Set 122008
 

Un artigo de Marta Dacosta

Son anos reclamando compromisos. Anos denunciando que non se cumpre a lexislación. Anos advertindo de que cómpre tomar medidas. Agora é o Consello da Cultura quen dá datos e pon en evidencia as cifras do abandono. Di o que xa dixemos antes, desde a CIG, desde a AS-PG, que a lexislación non se cumpre e que hai que adoptar medidas, como a formación do profesorado, a dotación de materiais, o apoio aos equipos, a sensibilización da comunidade educativa… A implicación efectiva da Consellaría de Educación, a responsábel dos centros educativos.
O informe fala de que só un tercio do alumnado dos centros públicos ten como lingua inicial o galego, constata tamén o incumprimento nas distintas materias, e só con estes dous datos bótanse por terra as falaces alarmas sobre os perigos que corre o español.
Non é unha novidade, sabiámolo. Sabiamos que os nosos fillos e fillas só poden empregar o noso idioma cun grupo reducido de compañeiros de curso e que os rodea unha realidade que os obriga a expresarse nunha lingua que non é a súa, unha realidade que nin sequera no centro educativo lle ofrece o 50% das horas docentes en galego porque non se cumpre a lexislación. E fóra da escola que teñen? Nada.
Xa o dixéramos, mais temos novos datos, datos que falan dunha menor conciencia, dunha menor sensibilidade e compromiso coa nosa realidade lingüística, e non pode ser un informe sen máis, porque xa hai tempo que a gota rebordou a cunca. Cómpre tomar medidas urxentes.
Manuel María, a quen lembramos un setembro máis, deixouno escrito en fermosas palabras: “… se deixamos morrer unha palabra /o universo enteiro /dóese de orfandade e desamparo.”

 Posted by at 08:26

Sorry, the comment form is closed at this time.