Out 142008
 

 

Un artigo de Francisco Rodríguez

Cómpre non deixarse arrastrar por unha atmosfera de confusión e apatía mesturada con medo e inseguridade. Malia pode parecer o contrario, a actual crise económica non caeu do ceo; é produto de formas de proceder e actuar dos que teñen o control do poder financeiro. Non é algo inextricábel. Non imos dar unha receita que aboe o optimismo simplista, por moito que for un proceder característico dos que levan moitos anos coa súa propaganda irresponsábel. Porén, temos que ter claro que esta crise só será superada positivamente para as maiorías sociais, se teñen claridade de pensamento e capacidade de acción. Isto é, se non se deixan atordar polos discursos dominantes.

Hai algúns razoamentos elementais e con sentido. Se imos pagar os contribuíntes a crise bancaria, non sería lóxico que sexa o Estado quen se apropie dos bancos que haxa que salvar?. Non se lle poden facer noxos ás “nacionalizacións”. No caso do Estado Español, deberían nacionalizar os gobernos autonómicos ou o goberno do Estado, segundo se tratar de caixas de aforro ou bancos de grande dimensión. Consecuentemente non se pode permitir que a opinión pública non conte cunha información veraz e controlada sobre cal é o montante da fraude. Son as entidade financeiras quen deben verse obrigadas a dar esta información, cando menos aos respectivos gobernos. Estes gobernos non poden tardar máis que o estritamente necesario en estabelecer novas regulacións ou normativas que impidan a especulación e que garantan os depósitos e os préstamos adecuados ás familias e ás empresas. Finalmente haberá que tomar medidas para que esta crise financeira afecte o menos posíbel á economía produtiva e ao mundo do traballo. Este é o principal obxectivo que debe asumir o goberno coas súa actuacións.

Sería inxenuo pensar que unha situación crítica para os traballadores pode ser superada con máis redución de impostos, con menos gasto público en investimentos e coa aplicación do que chaman “reformas do mercado de traballo”. Xustamente estas políticas que denominan neoliberais foron o complemento perfecto da irracional globalización financeira. É o momento oportuno para discutir e rectificar a política de superávit ou equilibrio orzamentario. Eliminar o gasto superfluo e combater o estrago nada ten que ver con adelgazar os compromisos públicos na dinamización da economía e no mantemento de servizos sociais universais. Certamente non parecen viábel que se poida manter un sistema económico con fundamento na construción e na industria automobilística. A hipertrofia destes dous sectores é un síntoma de especulación cun dereito básico e de incapacidade para asumir unha política de transporte público, acorde co respecto polo ecosistema. Na Galiza é unha oportunidade para avivar demandas sociais como a volta á construción naval civil da antiga Astano, contarmos con base agraria propia e “nacionalizar” as caixas de aforro galegas, entre outras necesidades.

Algúns bancos, mesmo algúns grandes accionistas, van perder, pero poden perder moito máis os traballadores e traballadoras, os pequenos e medianos empresarios. Precisamente agora que este modelo ten a menor lexitimidade que nunca tivo, é o momento de non sermos apáticos nin conformistas. Non sei se o que está en quebra é o modelo neoliberal ou o sistema de acumulación capitalista. O que si está claro é que o contexto debe ser utilizado para cambiar a correlación de forzas. Non podemos tolerar nin como nación nin como maiorías sociais que esta crise se utilice para cavar unha fosa aínda maior de irracionalidade, irresponsabilidade, descontrol e sufrimento por conta dos que adoran o deus ex machina do economicismo.

 Posted by at 18:56

Sorry, the comment form is closed at this time.