Mar 082009
 

Para o nacionalismo galego os resultados das recén celebradas eleccións autonómicas foron negativos. Ao revés do que se dicía, a maior participación (a máis grande en todos os procesos desta caste) posibilitou un cambio a favor do Partido Popular. Había varios factores potenciais para provocar unha onda de fondo social para o cambio de Goberno na Galiza. Perante a crise económica existe unha tendencia a crer que o PP pode actuar mellor. A fórmula dun Goberno bipartito BNG-PSOE non parecía tampouco a máis adecuada para enfrontala e mesmo se considerou inapropiada en si, preferíndose unha maioría monocor. Esta foi a visión hexemónica socialmente. Os electores do PP, unha parte importante dos do PSOE e os desafectos ao BNG promoveron esta onda de cambio.

Naturalmente non abonda co contexto potencial. A forma como se percibiu a actuación do bipartito resultou decisiva. Limitareime ao BNG, sen dúbida o único que tivo intención de realizar políticas diferentes ás do pasado. Non se pode negar que iniciou a aplicación de importantes medidas de carácter estratéxico (Banco de terras, Lei de Montes, Seaga, reorientación da política enerxética…). Os efectos só se podían visualizar a medio ou longo prazo. Tamén comezou a sentar as bases dun sistema de benestar (Consorcio), contando co uso da lingua nacional (Galescolas). A hostilidade manifesta dos medios de comunicación hexemónicos de dentro e fóra de Galiza foi visceral, dentro da súa liña manipuladora sobre os "excesos identitarios" e a suposta imposición do galego. Non faltou tampouco o colaboracionismo do sindicalismo estatal no balbordo. Sen dúbida houbo intención, manifestada en normativa, de mellorar a calidade das vivendas e de potenciar a de iniciativa pública, contestada polo sector da construción. Son un pequeno botón de mostra. En definitiva, houbo moitas medidas positivas, que debemos defender, pero de incidencia social escasa durante a lexislatura. Sen embargo, unha cuestión tan importante como a aplicación da Lei da Dependencia, fundamentalmente por falla de medios atribuíbel ao Goberno do Estado, deixou que desexar, contrastando a propaganda oficial do inicio coa súa aplicación en relación coas expectativas creadas… O BNG, empeñado en executar alternativas de calado, recibiu ataques nos que se mesturaban dúas acusacións: a práctica clientelar e a orientación ideolóxica nacionalista. A acción do BNG no Goberno tiña unha incidencia contraditoria: o moito que se fixo de positivo era aínda de incidencia social limitada, e mesmo resultaba conflitivo. O negativo agrandouse mediaticamente de forma intensiva e manipuladora ou con destino a sectores especialmente sensíbeis. Desde logo, tampouco o noso socio de goberno, que controlaba o aparato xurídico-administrativo e contábel, favoreceu a axilidade da nosa acción nen as nosas iniciativas.

O Goberno (BNG) gozou dunha autonomía sen límite respeito do BNG organización. Paseniña e tardiamente foi habendo maior ósmose para rectificar erros, tanto no que afectaba á base social nacionalista organizada como en relación con temas de grande importancia. Debo recoñecer que a nosa actuación foi errática e absurda en relación coa RTVG. É claro que mesmo os informativos eran dun total sectarismo pro-PSOE e a programación non estaba á altura dos cambios mínimos que se esperaban. Non se elaborou sequera a lei para o Parlamento elixir o seu director, malia figurar no pacto de goberno. En relación cos medios privados seguiuse unha política incoherente, sen calibrar que tipo de empresas ideolóxicas estaban detrás.

Resulta inquietante o papel desempeñado dentro do país por La Voz de Galicia. Foi o xornal que máis diñeiro público recibiu do Goberno galego e da RTVG por programas externalizados. O seu anti-nacionalismo, xa tradicional, foi increscendo sen límite e reparo de ningún tipo. Participou activamente no deseño para levar o PP ao goberno. Promoveu aquí as campañas anti-nacionalistas, de xestación inicial madrileña, como a referida á imposición do galego. A teimosía obsesiva contra o Plano Eólico evidenciou o seu servizo a intereses materiais concretos. A perda dun deputado por A Coruña é inexplicábel sen a incidencia negativa do xornal coruñés: o 77% dos votos perdidos polo BNG está nesta circunscrición electoral.

Cecais cómpre cavilar no rubicón moral que se atravesou nestas eleccións. Os dirixentes do PP deben calibrar cal pode ser o resultado se todos nos adicamos a enlamar as campañas con mentiras, medias verdades ou mesmo verdades enteiras sobre a vida persoal e íntima dos candidatos e candidatas.

Os resultados foron así por esta interacción de factores. Certamente existía unha imaxe do BNG distorsionada que afectou aos sectores desafectos ou descontentos coa nosa política no goberno. Foi quen retirou o apoio. Sen afán de auto-xustificar nada, sería tamén necio non ver que o debate ideolóxico produciu unha españolización política, ideolóxica e cultural (incluída a lingua), que ten especial incidencia nas cidades. Como parece evidente, dentro da onda xeralizada na Europa, que esta crise está a provocar máis confusión e individualismo en amplas campas sociais. A reacción perante estes resultados ten que ser crítica pero serea e activa, quer no plano político, quer no plano organizativo. A nova situación vainos posibilitar eliminar distorsións do noso perfil político. Realizaremos unha oposición útil ao servizo dos intereses do pobo galego. Non son momentos para o desánimo.

Benvida sexa a crítica, a auto-crítica, os cambios necesarios no BNG. Porén non resulta pedagóxico nen construtivo nen leal que desacrediten o BNG aqueles que, ocupando postos de responsabilidade na organización, e mesmo nas institucións, nunca abriron a boca nos organismos para facer valoracións concretas da actuación no goberno galego. Mesmo practicaron o absentismo máis irresponsábel e anti-democrático. Como resulta tamén chamativo que algúns comentaristas, incluso de profesión académica, antes aduladores, resulten agora os primeiros en desacreditar o bipartito. O rigor intelectual e moral esixe certa coherencia.

O nacionalismo é unha necesidade para Galiza. Non é indiferente a forma de encarar procesos difíceis e mesmo críticos. Non somos unha fanquicia dunha grande empresa exterior. Colectivamente enfrontaremos a situación. O BNG segue a ser o principal instrumento de defensa do pobo galego. O labor do BNG na Xunta, malia as deficiencias e eivas, ten significado acertos, dos que non imos renegar. Estase xa a comprobar como o PP está disposto a destruír ou cambiar a orientación do que o BNG ergueu. Hai mellor proba de que algún cambio houbo?

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.