Xan 252009
 

Francisco Rodríguez

Informacións e comentarios puxeron o acento onde máis lle conviña ao medio respectivo. Todos se moveron dentro dun ton reverencial e admirativo. O cambio na Casa Branca sen dúbida abre unha nova fase interna en Estados Unidos, con algunhas consecuencias para o exterior. Máis difícil de aceitar e que abra unha nova era. Son precisamente as constantes tradicionais da política americana as que non aparecen subliñadas nen nas informacións nen nos comentarios hexemónicos na prensa española, en boa maneira representativa da europea. A etapa de Bush privou de toda lexitimidade á política internacional dos Estados Unidos pola súa descarnada agresividade e a súa violación descarada e continua das normas elementais dos estados democráticos. Intencionadamente as primeiras medidas de Obama están destinadas a prohibir o uso da tortura e a restaurar o respeito pola Convención de Xenebra. Esta iniciativa resultaba prioritaria para recuperar a lexitimidade moral dos Estados Unidos. Todos sabemos que é posíbel a agresión e a violencia con recursos máis sutís. Os panexiristas do modelo USA e os acólitos dun deseño imperial presentábel necesitaban estas rectificacións. Nun contexto tan indigno e preocupante como o que vivimos, non deixamos de valorar positivamente o retorno a formas democráticas. Na política, como na vida, non é certo o aserto de que canto peor, mellor. Encóntrome entre os que así pensan.

Porén, resúltame un pouco badoco, inxenuo e irresponsábel, para alén de desfigurador, non subliñar os límites do cambio e os principios negativos asumidas por Obama. Non esquezamos que o novo Presidente segue representando os intereses de grupos oligárquicos, metamorfoseados en intereses da nación americana. A parte máis extensa e sintomática, para mal, do discurso presidencial do 20 de xaneiro no Capitolio facía referencia á concepción de Estados Unidos como unha grande nación e o seu papel no mundo. Aceitando que viven unha crise, vinculouna non só a un problema económico interno, suxeito a datos e estatísticas, senón tamén a unha destrución de confianza, a un temor persistente “de que o declive de Estados Unidos é inevitábel”. Deste xeito enguedéllanse as cuestións da política interna coa exterior: restaurar os valores e ideais dos “nosos pais fundadores, enfrontados a perigos que a penas podemos imaxinar” para rexenerar a economía do país e exercer de faro da liberdade no mundo, reafirmando así a grandeza da nación. Non se desiste da tese asumida fanaticamente na etapa Bush: o país está en guerra “contra unha rede de violencia e odio de grande alcance”. Existe o mal como antítese dos valores que Estados Unidos defende. Enleado con elementos bíblicos, característicos dun discurso político sacralizado, ao servizo das clases dirixentes, Obama segue asignándolle a Estados Unidos o papel de pobo que recibe unha mensaxe reveladora: a obriga de actuar como exterminador do mal. A mensaxe evanxélica idílica fundaméntase no principio de igualdade, liberdade e felicidade para todos. Mais esta mensaxe hai que espallala e praticala a través dunha viaxe xa histórica, como pobo escollido, que conleva sacrificios, fe e empeño no pobo americano. Deus pídelles que “deixemos pegada nun destino incerto”. Máis unha vez, agora, son postos a proba, como o pobo escollido e os seus profetas na Biblia. Non poden interromper o camiño comezado desde que son nación, “coa mirada posta no horizonte e a graza de Deus con nós”. En boa lóxica, o remate discursivo é o dun sacerdote dirixíndose aos fieis: “Deus vos abenzoe, Deus abenzoe a América”.

Pregúntome como un discurso de inspiración tan providencialista pode ser tan louvado nunha Europa aparentemente tan reacia ao fundamentalismo relixioso. Lembremos a incomprensión co islamismo. Non quero pensar que se diría dos nacionalismos das nacións sen estado se xustificasen a súa causa nun camiño a percorrer marcado por Deus, nunhas ideas eternas e inalterábeis inspiradas providencialmente, que merecen ser exportadas e mesmo impostas aos que non as comparten. Só podemos entendelo se se padece unha admiración hipnótica perante un irredutíbel e conxénito idealismo americano, que non se está disposto a acreditar como real nos demais. Comentarista hai, caracterizadamente laico, que chega a afirmar que “o verbo se fixo Obama”. Está claro que potencia militar só hai unha, convertida por algúns en super-potencia mundial, tamén moralmente. A guerra “contra o terror” debe continuar, de forma máis humilde, con outras tácticas. Necesítanse maiores compromisos e conivencias dentro do mundo occidental e máis anestesias para o resto do mundo, contra os discrepantes ou simplemente contra os que aspiren a ser eles mesmos. A falla de lexitimidade do sistema, pola belicosidade tortuosa fóra e o declive e deterioro económico e social dentro, comezaba a ser un grave problema para as clases dirixentes. A ruína da clase media, a pauperización imparábel até a marxinación e a exclusión social de amplas capas populares, o sarillo irresolúbel pola forza bruta de Afganistán, a desgastadora e custosísima destrución e ocupación do Iraque, as burdas manipulacións e práticas suxas na denominada cruzada contra o terrorismo, clamaban polo cambio. Afortunadamente o mundo hoxe é moi complexo e plural. Resulta difícil que se aceite unha chefía superior por moi humilde que se apresente nas formas. O acceso de Barack Hussein Obama á Presidencia USA certamente ten un valor exemplar, e unha certa función pedagóxica e catártica, especialmente para a poboación negra marxinada. Pero se a ilusión é boa socialmente, éo na medida da incidencia para cambios práticos, non como auto-engano. Cos instrumentos con que conta Estados Unidos é posíbel un desenvolvemento interno da súa economía que provoque unha limitada rexeneración socio-laboral. Parece máis difícil que cambie o seu papel negativo a escala mundial se non rectifica a súa aspiración, de fundamentación divina, a dirixir o mundo. Eis a parte do discurso que se obvia nos panexiristas de Occidente. Nós non podemos obvialo. Non se pode contemplar o mundo cun único actor fundamental. Non se pode aceitar unha retórica discursiva que, debaixo de valores morais individuais e tradicionais, agacha unha pragmática de conveniencia egoísta e excluínte. Non é bo que ninguén se asigne o papel de pastor dirixente do mundo, por máis que xure sobre a Biblia. Moito menos é aceitar tamaña preocupación idealista, sempre en beneficio proprio e coa intención de evitar un declive inevitábel. Obama citou sen rubor aos que morreron en Khe Sanh, dentro do sendeiro dos que reafirmaron a grandeza de América, un episodio especialmente cruento da agresión neocolonial contra o pobo de Vietnam…

 Posted by at 10:11

Sorry, the comment form is closed at this time.