Mar 102009
 

Asistín á manifestación do 8 de marzo, coma sempre, e, unha vez máis, puiden comprobar o cinismo e a incoherencia que moitas persoas practican sen rubor.

Ao final da manifestación unhas mozas novas tiraban ao aire e, por tanto, ao chan, centos de papeliños coas súas consignas. Malia estar de acordo coa necesidade de lanzar consignas para concienciar, non comparto en absoluto métodos coma este, pois os ditos papeliños acaban quedando no chan sen que ninguén os colla ou os lea e, por tanto, non pasan de ser un acto de opulencia e contaminación: tirar o valioso papel, non reciclado, de cores con tintas contaminantes e así lixar a contorna urbana e darlle máis traballo ás sufridas asalariadas.

É o mesmo fenómeno que cando se soltan globos, parece que queda moi bonito, mais ser é unha maneira máis de botar lixo na atmosfera, que logo é transportado a lugares imprevisíbeis. Pois ben, pareceume axeitado darlles a miña opinión, porque se cadra elas non tiñan reparado no feito, e atopeime con que acabaron berrándome porque elas non falaban con persoas da organización política da que eu levaba un adhesivo no peito, e á que pertenzo, claro. Elas berráronme a min, mais se negaban a escoitarme… boa forma de dialogar, si. Así que non lle puiden dar as miñas razóns que son as seguintes.

Primeiro, paréceme unha incoherencia manifesta predicar o compromiso social da loita contra a destrución ambiental: oporse a portos deportivos ou instalacións acuícolas e logo botar papeliños polo aire, coma quen que iso nin emporca, nin contamina. Pois si emporca e contamina e ademais non ten efectividade ningunha. Por tanto, se noutro momento nos declaramos ecoloxistas, sexámolo a todos os efectos.

Segundo, o que me faltaba por oír nun acto do día da muller é que non fala comigo, e está falando, mellor dito berrándome, porque me identifico cunha organización política. Eu non sei se esta mociña se dá conta do que di, porque por un lado estame negando o meu dereito a identificarme politicamente, ou sexa, a pensar politicamente e expresalo, máis claramente, case está cuestionando o meu dereito a militar politicamente e facelo onde a miña liberdade mo pida e, por outro, está esquecendo que esa é, precisamente, unha das maiores reivindicacións das mulleres. Levamos anos e anos reivindicando o noso dereito a estar en todos os espazos, o laboral, o social e, por supostísimo, o político. Sobre todo no político, actuando e construíndo para acceder e estar no poder. Ese é un obxectivo fundamental, empoderarse, e para iso, hai que organizarse politicamente, formar parte das organizacións políticas e situalas no feminismo e nas súas reivindicacións.

Ou sexa que esta moza, desde o meu punto de vista, claro, está completamente errada ou practica o máis descarado cinismo, o cinismo dos e das que se declaran apartidarias e rexeitan ás que nos identificamos politicamente, cando lles convén. Son as que, os que, aceptan o apoio, o financiamento, a cobertura e o traballo desas organizacións políticas, mais logo dinlle que non poden pór a súa pancarta en determinado lugar.

O cinismo das que, dos que, queren que te deixes a pel nas loitas necesarias, que deas a cara cando veñen os golpes máis duros, mais logo pídenche sen se pór rubios que non esteas ao seu lado porque todo o mundo sabe en que partido militas, que pases a un segundo plano para non saír na foto, e iso que estás afectada por ese problema concreto, tanto ou máis ca eles, ou elas, que o que queren é ter unha plataformiña para se colocar no escaparate da poxa política.

En fin, cinismo e incoherencia, algo que, os aspirantes a estar sempre en contra, practican diariamente.

Marta Dacosta, 8 de marzo de 2009.

 Posted by at 11:40

Sorry, the comment form is closed at this time.