Feb 162009
 

Francisco Rodríguez

Vivimos un momento de grande trascendencia política. Nesta conxuntura, mesmo dentro das dificultades xerais, vai ser, está xa a ser, crucial a capacidade de decisión que se expresa a través de instrumentos políticos. O grao de independencia política, de autonomía integral ou relativa con que conte cada pobo para reaxir vai ser determinante para enfrontar a crise económica, para o resultado posterior e para a posibilidade de aparición dun novo modelo ou sistema. Cómpre lembrar que chegamos a isto após a dominancia universal do capitalismo financeiro, coa derivada de desigualdades de toda caste, e varias guerras “preventivas”, trofeo do hexemonismo militar dos Estados Unidos, garante do statu quo. Non cabe dúbida de que a contestación máis arrichada contra este deseño, proveu precisamente de pobos con réximes políticos que fixeron e fan uso do Estado proprio, previos procesos de democratización, para defenderen os seus dereitos e intereses. Isto é, conquistaron o dereito a exerceren a súa capacidade política de decisión autónoma, non dependente, a súa soberanía. Non pode estrañar que este acceso a unha real independencia se producise nos últimos anos, na periferia do sistema, por exemplo Latinoamérica. Como tampouco pode estrañar que sexan estes réximes políticos obxecto de preocupación, intimidación e campañas de descrédito por parte dos poderes globais.
Neste contexto, cos retos que se abren para o futuro, non resulta indiferente que se reforce ou dilúa a consciencia de sermos pobo, nación diferenciada, malia formar parte dun Estado que non o recoñeza nen teña amosado predisposición até o de hoxe a mudar a súa estrutura de poder institucional conforme á súa realidade plurinacional. A realidade obxectiva da nación ten que expresar a súa vontade política se de verdade desexamos contar cos instrumentos necesarios para podermos construír un modelo ou un sistema alternativo, beneficioso para o pobo galego. A necesidade dun novo estatuto de nación para Galiza insírese nesta dialéctica de urxencia material. Para alén de que sexa necesaria unha reforma da Constitución española que contemple a viabilidade dun Estado de nacións confederadas, o debate e a proposta concreta dun novo estatuto de nación significa a posibilidade dalgún avanzo cualitativo no autogoberno, na capacidade de decisión, e a mellor maneira de premer desde abaixo coa vista posta naquel obxectivo. O resultado, derivado, entre outras condicionantes, da correlación de forzas existente no futuro Parlamento Galego, poderá ou non ser aceitábel, pero a tarefa, o empeño, é ineludíbel desde unha posición consciente. Non estamos a falar dun problema superestrutural, dunha formulación ideolóxica, que poida esperar, premidos por outros problemas “máis urxentes” (paro, redución do consumo e do comercio, falta de crédito e de financiamento para as empresas e as familias, máis concentración monopolista dalgúns sectores produtivos, declive económico, deterioro social…). Precisamente estamos a falar do instrumento que nos capacite para poder actuar máis e mellor, responsabilizándonos como pobo, perante os devanditos problemas, que estamos ou imos padecer nas nosas carnes de forma aguda. O poder político institucionalizado de Galiza non pode contentarse con ser observador impávido, impotente ou resignado porque non conta coas debidas capacidades e competencias inherentes á administración pública dun verdadeiro autogoberno. Non existe, pois, unha dicotomía entre problemas urxentes e necesidade de avanzo no autogoberno: este é o instrumento, a capacitación para enfrontármonos a aqueles desde unha perspectiva acorde cos intereses da sociedade galega.
Precisamente, nesta atmosfera de aparente perplexidade e desorientación, está cobrando peso a idea de que se necesita máis intervención pública, tamén na economía. Uns acéitano como un mal menor e de forma limitada no tempo, para amañar os estragos do sistema. Outros consideramos que é a oportunidade para perfilar a súa rectificación nunha orientación que obxectivamente poda conducir ao socialismo. En todo caso, a capacidade de decisión, e ao servizo de quen, vai ser determinante. Resulta todo un síntoma constatar como Paul Krugman, o Nobel americano, conduce o seu discurso paseniñamente á conclusión de que o recurso ao erario público debe ir acompañado do corolario lóxico, a propiedade pública, por exemplo da Banca en apuros. O concepto “público” e “servizo” están intimamente ligados á definición do poder político e do pobo en nome de quen se lexitima. Velaí por que non é indiferente que se reforce a existencia do pobo galego como suxeito de dereitos políticos. Tal é a importancia do nacionalismo para Galiza nesta fase da globalización capitalista e do esforzo pola súa rectificación. Tal é a importancia de que o texto estatutario nos defina como nación.
Por outra parte, semella contraditorio intentar solucionar os graves problemas derivados da globalización capitalista con máis globalización. De momento, asistiremos a unha certa parálise. Os Estados centrais da UE e os Estados Unidos tomarán medidas efectivas para unha conveniente maior autoprotección da súa economía. En paralelo os discursos oficiais alertarán contra os perigos do proteccionismo. Paradoxo hoxe xa ben evidente entre o que din hipocritamente as autoridades comunitarias e o que fan, por exemplo, Franza, Alemaña, Italia ou Gran Bretaña. Non falemos do que fixo e fai, máis aínda agora, os Estados Unidos. Se para regular e controlar eficazmente o capital financeiro habería que lle pór límites ao seu comportamento e ás posibilidades da súa translación internacional, da mesma forma a produción e o comercio deberían guiarse por principios de intercambio igual, vantaxes comparativas, racionalidade e multilateralidade. A participación dos poderes democráticos nacionais nesta regulación e control, e no establecemento dos devanditos principios, poden conformar un deseño verdadeiramente internacionalista, que non globalizador. Inevitabelmente a racionalidade e o beneficio mutuo cos intercambios non desequilibrados terán que posibilitar a recuperación de sectores produtivos nalgunhas nacións, a reformulación noutras e un mellor reparto da riqueza sempre. Vai ser moi difícil superar a actual situación a favor das maiorías na Galiza, condición para existirmos como pobo, se non se defende a recuperación agraria e industrial, se non contamos con instrumentos financeiros de nós e se non hai unha regulación equilibradora do comercio. Non será oportuno e proveitoso contar con máis autogoberno precisamente nestas circunstancias?

 Posted by at 09:44

Sorry, the comment form is closed at this time.