Xul 242008
 

Artigo de Francisco Rodríguez.
Vivimos nunha continua ficción. Xa advertivos que, após da campaña sobre o sistema de financiamento, viría a das Balanzas Fiscais para nos convencer, máis unha vez, da grande solidariedade que emprega o Estado Español con Galiza. Foi ilustrativo que, só desde o nacionalismo galego, se desvendase e subliñase, respeito do sistema de financiamento, que unha cousas son os impostos imputados a Galiza e moi outra os realmente soportados.

Só así puidemos desenmascarar como o denominado “fondo de suficiencia”, que se nos vendía como solidariedade, non era máis que diñeiro provinte dos impostos que os galegos pagamos en cantidades moi superiores a todo o que recibimos para o noso autogoberno. Os panexiristas da solidariedade afirmaban que eran unha graciosa doazón que nos facían para superar a nosa insuficiencia, o desfase entre o que pagamos e nos dan. Hoxe sabemos, grazas aos traballos de Xosé Díaz, que polos impostos que figuran na cesta que contempla o sistema de financiamento os galegos e galegas temos capacidade sobrada para asumir as competencias transferidas e ceder algúns millóns de euros ao Estado Español.

Agora nos veñen coas balanzas fiscais. Isto é, os fluxos financeiros-ingresos e gastos- que se producen entre espazos económicos con diferentes niveis de goberno, polo tanto hierarquizados e subordinados. O galimatías e a confusión resultan aínda maiores. Coñecer a realidade, máis complexo. Pero iso si, a conclusión sempre é a mesma: necesitamos do Estado Español para subsistir. Non cómpre mudar. Fiquemos inmóbeis. Non temos capacidade e non podemos auto-responsabilizarnos. O caso é que, máis unha vez, as balanzas fiscais tampouco reflicten a economía real e, por enriba, tal e como se fan, se fundamentan nunha falsa obxectividade técnica. Por suposto, non se teñen en conta, nen as balanzas comerciais, nen as enerxéticas, ben máis fáceis de facer e que constatarían canto nos succionan. Por outra parte, calquera dos métodos empregados (carga/beneficio ou fluxo monetario) impútanos un gasto que non é real, pero ignoran ingresos que proveñen de nós.

Citemos algúns exemplos claros: os gastos que se nos imputan na Seguridade Social non teñen en conta que moitos galegos e galegas pasaron a súa vida activa noutras partes do Estado ou do mundo. A nós impútannos o gasto como pensionistas, xubilados, que viven na Galiza, pero non as cotizacións que pagaron na súa vida activa. Só con que se contabilizase a maiores unha porcentaxe do 12%, cifra ben conservadora, dos ingresos actuais que se atribúen a Galiza na Seguridade Social, non seríamos deficitarios. Na Galiza teñen unha enorme actividade económica grandes empresas que cotizan, entre outros, o imposto de sociedades en Madrid. Se a parte correspondente ás súas actividades na Galiza se nos imputase a nós, a nosa contribución, os nosos ingresos aumentarían. Finalmente as balanzas fiscais, elaboradas polos Instituto de Estudos Fiscais e feitas públicas polo goberno, ocultan o pormenor dos dados
manexados e só aluden a algunhas cuestións fundamentais de método. O goberno admite que as súas balanzas fiscais non son un retrato da realidade, nin sequera unha estatística, moito menos o reflexo da equidade. Son unha operación destinada obxectivamente a ser incardinada
na soflama dunha solidariedade a todas luces irreal e infundada. Tan irreal e infundada como pretender atribuír á xenética dos madrileños que Madrid tivesen en 1900 unha poboación dúas veces e media menor que Galiza e hoxe a teña dúas veces e media maior…

 Posted by at 09:06

Sorry, the comment form is closed at this time.