Feb 012009
 

Francisco Rodríguez

Non abonda con facermos análises rigorosas sobre o que está a pasar na economía. Non é conduta axeitada manterse no quietismo á espera do que outros fagan, esperando o impacto da súa forza de arrastre. Tampouco é recomendábel explodir de forma irregular, desordenada e desorientada, con protestas que aproveitan o desacougo subxectivo, pero non o canalizan cara a unha alternativa política realistamente transformadora. Actuando así, afondaremos na confusión e na descualificación da política, por moi agachada e enleada en contestación rebelde e iconoclasta que aparecer.

Esta crise do denominada por Alán Wolfe como capitalismo tardío (The limits of legitimacy, political contradictions of contemporary capitalism, 1977) resulta extrema en relación coas acontecidas en 1974 e 1980. É posíbel, e desexábel, que, para saírmos dela, se procuren alternativas que afortalen a democracia e non o autoritarismo. Hai moitas preguntas importantes sobre o futuro das nacións, sobre todo as que non teñen Estado proprio como Galiza.

A recesión da década dos setenta foi aproveitada polas elites do capitalismo tardío para reduciren as demandas populares e para reforzaren a pasividade política da xente. Desde entón avanzou o dominio dos monopolios en contacto cos aparellos estatais; utilizouse os representantes sindicais selectos dos sindicatos “responsábeis” para a aceitárense decisións antipopulares; impúxose a obsesión polo control dos salarios e dos prezos (a temida inflación), máis sobre os primeiros; intentouse a restrición da liberdade de palabra e de reunión; recortáronse os programas de benestar social; incentivouse a despolitización da xente; estendeuse o corporativismo monopolista a todos os Estados capitalistas; agrandáronse os mercados politicamente institucionalizados como a UE…Aconteceu como alertaba Wolfe que pasaría se non se convertía, a través da acción política democrática, a progresiva falla de lexitimidade subxectiva do capitalismo tardío en crise de lexitimidade obxectiva, cos cambios para unha nova lexitimidade, a dun modelo económico-social alternativo ( o control democrático da acumulación).

Para avaliar a situación crítica que estamos a vivir e orientar a nosa actuación política construtivamente cobran moita importancia tres advertencias de Wolfe. A primeira é que as elites do capitalismo, organizadas en varios foros ou plataformas máis ou menos opacas, non dubidan en escoller o capitalismo con autoritarismo se a democracia interfire nos seus planos. A segunda é que desexan sempre reducir a capacidade dos gobernos democráticos, que haxa menos expectativas públicas. Porén, aceitan, e mesmo esixen, o intervencionismo destes gobernos en momentos de crise para resolvela a prol dos seus intereses. Xa na década dos setenta, lembra Wolfe no libro devandito, os homes de negocios receosos do Estado, apoiaron o plano de Aldo Moro para “modernizar” a industria italiana, ou a inxección de sete mil millóns de Giscard en 1975 ou o orzamento extraordinario para os negocios do primeiro ministro inglés, James Callagham, en 1976. A terceira é que, malia as aparencias e a estrutura do poder, a xente común, o pobo, ten moito máis que dicir sobre o futuro político do capitalismo tardío que as elites dominantes, e moito máis cando se recorre ao auxilio explícito do Estado.

Respiramos unha atmosfera social de preocupación e deslexitimación individual (individualista?) do sistema, que se proxecta contra a política en xeral. A apatía e a pasividade, incentivadas polo capitalismo tardío, son o antídoto de calquera posibilidade de cambio e o caldo de cultivo para o despiste e para a atomización. O abstencionismo ou a hostilidade contra a “política, os políticos”, en versións varias, non son o camiño para escoller. A democracia, incluídos os procesos electorais, malia seren moitas das súas manifestacións alienantes, non son rituais intrinsecamente fraudulentos, merecentes do noso desafecto. Nas actuais circunstancias, é prioritario colaborar a que determinadas políticas avancen nos aparellos estatais, desde os gobernos. A cativa e limitada estrutura institucional democrática da Galiza necesita ampliar o seu ámbito competencial.

Unha transformación construtiva aquí pasa por que a política democrática, de consciencia e obediencia galega, reforce as súas posicións institucionais: é a única capaz de que a lexitimidade social da idea de Galiza como nación, como pobo, prospere e con ela a presenza da iniciativa pública e da capacidade de nosa participación e control colectivo na acumulación.

Certamente a política democrática ten defectos, provoca tamén insatisfaccións e pode colaborar á apatía. É lexítimo avaliar de distinta maneira o resultado da presenza do nacionalismo nun goberno con limitacións competenciais severas e con esta correlación de forzas. Porén só un hipercriticismo destrutivo pode negar a evidencia: o esforzo feito por defender a capacidade produtiva do país e os seus intereses colectivos, utilizando a iniciativa pública nesta batalla.

Esta recesión vainos pór a proba como pobo. O Goberno galego debe incrementar o número de actividades económicas nas que participe directamente. Ten que se esforzar, desde a parte de responsabilidade que lle toca, en osmose coas organizacións sociais, para lograr máis participación e compromiso colectivos. Necesitamos pensar construtivamente en solucións que transcendan as limitacións que o modo de produción capitalista imperante representa para Galiza.

O noso futuro como pobo pasa por reforzar a política de orientación nacional galega (o pobo galego existe e ten capacidade e responsabilidade), democrática (os intereses da maioría), impulsora da acumulación ou riqueza necesarias para un vivir digno. Esta última cuestión non é precisamente banal. Poden, e deben, discutirse as formas e os controis da acumulación, non a acumulación en si, se queremos unha opción política real e socialmente asumíbel (un anticapitalismo romántico a nada obriga: pode provocar satisfacción individual se ao mesmo tempo se desfruta dalgunhas das vantaxes do sistema). Eis a nosa contribución, a do pobo galego, para esta crise do capitalismo tardío non se saldar con resultados favorábeis para o autoritarismo político e a acumulación capitalista.

 Posted by at 09:11

Sorry, the comment form is closed at this time.