Xan 182009
 

A AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), contando coa cooperación do Departamento de Cultura da Deputación de Lugo, está desenvolvendo unhas xornadas sobre as Irmandades da Fala e o Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo de 1918. A palestra celebrada o día 15 deste mes versou sobre o réxime económico que defendían os nacionalistas para Galiza naquel documento, verdadeiro salto cualitativo na evolución do pensamento político galego. Correu por conta do amigo e camarada, Xosé Díaz, unha persoa que se ten ocupado nestes cinco últimos anos de desvendar a ficción do sistema de financiamento, cando se quere facer crer que vivimos grazas á solidariedade do Estado. Era esta unha materia pendente no campo analítico concreto. Antes só existía unha tendencia, salvando honrosas excepcións, a santificar teses que non se sustentan na realidade, en concreto no verdadeiro deseño e funcionamento do financiamento autonómico en vigor.

Estamos na fase final das negociacións para estabelecer un novo, só no aspecto cuantitativo que non no cualitativo, sistema de financiamento. Para entendelo é interesante retrotraernos no tempo. Seguiremos o eco da palestra do noso compañeiro. O Manifesto do 18, defensor da “autonomía integral”, consecuentemente avogaba por un sistema de concerto para financiar o autogoberno galego. Era, pois, un réxime tributario galego independente do poder central, a soberanía fiscal plena. Galiza recadaba todos os impostos e facía a aportación que se fixase nos concertos económicos. Era un modelo similar ao actual concerto e convenio de Euskadi e de Nafarroa. Nesta mesma liña, os nacionalistas galegos, en vésperas de proclamarse a República, elaboraron un ante-proxecto de Estatuto, publicado polo Seminario de Estudos Galegos. En consecuencia co seu primeiro artigo (“A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Hespañola”), o sistema de financiamento implicaba a responsabilidade tributaria plena e a contribución galega necesaria ás cargas da Federación. Alexandre Bóveda, desde fóra do mundo académico, estudaba, en paralelo, con dados oficiais o aspecto económico-fiscal da proposta nacionalista. Bóveda, baseándose nos orzamentos do Estado de 1930, constatou que a recadación fiscal do Estado na Galiza acadaba a cantidade de 135 millóns de pesetas, e os gastos ou pagos dos distintos ministerios significaban 126 millóns de pesetas. Había, pois, unha diferencia favorábel para o noso país. Non se pode dicir que os nacionalistas galegos non foran previsores grazas a Bóveda. Moito menos que rexeitasen enlamarse no coñecemento dos números concretos.

Co gallo de negociarse o sistema actual no ano 2001, Aznar gobernante, certamente o BNG preocupouse de apresentar unha alternativa no Parlamento Galego cos principios do Manifesto e do ante-proxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos na súa tradución moderna. Sinteticamente: 1) carácter asimétrico do sistema, facendo distinción entre nacións e rexións; 2) territorialización completa dos tributos do sistema fiscal, isto é, soberanía fiscal plena; 3) cambio normativo para tributaren na facenda galega todas as actividades desenvolvidas no país; 4) creación da administración tributaria propia; 5) mecanismo de redistribución interterritorial, tendo en conta a renda relativa e as diferencias de servizos e infraestruturas. O novo estatuto de nación defendido polo BNG insírese nesta tradición.

Era unha necesidade premente coñecer como funcionaba este sistema e a orixe das cifras que se manexaban. En contraste cos abafantes discursos ideolóxicos sobre a solidariedade do Estado e a Galiza subvencionada, apareceron os mecanismos a través dos cais se conseguía a ficción. Máis vulgarmente canto ingresaba o Estado no aspecto fiscal na Galiza e canto gastaba. Os propagandistas da solidariedade comezaban por reducir os ingresos do Estado ás porcentaxes dos impostos que figuraban na cesta de tributos cedidos (33% IRPF, 35% IVE e 45% Impostos Especiais,…). Atribuían logo as cantidades transferidas polo denominado Fondo de Suficiencia á man benefactora do Estado, que completaba as necesidades de gasto que conlevan as competencias transferidas (fundamentalmente Ensino, Sanidade e Servizos Sociais). Mais a capacidade de Galiza son o 100% de todos os impostos soportados, incluídos ou non no financiamento, como resulta evidente para o máis parvo. A análise real dos dados oficiais referidos a 2006, último exercicio liquidado, dan un resultado contundente: os ingresos tributarios do Estado na Galiza ao 100% foron uns 11.625 millóns de euros. Polas porcentaxes de tributos cedidos total ou parcialmente o Estado devolveunos 4.046 millóns de euros e, en forma de transferencia directa, como Fondo de Suficiencia, 3.613 millóns de euros. En total Galiza recibiu 7.659 millóns de euros para atender as competencias transferidas. Hai un saldo de case 4.000 millóns de euros en contra nosa. Por moito que contabilicemos investimentos liquidados do Estado na Galiza no 2006, así como as subvencións xestionadas ou os convenios de investimento, o resultado seguirá sendo negativo para o noso país. Ula a solidariedade neste terreo da balanza fiscal?.

O novo sistema en negociación vai cambiar as porcentaxes dos impostos cedidos para xeralizar as que figuran non Estatut de Catalunya (50% IRPF, 50% IVE, 58% Impostos Especiaisi, …).Teremos maior aparencia de suficiencia; mais seguiremos sen ter a autonomía necesaria nin do punto de vista dos ingresos nin do punto de vista dos gastos. Eis o problema. Na actual negociación, a tensión estase a producir porque o modelo se vai dirimir non sobre a base dos custos reais de subministración, senón sobre determinadas variábeis, especialmente a poboación, que teñen significado e transcendencia política. A hora de estabelecer a necesidade de gasto en Sanidade, por exemplo, non é igual facer a ponderación debida de como incide no gasto a dispersión e os maiores de 65 anos, a non facelo. Sen dúbida vanse manexar os criterios de dispersión, de superficie, de envellecemento, de insularidade, da poboación menor de 18 anos, ou a poboación protexida equivalente en tres tramos de idade, alén da estritamente poboacional. Pero quen vai facer máis presión e a favor de que ponderación?

Un verdadeiro autogoberno non se pode sustentar nin no modelo actual nin no que se está a negociar. Tampouco agora quedará fechado para sempre como pretendía Aznar en 2001. O problema segue a ser este Estado unitario descentralizado, que só recoñece a soberanía do pobo español. Así non pode haber nin transparencia, nin autorresponsabilidade, nin redistribución territorial colectivamente asumida.

 Posted by at 20:12

Sorry, the comment form is closed at this time.