Xul 192008
 

Artigo de Francisco Rodríguez

A exposición sobre “Alfonso IX e A Coruña”, organizada pola
Alcaldía desta cidade, co gallo dos 800 anos da concesión do foro,
considéraa ubicada no reino de León. O comisario da exposición, Señor
López Alsina, fala de Fernando II e de Afonso IX como reis de León
exclusivamente, embora teña que recoñecer que o afán urbanizador deste
último estaba centrado na costa galega. Non só A Coruña, senón Viveiro,
Ferrol, Betanzos, Baiona… entre outras

Como é posíbel seguir negando a verdade histórica, con diñeiro público de Galiza?. O propio Afonso IX era de lingua galego-portuguesa, e estaba estreitamente vinculado á nobreza dos reinos de Galiza e Portugal, incluído o seu matrimonio coa portuguesa Tareixa. Finou na Galiza e está enterrado en Santiago, cidade onde, por certo, fixo a carta da concesión do foro á Coruña, usando o latín, como era normal entón para esta función. A maior parte dos documentos do seu reinado foron emitidos en distintos lugares da xeografía galega, onde tiña o centro da súa actividade política. Preocupouse de que as súas fillas, Sancha e Dulce, foran educadas no noso país. O rei ficaría abraiado de tanta ocultación e suplantación. Tampouco compartiría que o colocasen nunha liña dinástica común cos reis de Castela. Xa Vicetto advertiu que, como rei de Galiza, tería que ser considerado Afonso VIII, non IX.

O comisario Alsina, Catedrático da Universidade de Santiago, oculta o que mesmo na Universidade de León recoñecen. Cristina Jular Pérez (“Los adelantados y merinos mayores de León”, Universidade de León, 1990), após de revisar toda a documentación referida ao reinado do noso Afonso VIII, conclúe: “o predominio de citas como rei de León e Galiza está en relación coa enorme cantidade de documentación referente á área galega, índice da especial consideración do monarca coa nobreza laica e eclesiástica da zona”.

Parabéns a Galiza Nova por lembrar, en acto paralelo á inauguración da exposición, despregando unha grande bandeira galega, que A Coruña é Galiza, que Galiza ten historia de seu, malia tanta manipulación negadora, e que temos vontade de que se recoñeza a verdade. Temos vontade de existir.

 Posted by at 00:45

Sorry, the comment form is closed at this time.