Feb 242009
 

O nacemento de rosalía o 24 de febreiro de 1837 nunha casa entre o Camiño Novo e a estrada de Conxo, en Santiago de Compostela, marca o inicio do camiño vital da persoa, unha muller, que Galiza, como pobo, como nación, necesitaba para mirarse no seu verdadeiro rostro e para asumirse sen autonegacións. Non se repara o suficiente no feito de sermos a única nación europea que ten unha muller como símbolo, alén de ser o máis excelso entre os poetas clásicos do Primeiro Renacemento (século XIX), a tríade da que forman parte tamén Pondal e Curros, de grande calidade e vixencia. Rosalía optou pola súa condición de galega, e chamou as xentes á guerra para nos converter en pobo consciente, usando a lingua galega como lingua de cultura e afirmando o dereito a existirmos como diferentes, a non renunciar a nós mesmos, a vivirmos libremente na nosa Terra.

Foi esta muller da fidalguía rural arruinada, pobre, criada en contacto coas clases populares, pero ben formada e informada culturalmente, contra o que se adoita dicer, a que expresou a conciencia nacional, nacionalista, xenuína no século XIX.

Nunca veremos na súa obra literaria, da que ela aspiraba a vivir como profesional, o menor indicio de sentimento español, xustamente nun momento no que o progreso capitalista e a “modernidade” se identificaban coa españolización.

Moral e ideoloxicamente moi avanzada, nunca se avergoñou por ser filla de solteira, nen por ter un pai crego, a quen coñeceu e recoñeceu publicamente, nen se acovardou para expresar os verdadeiros sentimentos dos seres humanos, os seus de muller heterodoxa.

A súa vida non foi fácil. Acabou por converterse nun martirio, asumido con dignidade patriótica. O seu discípulo Curros tíñao claro: “comesta dos lobos/comesta morreu”. O mito veu máis tarde, post-mortem. Naturalmente, adulterado… 

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.