Nov 202008
 

Un artigo de Francisco Rodríguez

 

O día 18 deste mes cumpríronse 90 anos do “Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo”. Significou un salto cualitativo no terreo ideolóxico e na vontade de incidencia social do movemento defensor de Galiza, existente desde mediados do século XIX. Os autores do “Manifesto”, pertencentes ás Irmandades da Fala, fundadas en 1916, pasaron a nomeárense nazonalistas, no canto de rexionalistas. Representa un programa de “Autonomía Integral” para Galiza. Fundamentárono sen ambigüidade no dereito básico a sermos, como nación, donos absolutos de nós mesmos: un autogoberno real con verdadeiras competencias. Tres propostas dos “Manifesto” poden dar idea da soberanía que sustentaba o autogoberno que propoñían. Do goberno galego dependería o réxime tributario, “sen intervención do poder central, ao que soamentes pagará o autónomo a cantidade que se fixe nos concertos económicos”. Consideraban que “a función dos Tribunais de Xusticia rematará en recurso derradeiro en Galiza e sempre realizada por funcionarios galegos”. Eran partidarios duns camiños de ferro nacionalizados, con cargo ao poder autónomo a súa construción e administración… Como vemos a anos luz do Estatuto actual e na liña do que o nacionalismo defende hoxe como alternativa.

A proposta internacionalista das Irmandades contaba con Portugal, xa república desde 1910, como parte dunha futura “Federación da Iberia”. Esperanzados coa paz, após o horror da Primeira Grande Guerra, por fín rematada, soñaban mesmo coa fin dos exércitos permanentes, coa súa redución ao papel de policía. O goberno galego fixaría o número preciso para a orde interna de Galiza. Sen representación parlamentar e con pouca incidencia social, asumiron que Galiza non podía ficar muda en circunstancias tan tráxicas como esperanzadas. A fin da guerra inter-imperialista parecía traer “o alboreo das nacionalidades”. Entendíano así ao veren como exercía o dereito de autodeterminación moitos pobos do centro e leste de Europa que estiveran sometidos aos imperios turco, ruso e austro-húngaro, perdedores na contenda bélica. Mesmo reforzaba a súa esperanza o feito de que o propio presidente dos Estados Unidos, Wilson, na súa declaración de 14 puntos, defendese o dereito dos pobos á liberdade, como unha das vías para estabelecer unha paz duradeira na Europa. No Estado Español unha grave crise do modelo bipartito, da alternancia, alentaba aos cataláns e algunhas forzas minoritarias a solicitar Cortes Constituíntes para a elaboración dunha reforma constitucional que, entre outros avances democráticos, favorecese a integración dunha Catalunya autónoma. Cabía todo menos a pasividade…

Desta forma, o nacionalismo galego foi depurando progresivamente o seu programa: pacifista, anti-imperialista e internacionalista, a favor das maiorías sociais. Unha peza chave é a transformación do Estado Español en Estado Plurinacional. Esta transformación é antitética ao poder oligárquico que o sustenta. Somos debedores destes esforzos dos nosos devanceiros. Seguimos vivindo nun contexto internacional de capitalismo aínda máis globalizado. O seu pensamento segue a estar vixente e as súas propostas non logradas aínda sinalan o salto cualitativo político que necesitamos. Hoxe o nacionalismo galego ten máis presenza institucional e incidencia social e política que o de 1918. A realidade do país mudou en moitos aspectos, para ben e para mal. Pero continuamos o esforzo por unha “soberanía compreta e sin cativeces”.

 Posted by at 12:31

Sorry, the comment form is closed at this time.