Xan 112009
 

Este mes é o do nacemento e a morte de Castelao. No 2009 cúmprense 25 anos da traída dos seus restos mortais desde Buenos Aires para depositalos en San Domingos de Bonaval. Foi unha traída patrocinada e controlada polos que nunca acreditaron na súa obra nen o seu pensamento. Realizouse nun contexto de severas limitacións anti-democráticas, co nacionalismo expulsado do Parlamento Galego. Inevitabelmente foi contestada polos que, no plano ideolóxico e político, nos considerabamos continuadores da súa obra. Desde entón, produciuse paseniño un fenómeno de asimilación, para convertelo en algo inocuo, sen coñecemento e recoñecemento social amplo. A asimilación non liberou a súa obra da minusvaloración e da ignorancia colectiva. A forza do perseguido e censurado, do reprimido, foi substituída pola rotina do abandono e do esquecemento progresivo. Velaí o Pavillón de Galegos Ilustres (sonoro nome oficialista), sarcófago de Castelao incluído, non debidamente aberto nen mostrado ao público durante tantos anos e mesmo agora sen a debida promoción para ser visitado e sen a adecuada información de todo tipo sobre as figuras que alí xacen. Que forma, após de pomposas honras fúnebres retardatarias, e retóricas, de matalos para que non deixen pegada social! Que destino, vérense agora nun templo, de forma sobrevida e inesperada, propiedade da Igrexa católica, un home –Castelao– e unha muller –Rosalía–, escépticos en materia relixiosa e nada proclives ao catolicismo! Canto desleixo e abandono durante case que 25 anos!
É frecuente escoitar, en medios académicos presuntuosos, a idea de que non podemos vivir de mitos, como se o pobo galego os tivese de seu. Castelao, mesmo na súa vila natal, segue a ser, hoxe máis que nunca, basicamente un humorista e un debuxante retranqueiro, unha recorrente referencia localista. O contacto coa súa obra pictórica, gráfica, coa súa literatura –narrativa e ensaio–, coa súa traxectoria práctica na política, está secuestrado socialmente. É só algo bretemoso que se esvae difuso na vaga nebulosa da cultura galega. Dáse a nivel masivo un descoñecemento do seu papel histórico e do seu significado e valor onte e hoxe. Polo tanto, imposíbel o mito. Deberíamos revisar que mecanismo psicosocial, vinculado a unha concepción do poder e do moderno na Galiza, conduce a propórense desmitificacións cando ningún valor galego ten acadado esta categoría. Por falla de asunción social plena. Mesmo cando, nalgún caso se produciu a mitificación, é tan perturbadora e controlada que provoca a inversión do significado real da obra e da persoa: o caso de Rosalía.
A verdade é que non somos dabondo conscientes, por exemplo, do resplandor do noso segundo Renacemento cultural, o que se produciu entre 1914 e 1939. Carvalho Calero, tan pouco mitificado, hoxe tan ignorado e preterido polos mandaríns académicos, lembraba que, naquel tempo, o sentimento nacionalista era máis intenso, pero menos extenso que hoxe. É dicer, avanzamos no plano social-cuantitativo. Porén, a formación, a información, é fráxil. Necesitamos alicerces con fundamento na información e no coñecemento sobre a nosa traxectoria histórica, os precedentes e os seus esforzos e resultados, para descubrirmos a tradición, as prácticas, os valores de Galiza como un pobo con vontade por existir e ter un papel de seu no mundo. Este coñecemento, cos esforzos de hoxe, guiaranos por camiños relevantes e orixinais, non miméticos. A obra pictórica, a gráfica en xeral, de Castelao, tan novidosa e revolucionaria, tamén no plano artístico, non só debe ser catalogada debidamente, como se está a facer, afortunadamente, agora: debe estar visíbel á contemplación masiva e garantida a súa protección como un ben de interese público. Estivo a salvo do deterioro, mesmo da desaparición, durante estes 25 anos? En que mans está? A obra plástica de Castelao ten o valor suficiente para ocupar un lugar central en calquera infraestrutura museística relevante a nivel europeo e internacional. Ela soa xustificaría visitas demoradas, contemplación proveitosa con descubrimento de intencionalidades reveladoras, análises de técnicas e estilos artísticos vangardistas, diálogo coa arte universal ao servizo dunha cultura nacional galega. Os poderes públicos, se son conscientes do servizo á dignificación do país a través da posibilidade de información e coñecemento vedados ou menosprezados historicamente, debe considerar xoias a recuperar para a contemplación e a reprodución públicas o Álbum Nós, as Estampas, os Debuxos de Negros, Atila en Galicia, Milicianos e Galicia Mártir, os cadros e toda a obra gráfica e de deseño de Castelao.
Non resulta desnortado non contemplar, para adolescentes e mozos en xeral, a leitura de obras narrativas como Cousas ou Retrincos, tan sinxelas na súa fluidez narrativa, pero tan intencionadas e filosóficas a un tempo? Non son obras apropiadas para programar un plano de convite á leitura en lingua galega de forma masiva? Até cando vai durar o silenzo sobre Sempre en Galiza, na formación universitaria mesmamente, como se se puidese ignorar un esplendoroso ensaio, de múltiples formas e rexistos, sobre a traxectoria histórica e política de Galiza no contexto da Península Ibérica, e do mundo, de especial énfase na etapa na que aínda estamos nós mergullados como epígonos? Por que tanto medo a posibilitar unha alfabetización básica no terreo social e político cunha perspectiva de nós? Claro, Castelao tamén foi político: unha consecuencia inevitábel, tendo en conta as necesidades do país. A súa teimosía intensa, como a de outros, foi conformando sobre unha base material existente o rostro e a figura dun pobo que aspira á existencia. Non é posíbel facer a historia de Galiza no século XIX, nen a do Estado desde a nosa óptica, sen ter en conta os textos, os discursos, e práctica de Castelao, e doutros no seu afán por definir vontade política colectiva contra vento e maré.
A súa multifacética e proteica obra, tan intenso traballo e rupturista práctica social e política, non se poden despachar con desdén arrogante ou ignorancia banal; moito menos podemos conformarnos coa invocación do seu nome en ritos momentáneos, mentres se impide que a súa obra alimente as nosas vidas. Non podemos descualificar ou menosprezar unha tradición e non deixala descorrer libremente. Esperemos que, a partir deste ano 2009, a presenza da súa obra para coñecemento e disfrute, debate e diálogo, abra un panorama diferente para o espallamento da nosa tradición cultural e artística, para os nosos clásicos. Isto posibilitará o contacto cun campo de experiencias en todas as ordes, e de ensinanzas para os galegos e galegas de hoxe. Castelao é un caso sintomático do desleixo na promoción pública da nosa cultura, de menosprezo dos esforzos artísticos e políticos, xustamente dos que nos deron e dan vida.

 Posted by at 09:45

Sorry, the comment form is closed at this time.