Dec 052008
 

Marta Dacosta

Días antes de conmemorarmos o noventa aniversario da asemblea nacionalista de Lugo, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) convocounos en Gondomar para homenaxear a Victoriano Taibo, o que foi mestre da escola de Guillufe (Morgadáns, Gondomar) desde 1930 a 1950 (coa paréntese do desterro entre 1938 e 1942).

Supoño que todos temos unha vaga idea de quen era este mestre, mais moi posibelmente non coñezamos minimamente cal foi o seu labor e o seu compromiso. Por iso hai que agradecer antes de nada o labor do IEM e, moi especialmente, o de Miguel Anxo Mouriño e José Luís Alonso, responsábeis de que a obra chegase ao remate e de que o seu resultado fose tan exitoso.

Porque só como éxito rotundo se pode cualificar unha actividade que encheu a escola daquel mestre cun público entregado e heteroxéneo. Alí estaba o pobo de Gondomar, os estudosos e, sobre todo, veciñas e veciños de Morgadáns, entre eles, os antigos alumnos do mestre, os que na segunda xeira da homenaxe lembraría a súa figura e recitarían de memoria os versos daquela aprendidos.

Foi, por tanto, unha homenaxe de xustiza poder recitar de novo ante os seus alumnos os poemas do mestre represaliado por ser galeguista, ante aqueles nenos e nenas de entón que lembran con singular nitidez o enfrontamento entre o seu mestre e o cura de Peitieiros, Cabaleiro, un cura que exerceu de censor e de quen queda triste memoria. De xustiza porque no mesmo lugar en que o mestre foi testemuña, sen sabelo, da fuxida de Alonso Ríos, volveron escoitarse os argumentos que Taibo esgrimiu un día, os mesmos que o levaron a asinar o Manifesto Nazonalista de Lugo. De xustiza porque aqueles nenos e nenas aos que lles roubaron a infancia e o dereito a se coñecer, escoitaban de novo as palabras do mestre, aquel mestre de quen contan que dicía “Fálame en galego neniña! En galego! Que é tan fermoso coma ti”.

Tantos anos despois a semente prende, ao seu xeito, e ao día seguinte da homenaxe cóntanme que en Morgadáns, unha parroquia das máis conservadoras do concello, non se fala doutra cousa, do ben que estivo o acto, de que había que facer máis cousas como esta, actos culturais que non consistan só en bailes e comilorias, actos para recitar poesía e encontrarse todas as veciñas e veciños. A semente prende, aos poucos.

A mediados de novembro, noventa anos despois da Asemblea de Lugo, volvemos escoitar as palabras de Taibo, as palabras do mestre de Guillufe que dedicou unha parte importante da súa produción literaria a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso político, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra, cunha decisión que tamén o levou a pensar noutros proxectos aínda máis combativos que, xunto coa súa obra literaria, dan mostra do seu pensamento e carácter.

“Na “Esfera” derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da “Esfera”, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.” (Carta a Manuel Antonio)

Victoriano Taibo, o poeta.

Victoriano Taibo foi un escritor da Xeración das Irmandades da Fala que pasou ao manuais de historia da literatura como unha referencia menor, pois se trasladou unha e outra vez que a súa obra era debedora de Cabanillas. Se cadra esta afirmación transmitida de tratado en tratado, deu lugar a que non lésemos a súa obra, para xulgarmos por nós mesmos canto había de certo nesa afirmación.

O IEM pediume que realizase un artigo sobre a súa obra poética, e debo agradecerllo, porque entón descubrín quen era realmente Victoriano Taibo, e asumín que estabamos diante dunha inxustiza co escritor e co home. Taibo gozou no seu tempo de ter a consideración de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, mais, como dicía, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos até este novembro cunha escasa obra poética publicada, amortece os logros que puideron quedar do autor. Sempre se considerou a Taibo como discípulo de Cabanillas, e isto non deixou que se lle dese o relevo merecido á súa obra, especialmente aos seus poemas máis líricos, aqueles que clasificamos como  intimistas. E a súa obra merece formar parte das antoloxías, pois como outras obras antologadas, contén os seus propios logros.

Mais, tamén temos que considerar ese “seguidismo de Cabanillas” no seu contexto. Pensemos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela os nosos escritores recibiron o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que levar á práctica a encomenda, pois era súa tamén a convición de formar o noso pobo. É dicir, estamos diante de obras poéticas que necesariamente debían confluír, pois foran xeradas por un mesmo propósito. E por outro lado, insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así o propio Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser “galeguista”.

Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre nas súas palabras, xa for para gabar a nación, xa for para criticar a quen lle viraba as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.

 Posted by at 14:11

Sorry, the comment form is closed at this time.