A temeridade dun filósofo

Un artigo de Marta Dacosta

George Steiner é de orixe xudía, naceu no seo dunha familia austríaca en París, hai setenta e nove anos. Si, o filósofo George Steiner era un neno cando a II Guerra Mundial e a ocupación nazi. Naquela altura fuxiron aos Estados Unidos, escapando da ocupación. Son datos que non podo deixar de ter en conta ao ler a entrevista que se publicaba o domingo 24 nun xornal español.

Eu non tería reparado en tal entrevista se nela non houbese palabras referidas a min mesma, explícome, opinións sobre a nosa literatura, a nosa lingua, é dicir, sobre nós. Porque Steiner opina sobre a literatura galega para negarlle o recoñecemento que merece, nun alarde de ignorancia desmedido, temerario, impropio dunha persoa que coñece a inxustiza da historia e da propia vida. En palabras que nunca agardaríamos dunha persoa a quen lle supoñemos unha alta capacidade intelectual e sobre quen podemos ler artigos que lle recoñecen o traballo realizado, George Steiner nega a calidade da nosa literatura e, polo mesmo, que a nosa lingua sexa empregada no ámbito universitario. A afirmación resulta aínda máis tremenda se temos en conta que compara a literatura galega coa catalá e, malia recoñecer a altura da catalá, nega a galega.

Se revisamos as recensións que sobre o autor se teñen escrito, continuaremos sorprendéndonos, pois Steiner é autor do libro Despois de Babel, do ano 1975, no que este home que recibiu unha formación políglota defende que a diversidade lingüística é un dos factores que permitiu ao ser humano a liberdade.
Así que, podería dicir que non entendo nada.

Mais por outro lado, a súa opinión sobre a literatura galega garda unha certa coherencia con outras afirmacións que se recollen na entrevista, como é o caso do racismo cando o filósofo reflexiona sobre o feito de que é doado falar do racismo e de non ser racista cando non se vive ao lado dunha familia xamaicana que está todo o día escoitando rock e reagge (?). E ao ler isto sigo sen entender. Aínda que é certo que, casualmente estes días, teño lido sobre este feito, o de vivir en carne propia a represión e o racismo e non por iso converterse nunha persoa solidaria e sensíbel cos oprimidos ou desfavorecidos, senón manter os prexuízos racistas, ás veces baixo unha actitude aparentemente solidaria. É o caso dos relatos gráficos de Art Spiegelman (Maus) e Luc Brunschwig (La mémoire dans les poches), dous fillos de xudeus represaliados que relatan as reaccións racistas dos seus proxenitores.

Que sucedeu para que alguén que coñeceu en carne propia o sufrimento e o desprezo reproduza opinións prexuizosas? Por que quen defendeu un día a diversidade lingüística exclúe dela unha lingua de probada antigüidade e recoñecido prestixio? Por que non impera con maior frecuencia a sensibilidade, a prudencia e o respecto?

Non teño resposta para as miñas preguntas, só a certeza de que seguirei preguntándome isto mesmo, ou algo semellante, calquera outro día, porque a temeridade, o descoñecemento e os prexuízos son herba abundante e vizosa nos campos do mundo.

Comments are closed.