Out 222008
 
Cando se nega oficialmente a verdade, adoitan producirse fenómenos, máis ou menos extramuros, que a reclaman. Defenderon filólogos e estudosos, durante séculos, que galego e portugués eran o mesmo idioma. Este criterio fundamentábase en sólidos razoamentos e comprobacións históricas, lingüísticas e xenéticas. Non se deixaron perturbar polo feito de ser Portugal un estado independente e a Galiza unha nación negada, convertida en provincia da España imperial. Tampouco por ser o portugués un idioma oficial, con uso normal, perfectamente estandarizado, mentres o galego era caracterizado despectivamente como dialecto, restrinxido a un uso coloquial e popular.

Curiosamente, coa chegada da democracia e a instauración da autonomía, foi desde a oficialidade científico-institucional, que se comezou a emitir o discurso de que galego e portugués eran linguas diferentes. A normativa do galego, lingua cooficial da Galiza, elaborouse con criterios totalmente alleos aos da normativa do portugués, enfatizando as diferencias. Optouse por afastar artificialmente, non por aproximar naturalmente. A orientación anti-portuguesa, parella moitas veces a unha posición ideolóxica españolista, argumentou en base á defensa do considerado xenuíno e peculiar da nosa fala, por moi mancada e contaminada que estivese polo español. Certamente non foi unha opción responsábel nin comprometida co idioma galego como ferramenta da uso normal para todo na nosa sociedade, con perspectiva de futuro e dentro da nosa tradición literaria. Esta política oficial lembra a mesma teima por afastar o valenciano do catalán. Obxectivamente ambas responden a un isolacionismo axitado pola españolía.

A aparición dunha Academia Galega da Lingua Portuguesa na Galiza provocou algunha reaccións desaforadas e sintomáticas. Certamente a solución non está en denominar o galego “portugués de Galiza”. Está en dar pasos claros, prácticos, para reintegrar o noso idioma no seu espazo natural, o galego-portugués. Un destes pasos, tímido, foi a “Normativa de Concordia”. Malia a súa legalidade, enfróntase a moi serias resistencias na súa aplicación xeneralizada nas administracións e institucións oficiais. É ignorada a mantenta ou usada na súas opcións non preferentes. Precisamente Alonso Montero, académico da RAG, aproveitou o seu ataque á nova Academia para deixar constancia de que a normativa legalmente vixente era de orientación lusista, facéndoa responsábel de non sei que dificultades para o alumnado de primaria e secundaria identificárense co galego.

Non é negativo que exista unha Academia Galega da Lingua Portuguesa. É simplemente a resposta extraoficial, filolóxica, e, en certa maneira, extrema a unha deformación e negación recorrente. O problema está en que necesitamos que o mundo administrativo, académico, social, económico e institucional avancen na práctica na dirección de asumir, con todas as cautelas e matices que se queiran, que o galego e o portugués son o mesmo idioma. É conveniente a maior aproximación da normativa oficial á do portugués. Esta aproximación esixe compromisos, conivencias e recoñecemento por parte dos países lusófonos, a comezar por Portugal. Tanto como de información e comprensión por parte da sociedade galega. Os obxectivos estratéxicos deben ser claros; as tácticas deben calibrarse, con debates serenos e propostas eficaces para avanzar…

 Posted by at 23:59

  2 Responses to “Galego-Portugués”

  1. Estou de acordo coa súa perspectiva.

  2. o que está claro é que á sociedade galega en boa parte caro lle custa aceitar unha normativa “branda”, para intentarmos impoñer unha lingua padrón con notábeis diferenzas do galego común. eu tamén concordo con alonso montero en que decisións como “ao” por “ó” só serviron para que toda a xente lea dun xeito totalmente artificial unha énclise viva.
    Cando se fixeron as normas, non se podía forzar moito a máquina.

Sorry, the comment form is closed at this time.