Feb 082009
 

A actual fase de globalización, que no Estado español significa máis españolización, impulsa os ataques contra os procesos de normalización de usos de idiomas nacionais como o galego, o catalán e o eusquera. Estamos perante un dos aspectos sintomáticos do conflito entre recentralización económica, política e cultural e democratización. O renovado discurso hostilizador agacha cinicamente os seus obxectivos a prol do dominio excluínte do castelán nos principios de liberdade e igualdade dos individuos, para alén da aposta por un suposto bilingüismo. Nesta espiral manipuladora chégase mesmo a falar de discriminación dos castelán-falantes. Acábase por enunciar sen ambigüidades a intención de modificar a limitada e cativa legalidade vixente en materia de cooficialidade do galego nunha dirección aínda máis restritiva e inoperante. A xestación e lanzamento deste asalto á razón e á verdade está nos núcleos de poder mediático, propagandístico, da metrópole madrileña e nos “intelectuais” e partidos ao seu servizo. Naturalmente, amplos sectores da sociedade española son debidamente intoxicados, non educados, en materia de igualdade de dereitos lingüísticos e mesmo galegos incautos, inxenuos, malinformados ou de fráxil ou nula identificación colectiva poden acreditaren en tanta falsificación, debidamente amplificada por poderosa mediática “rexional”.

A verdade é que na sociedade galega as relacións entre o castelán e o galego seguen sendo totalmente asimétricas. O proceso histórico de dominio social do castelán e subordinación, con progresiva exclusión/expulsión, do galego na nosa sociedade nen ten rematado, nen se ten invertido nunha dirección restauradora e normalizadora clara dos seus usos no país. Tanto é así que Alonso Montero, que anunciaba en 1973 a morte do galego en vintecinco anos, de non aplicárense xa entón medidas de oficialidade imposíbeis con aquela legalidade, vén de renovar a súa sentenza, como se a desexase (desexo que atribúe ao suxeito colectivo pobo galego) á vista dos resultados nos anos de democracia. Certamente o galego apareceu en ámbitos e funcións dos que estaba excluído, gañou espazos culturais e políticos con certa plenitude. Porén, non se detivo o proceso de asimilación ao castelán en todas as clases sociais, nas sucesivas xeracións e nas distintas etapas etarias e xéneros. Tampouco cambiaron as normas de uso que establecen a subordinación do galego ao español, de tal maneira que mesmo galego-falantes habituais cambian de idioma na súa interrelación cun español-falante na Galiza. Non falemos da distancia que segue habendo entre uso oral, coloquial do idioma galego, e translación ao uso escrito, formal, oficial e de consecuencias legais.

Seguimos vivindo cunha concepción do galego como unha realidade secundaria, un instrumento non útil, destinado todo o máis a un amor ideal, non práctico. Foi este sentimento o que se alimentou durante todos os anos de bilingüismo harmónico fraguiano. Aquí non hai conflito. Pero a verdade é que resulta imposíbel vivir as 24 horas do día en galego no propio país sen sentir a discriminación ou a represión. É máis, resulta imposíbel acceder ou permanecer en moitos postos de traballo de grandes ou medianas empresas co galego como primeiro idioma de uso. Tan imposíbel como a pretensión de, pagando relixiosamente moitos servizos –gas, electricidade, telefone, seguros, hospedaría e comercio en xeral–, termos garantido o dereito de atención, oral ou escrita, en galego. Mesmo no ensino, lugar preferente para a aplicación da cooficilidade en nome da necesidade de coñecer as dúas linguas, a do país non chega nen de lonxe a ser a veicular do 50%. Terei que informalos do calvario que representa para un galego-falante, consciente dos seus dereitos, toparse coa Administración de Xustiza? Non resulta paradoxal e irónico? Obxectivamente vivimos unha dualidade valorativa e un desequilibrio real entre os dous idiomas.

Que se persegue realmente coa defensa cínica desa Galicia bilingüe? Un obxectivo claramente político: o pobo galego non existe, non é fonte de ningún dereito; só existe o pobo español, unha única nación que coincide cun único Estado e unha única lingua de verdade: o castelán. O poder institucional, económico, cultural e ideolóxico dominante debe ser a única fonte de lexitimidade e legalidade. A trapela de que só hai individuos, de que as linguas e os territorios non teñen dereitos, serve como anel ao dedo xustamente para quen se aferra a España como patria única, común e indivisíbel de todos os españois.

Quen enarbora a bandeira da lingua española como única merecente de dereitos e deberes plenos. Quen non quer respeitar os dereitos individuais dos galego-falantes a vivir con normalidade na súa propria Terra. Quen nega que o galego sexa a lingua propria, orixinaria de Galiza. Quen, abenzoando o dereito de conquista, se alporiza polos topónimos do país seren restaurados legalmente ás súas formas primixenias, non deformadas como caricatura. Quen viola mesmo con prepotencia a legalidade da cooficialidade vixente e chama mesmo aos seu incumprimento no ensino. Quen necesita facer unha inversión trapalleira da realidade para xustificar a súa axitación irracional. O seu propósito real: unha Galiza sen galego.

As linguas son fenómenos, sistemas sociais: os individuos son os seus utentes. Non poden existir estes sen aqueles. As linguas teñen unha base territorial que sustenta as sociedades que as falan. Tan difícil resulta entender que a base territorial do galego é Galiza? Que deben tomarse medidas de alcance colectivo, social, políticas, a través da promulgación de dereitos para os seus falantes e asunción de deberes para as Administracións Públicas, con vistas a acabar coas discriminacións e desigualdades sociais que condicionan o seu uso? Non resulta evidente que quen está en perigo, dentro do seu territorio, é o galego, precisamente pola carencia dunha política lingüística verdadeiramente democrática? Non resulta lóxico e necesario asumir que a lingua preferente da Administración galega, do autogoberno galego, ten que ser o idioma proprio do país? Os axitadores con intriga e pesebre na Corte e tentáculos na provincia do Imperio non se moven pola querencia dun bilingüismo ideal. Móvense guiados pola afán de paralizar e destruír o proceso político de conformación dun Estado que sexa produto dunha relación entre iguais, pobos e persoas.

A conquista de igualdade do galego co castelán significa para eles un chanzo cualitativo que non están dispostos a tolerar. Só por albiscaren a posibilidade remota de que se poida lograr, arman semellante balbordo intoxicador… 

 Posted by at 09:12

Sorry, the comment form is closed at this time.