Xan 072009
 

A teimosía e radicalidade inquisitorial coa que o Vaticano rexeita e condena a homosexualidade, a condición homosexual, resulta inquietante. É verdade que esta actitude continúa unha tradición ideolóxica, socio-política e médica que a considerou unha patoloxía, desde a metade do XIX até ben pouco. Unha perversión da natureza que podía considerarse vicio e atentado contra a norma social, institucional, heterosexual, verdadeiro ideal humano. O rexeitamento abalou sempre entre o prexuízo biolóxico e o prexuízo social e moral. Non se podía concebir a atracción entre persoas do mesmo xénero e do mesmo sexo biolóxico. Só unha deformación da natureza ou unha perversión do espírito podían explicalo. En ambos casos, o afán por ser normal conducía á renuncia, á autorrepresión, á reeducación, ao auto-control, á sublimación para non enlodarse na vileza. Un aspecto, tan íntimo e á vez tan necesitado de sanción social na vida das persoas ficaba, para as de condición homosexual, encapsulado no corredor do medo, da prevención, do sufrimento e mesmo da auto-negación e, como non, da fobia e da agresividade. Deste corredor parece que estamos comezando a saír, non sen dificultades e con moitas contradicións e oposicións de calado.

Falo do Vaticano. Pero é verdade que podíamos, loxicamente, extender este xuizo á Igrexa católica e a todos os seus ministros, comezando pola xerarquía, de forma particular a española, con Rouco e Cañizares á cabeza. Eles, de forma especial, representan a belixerancia dogmática contra a homosexualidade (o seu recoñecemento e legalización pública), como un dos pecados que atenta gravemente contra a orde moral e social fundamentada na familia heterosexual e na procreación sacralizadas. A xerarquía católica non se limita, actuando dentro das súas competencias, a negar o matrimonio canónico, como sacramento, aos homosexuais, senón que aspira a impedir que accedan ao matrimonio como contrato civil, isto é, a un dereito social, político, humano. A súa cruzada continua contra a reforma da lei do matrimonio civil, que abriu esta posibilidade para os homosexuais, significa que aspira, non a preservar os seus valores, senón a impoñelos aos demais, porque os considera superiores. A obsesión preventiva é de tal calado que o Vaticano o derradeiro día do 2008 anunciou, mediante un artigo do presidente da súa Corte de Apelación, publicado en L´Osservatore Romano, que deixaba sen efecto unha parte do Tratado de Letrán, de 1929, para non ter que aplicar no seu Estado automaticamente o ordenamento xurídico italiano, perante a posibilidade remota de reformas legais, entre outras, a do recoñecemento das parellas homosexuais.

A extraña defensa da vida que fai o Vaticano

Pero a cuestión é aínda máis fonda e grave. Como é posíbel unha condena moral dunha condición sexual que se dá nas persoas, e temén por certo nos animais, como algo natural, non escollido, ou como algo, tamén, determinado e construido social e culturalmente, pero que sempre ten que ver coa atracción polo outro/a e coa posibilidade de convivencia, placer e afecto? É ben extraña a defensa da vida de que fai gala o Vaticano. É tamén paradoxal e inevitabelmente cínica. Paradoxal, porque unha relixión que predica o celibato e a virxinidade para os seus ministros, e ás veces tamén para os seus fieis – entre eles, os de condición homosexual–, non debería predicar o valor sagrado e superior do matrimonio e da procreación. Cínica, porque inevitabelmente ( é unha cuestión de condición humana) a segregación eclesiástica de homes e mulleres conduce ao cultivo da homofilia, trascendidada ou non espiritualmente, ou a ver nela a protección contra toda sospeita ou persecución, en momentos históricos determinados. Inconscientemente a obsesión vaticana contra a homosexualidade expresa os seus propios e inevitábeis fantasmas. Non sería máis que un síntoma se non os proxectase socialmente, para o exterior, como arma política, de concepción da sociedade. Agredir aos outros para permanecer na autorrepresión e forzar a actual concepción xerárquica romana, como se a Igrexa católica non tivese outras posibilidades. Non as ten realmente? Que pensan moitos dos seus ministros silenciosos e moitos dos seus fieis, especialmente homosexuais e mulleres?

Debemos a un dos mellores ensaístas galegos, Xosé Chao Rego, ex-crego, un libro moi clarificador sobre “A condición homosexual”. Vai facer agora 10 anos da súa publicación. Foi entón unha aportación bibliográfica orixinal e única en calquera das linguas peninsulares. Hoxe continúa a ser un libro revelador, en xeral, e moi necesario para coñecer cal foi o proceso que conduciu a esta hipoteca relixiosa. Constatamos nel que até o século XII non hai preocupación pola homosexualidade na Igrexa cristiá e ironicamente que a vida cristiá foi o xeito de vida homosexual máis destacado de Europa Occidental desde a primeira Idade Media até a Reforma protestante. Entrar nunha comunidade relixiosa era moitas veces o camiño máis curto para bater con outros homosexuais. É a partir do século XIV, co avanzo dos gobernos absolutos, o pensamento único e a súa fundamentación relixiosa, abenzoada polo Papado, que a pauliña contra a homosexualidade resulta criminal. Dinos Chao Rego: “Ese século XIV –xa rematada a Idade Media, que leva indebidamente culpas–, coñece un dos episodios máis tristes, oscuros e vergoñentos para a Santa Sé: a persecución da Orde dos Templarios e a súa disolución, aproveitándose dos seus non escasos bens e calumniándoos, entre outros crimes, de gais”. Idolatría e inxustiza social parecen ser os albos críticos nos evanxelios cristiáns. O deslizamento cara o pecado de sodomía e o concepto de lei natural forma parte dun proceso histórico manipulador ao servizo do poder.

Que poder defende o Vaticano? Parece disposto a cumprir unha función dentro dun deseño global xerarquizador, desigual, discriminador. A énfase, o activismo contra a igualdade e dignidade de todas as persoas de calquera condición sexual, expresa un paroxismo idealista que nega a realidade e a necesidade histórica, a da acción política para integrármonos, todos, “na normalidade social, deixando culpabilidades e sensación de anormalidade”, como propuña Chao Rego en 1999. Desgrazadamente, prefere abonar o campo para a patoloxía mesmo dentro da propia institución.

Denuncias por abusos sexuais e pederastia aboian contra ilustres príncipes da Igrexa e contra humildes párrocos, vítimas da mensaxe represiva que os leva a “exercer unha sexualidade mal asimilada e peor tolerada”. Con Chao Rego afirmamos: “Non é a debilidade de eses membos o que aquí xulgamos, senón o cinismo da Empresa”

 Posted by at 08:29

Sorry, the comment form is closed at this time.