porcentaxe do 12%, cifra ben conservadora, dos ingresos actuais que se atribúen a Galiza na Seguridade Social, non seríamos deficitarios. Na Galiza teñen unha enorme actividade económica grandes empresas que cotizan, entre outros, o imposto de sociedades en Madrid. Se a parte correspondente ás súas actividades na Galiza se nos imputase a nós, a nosa contribución, os nosos ingresos aumentarían. Finalmente as balanzas fiscais, elaboradas polos Instituto de Estudos Fiscais e feitas públicas polo goberno, ocultan o pormenor dos dados
manexados e só aluden a algunhas cuestións fundamentais de método. O goberno admite que as súas balanzas fiscais non son un retrato da realidade, nin sequera unha estatística, moito menos o reflexo da equidade. Son unha operación destinada obxectivamente a ser incardinada
na soflama dunha solidariedade a todas luces irreal e infundada. Tan irreal e infundada como pretender atribuír á xenética dos madrileños que Madrid tivesen en 1900 unha poboación dúas veces e media menor que Galiza e hoxe a teña dúas veces e media maior…

 Posted by at 09:06
Xul 192008
 

Artigo de Francisco Rodríguez

A exposición sobre “Alfonso IX e A Coruña”, organizada pola
Alcaldía desta cidade, co gallo dos 800 anos da concesión do foro,
considéraa ubicada no reino de León. O comisario da exposición, Señor
López Alsina, fala de Fernando II e de Afonso IX como reis de León
exclusivamente, embora teña que recoñecer que o afán urbanizador deste
último estaba centrado na costa galega. Non só A Coruña, senón Viveiro,
Ferrol, Betanzos, Baiona… entre outras

Como é posíbel seguir negando a verdade histórica, con diñeiro público de Galiza?. O propio Afonso IX era de lingua galego-portuguesa, e estaba estreitamente vinculado á nobreza dos reinos de Galiza e Portugal, incluído o seu matrimonio coa portuguesa Tareixa. Finou na Galiza e está enterrado en Santiago, cidade onde, por certo, fixo a carta da concesión do foro á Coruña, usando o latín, como era normal entón para esta función. A maior parte dos documentos do seu reinado foron emitidos en distintos lugares da xeografía galega, onde tiña o centro da súa actividade política. Preocupouse de que as súas fillas, Sancha e Dulce, foran educadas no noso país. O rei ficaría abraiado de tanta ocultación e suplantación. Tampouco compartiría que o colocasen nunha liña dinástica común cos reis de Castela. Xa Vicetto advertiu que, como rei de Galiza, tería que ser considerado Afonso VIII, non IX.

O comisario Alsina, Catedrático da Universidade de Santiago, oculta o que mesmo na Universidade de León recoñecen. Cristina Jular Pérez (“Los adelantados y merinos mayores de León”, Universidade de León, 1990), após de revisar toda a documentación referida ao reinado do noso Afonso VIII, conclúe: “o predominio de citas como rei de León e Galiza está en relación coa enorme cantidade de documentación referente á área galega, índice da especial consideración do monarca coa nobreza laica e eclesiástica da zona”.

Parabéns a Galiza Nova por lembrar, en acto paralelo á inauguración da exposición, despregando unha grande bandeira galega, que A Coruña é Galiza, que Galiza ten historia de seu, malia tanta manipulación negadora, e que temos vontade de que se recoñeza a verdade. Temos vontade de existir.

 Posted by at 00:45
Xul 022008
 

Así que é absolutamente inaceptábel que a Consellaría de Educación veña de suprimir como optativa a ofertar polos centros educativos unha materia que se viña recollendo até o de agora: Literatura galega do século XX, unha materia que aquel alumnado que quixese profundar no coñecemento da nosa literatura contemporánea podía seleccionar entre un conxunto maior de optativas. Mais a Consellaría de Educación dirixida pola socialista Laura Sánchez Piñón decidiu que esta optativa non merecía ser ofertada polos centros e, ao mesmo tempo, suprimiu tamén as optativas: Literatura Universal Contemporánea e Literaturas hispánicas, supresións que veñen coincidir coa desaparición do Obradoiro de Expresión escrita na ESO, catro golpes na mesma ferida. 

Dicía Castelao: “queremos volver a presentarnos diñamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espritual da Humanidade”, e as súas palabras axéitanse á nosa reflexión de hoxe, porque precisamos contar cunha oferta de materias optativas no Bacharelato que lle permita ás mozas e aos mozos galegos elixir unha formación humanística sustentada no coñecemento da literatura escrita no seu país, unha oferta que lles permita achegarse a un número maior de obras literarias cás que se poden estudar dentro do programa da materia de Lingua e Literatura que debe seguir un itinerario determinado atendendo aos diferentes ámbitos que abrangue a materia.

Permítanme que diga que non falamos dunha materia calquera. Na miña humilde opinión a literatura é un facho co que iluminar o camiño do coñecemento, unha metáfora da vida. Por moi subxectiva que sexa a produción literaria é unha ferramenta para coñecer o mundo, unha escusa oportuna e gorentosa que abre a porta do desexo de indagación. As galegas e os galegos sabemos ben da literatura como ferramenta para o coñecemento e o recoñecemento, pois foi a través da obra das nosas escritoras e escritores (maioritariamente escrita no século XX) como fomos moitas veces descubrindo a nosa identidade, a nosa lingua e a nosa historia, as dimensións do país ao que pertencemos. No inicio desa cartografía de noso están os nomes dos poetas, a súa entrega incansábel ao labor da nosa reconstrución.

A decisión de Educación non significa só empobrecemento da oferta de optativas no Bacharelato, significa tamén incidir negativamente nun proceso de normalización lingüística e cultural en que todas as institucións deben colaborar. Eu opóñome.

 Posted by at 00:04
Xul 012008
 
A argumentación explícita e implícita resulta aleccionadora. O castelán é a única lingua común a todo o territorio; a española é a única categoría política que fundamenta a soberanía (a nación); o castelán ten toda a base territorial do Estado e os seus falantes son os únicos merecentes de dereitos; as únicas obrigas das administracións e dos individuos están co seu uso. De tal xeito, os funcionarios deben ficar a salvo da obriga de utilizar a lingua “autonómica” no seu territorio.

Como os intelectuais van de progres, pretextan que os procesos de normalización prexudican aos máis desfavorecidos, por exemplo, os inmigrantes. Todos coñecemos a súa natural disposición e entrega ao castelán!!. Para colmo, a política lingüística a prol do catalán, do galego e do vasco vai acompañada dun “fanatismo que falsea a historia”. Xustamente, a inversión da realidade, máxime desde unha situación como a galega: levamos séculos vivindo lingüisticamente como estranxeiros na propia patria, sometidos a procesos coercitivos de asimilación; descoñecemos a nosa historia, suplantados pola eliminación oficial mesmo nos períodos esplendorosos (Idade Media). Exprésanse sen complexos, con argumentacións que destrúen todas as súas falacias. A súa prepotencia cínica lévaos a caer descaradamente no realismo denunciador: “es decir, hay a una asimetria entre las lenguas españolas oficiales, lo cual no implica injusticia”. Non se pode dicir de forma máis clara e contundente.

A súa posición non é nacionalista; é imperialista. Persegue que interioricemos, como natural, o dominio, a subordinación a falla de dereitos lingüísticos plenos para galegos, cataláns e vascos, nos seus territorios. Nin temos territorio propio nin somos cidadáns nin as nosas linguas merecen a consideración política de iguais. Son só pasaxeiros incordios, como tal debidamente vixiadas e acoutadas, para a expansiva marcha histórica da españolidade. Non teñen reparo en enunciar os seus discursos, pretendidamente apolíticos, da man dun partido político. Estes si que son intelectuais para nota!!. Adoecen do mínimo rigor intelectual, pero teñen a desvergoña do conquistador místico, malia seren ben aproveitados e interesados materialmente. Adoran a mitoloxía imperial. Son ideólogos ao servizo da españolización.

 Posted by at 22:45