Feb 222009
 

Unha das eivas máis graves que padece a sociedade galega é a de non contar cunha información suficiente e axeitada sobre o seu devalar histórico. É posíbel que se trate da nación europea que padece a maior ocultación, anulación e manipulación sobre o seu pasado, especial e significativamente o medieval. Sen dúbida a operación consistiu en proxectar a situación actual de dependencia, secundarización e marxinalidade, o noso papel político periférico, cara atrás. Mellor dito, en facer cadrar a nosa integración e dependencia da España hoxe coa visión retroactiva da historia, como se nunca existisemos por nós mesmos, de forma autónoma e diferenciada. Isto obrigou a unha operación manipuladora iniciada xa hai séculos, desde o XV, pero consolidada e construída ad hoc, sobre todo desde mediados do século XIX, cando realmente se articulou, contando entre outros factores poderosos, cun discurso histórico oficial e dominante, o que o hispanista norteamericano Inman Fox denominou “ a invención de España”. Identificouse o Estado capitalista e centralista coa a idea dunha única nación, a española, de base cultural e lingüística castellano-andaluza, de existencia mítica secular.

Ás veces esta proxección retroactiva chega até a Hispania romana, que era en realidade unha conceptualización xeográfica, e non política. Nesta construcción ideolóxica hexémonica da historia de España, a nación que máis padeceu a desfiguración foi Galiza. A súa historia, desde o século IV deica o século XV, sobre todo, resulta incompatíbel cos mitos da historiografía española. É máis, debe ser anulada, menosprezada ou suplantada para non recoñecer o seu papel central, non periférico,na Península Ibérica e mesmo para non constatar a súa función irradiadora e nuclear, na parte occidental, do ponto de vista político, demográfico, económico e cultural. Hai que atribuírlla a outros: Asturias, León e Castela, de forma progresiva. O resultado: Galiza, o reino que nunca existiu. Non son poucas as consecuencias sociais desta manipulación.

O nacionalismo galego quere prestarlle, como fixo sempre, agora de forma máis premente, a debida atención a esta carencia, que desgrazadamente non se puido afrontar desde o sistema educativo aínda, nen sequera do universitario. As contribucións de historiadores como Francisco Carballo, Lois Ovelleiro, Bieito Alonso e Anselmo López Carreira, rescatando e continuando, en certa maneira, a nosa tradición historiográfica decimonónica, Manuel Murguía , Benito Vicetto e Antonio López Ferreiro,resultaron vitais para recuperar a verdadeira historia política do noso país e para a súa divulgación, malia for de maneira limitada. Os aparatos académicos e institucionais estiveron á marxe e en contra da revelación necesaria.

Acomodáronse á visión imperial española, embora moitos dos seus membros fosen conscientes da ocultación ou desfiguración operada, entre outras cousas por teren prestado algunha atención investigadora a períodos ou sucesos cruciais para a nosa evolución como nación. Dentro da perspectiva de espallamento público da historia oculta ou negada, temos que entender a celebración do I Simposio de Historia en Terra de Lemos, celebrado en maio de 2007, en Monforte, e a exposición Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia, que se nos ofrece estes días no Centro Cultural da Deputación de Ourense, de grande interese didáctico e importante impacto social neste caso. Ambos baixo a dirección e coordenación de Anselmo López Carreira, quen contribuíu e contribúe poderosamente a desvelar a historia medieval galega en todo o seu esplendor e conflitividade, agora contando co patrocinio da Consellaría de Innovación e Industria. Toma a así corpo a proposta formulada no seu día por Ramón Ermida, membro do Consello nacional do BNG e responsábel comarcal da Mariña, sobre a necesidade de recuperar a información sobre o importante papel xogado polos Castro, a familia condal galega, como clase dirixente do Reino de Galiza, especificamente na segunda metade do século XIV, e as súas influencias na Corte portuguesa e na do Rei de Galiza, León e Castela, Don Pedro, denominado na historiografía española, “el Cruel”. Un bo motón de mostra para enfiar o discurso histórico que permita evidenciar a etapa anterior de reino orixinario e central entre os occidentais da península e a posterior de integración subordinada na Coroa de Castela. A exposición de Ourense é modélica e sintomática de canto temos que revisar e canto cómpre coñecer.

Desde hai moito tempo veño considerando que a evolución da Galiza, desde o esplendor á subordinación, é inexplicábel sen termos en conta a segunda metade do século XIV, desde 1350 a 1400. Dentro do panorama europeo da guerra dos cen anos, as contradicións na Península Ibérica desembocaron nun conflito de clases, de nacións, de relixión e de culturas, incluída a lingua. A alternativa galega, representada por Don Fernando de Castro, Conde de Trastámara, Lemos e Sarria, Gobernador de Galiza, unha especie de primeiro ministro e xeneral de Pedro I, significaba a amizade e o acordo, a identificación con Portugal, o amparo da burguesía mercantil das cidades e portos galegos, moita dela de relixión xudea, a convivencia co Reino mouro de Granada e unha colaboración coa nobreza eclesiástica, de lealdade interna. Podemos falar dunha alternativa nacional galega, expresada elocuentemente no prestixio de Fernando como dirixente e na fidelidade da maioría do pobo galego á causa que el representaba,durante 50 anos, mesmo após a súa morte. O deseño político contemplaba a unidade con Portugal, causa que tiña nos seus medio irmáns, Inés de Castro, amante e esposa secreta do príncipe portugués Pedro, máis tarde rei, e Alvar Péres de Castro, conde de Arraiolos, valedores eficaces, alén doutros moitos nobres galego-portugueses, xa que non se podía facer entón unha distinción clara entre estes dous xentilicios, nen por terras posuídas nen por lealdades ou fidelidades. Xa Victoria Armesto tiña reparado, na súa Galicia feudal, nesta vocación de unidade, de tendencia natural, que, de terse consumado, tería posibilitado outro mapa político da Península e outra sorte histórica para Galiza, como nación e como pobo. A morte no exilio de Fernando, como a de centos do seu bando, o asasinato de Inés, o expolio das terras galegas dos Castro, o roubo dos seus títulos, levados a cabo polo denominado(ironías da historia!)Enrique de Trastámara, significaron un golpe mortal para o deseño político dunhas clases dirixentes que falaban galego, escrebían en galego e comprendían o importante papel económico e social do comercio entón…Este é só un episodio da historia que espera a ser revelada de forma masiva…

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.