Mar 152009
 

Ás veces cómpre revisar ou simplesmente lembrar o pasado para comprender mellor o presente. O nacionalismo galego prestoulle sempre grande importancia ao noso idioma, como un elemento substancial da nación. Entre 1916 (nacemento das Irmandades da Fala) e 1936 (alzamento militar fascista), un período significativo do proceso de conformación e actuación do movemento nacionalista galego, os dirixentes e mesmo os militantes da causa tiñan un comportamento tendente ao monolingüísmo en galego en canto artistas e escritores, ou nas súas actividades políticas. Nas súas relacións familiares e sociais eran bilingües-diglósicos, isto é, o galego segundo con quen, en que función e en qué ámbitos, por máis que o sentisen como o seu idioma proprio. Vivían nunha atmosfera social predominantemente galego-falante, nos usos orais e coloquiais, en contacto cunha masa labrega e mariñeira naturalmente monolingüe que, polas súas condicións de existencia, non se vía forzada a penas a facer uso do castelán. Os nacionalistas non vían entón un problema de supervivencia para o noso idioma. Vían un problema de legalidade, de cooficilidade: a realidade politico-administrativa debía reflectir a realidade social. Desde logo sentían a desvalorización do galego, o menosprezo e a discriminación dos seus falantes, no conxunto da desconsideración negativa da nación galega.

O autodesprezo pola lingua nacional foi inoculado por séculos de política imperialista, isto é, de subordinación a un poder alleo, coa lóxica consecuencia da anestesia da dignidade colectiva, como Castelao explicaba. Como se actuou coa toponimia e os antropónimos orixinarios evidencia a saña destrutiva, caprichosa, do colonizador que, non contento con excluír a lingua do mundo oficial, se empeñou en deformala, acastrapala. Os nomes xenuínos de lugares e os das persoas, na mellor tradición colonizadora, foron rectificados sen pedir permiso ao indíxenas. Debía ficar claro que a dependencia e a subordinación se manifestaba nunha nova maneira de designar, deforme e sen sentido. A nosa terra e a nosa xente debía ser rebautizada desde unha imposición tiránica. Tiñamos que perder a fonte orixinaria, ficar sen memoria de nós. Defendémos e logramos unha legalidade toponómica que non fixo máis que restaurar a fonte prístina do que criamos, liberándonos do hibridismo e do esperpento. Castelao debeu pensar moitas veces que era esta unha tarefa inxente, unha conquista difícil Que mal o aceitan algúns e que resistencias indignas dentro, coa axuda poderosa de fóra!

Hoxe, agora, temos unha sociedade sometida a un proceso globalizador- españolizador máis intenso. A transnacionalización económica, a dependencia informativa, a inexistencia dun marco de comunicación de nós, a desprotección institucional, en fin, a estrutura do poder, en todas as súas dimensións, provoca maior desamparo, fraxilidade e fragmentación para os usos do galego. A consecuencia é unha sociedade maioritariamente diglósica, coa subordinación-eliminación oral do galego en ascenso. Non existe a masa ampla labrega e mariñeira ambientalmente monolingüe. Existen individuos diseminados que o son tendencialmente, con conciencia. Por primeira vez na historia, sen embargo, se teñen producido procesos limitados de normalización cualitativa do galego, de oficialidade restritiva, levándoo a usos, funcións e ambientes dos que estivera excluído, comezando polas institucións políticas e polo sistema educativo.
Desta maneira, os nacionalistas vivimos entre a angustia polo proceso negativo, os retrocesos nos usos sociais, a perda de falantes, e a expansión de sectores monolingües en castelán, e o esforzo político democrático por dotar ao noso idioma e aos seus falantes reais e potenciais de dereitos que os amparen perante as administracións públicas. Especialmente coa chegada do bipartito criouse máis expectativa ( o debate sobre un novo estatuto) e houbo pequenos logros (galescolas, decreto) que deixaban albiscar avanzos nesta xeira. Desde o exterior, con toda a artillaría mediática, e no interior co colaboracionismo oportuno dos intermediarios de sempre, lanzouse unha guerra brutal para derrubar os mínimos logros e demonizar o proceso ou aspiración normalizadora do galego. A xestación madrileña desta estratexia, contando con poderosos medios, responde á crenza de que a restauración social do noso idioma inflúe na restauración da dignidade colectiva, da conciencia sobre a realidade, na conformación dun espazo de comunicación xenuíno, na visión de que existe pobo galego e que a lingua é un dos seus símbolos e instrumentos de definición política e psico-social. Hai, logo, que aniquilar o proceso de raíz. A mensaxe insistente de que a lingua galega se impón, auténtica versión invertida da realidade, callou en amplos segmentos sociais por indefensión, por fraxilidade na conciencia da realidade, e tamén pola dualidade valorativa e o desequilibrio real que existe na nosa sociedade globalmente sobre o galego e o español, a nosa forma pretensamente aconflitiva de estarmos situados entre a nosa condición nacional de galegos e a de españois. Os inimigos de que Galiza exista como pobo gañaron unha batalla, non a guerra, desde logo contando cunhas armas e un poder moi superiores aos nosos.

Non tiremos conclusións erradas. Reducir ou ser máis laxos no uso do noso idioma, concretamente na actividade política, facer deixación da súa defensa prática, da necesidade de avances na conquista de dereitos lingüísticos, non vai valer para o nacionalismo tirar réditos electorais. Moito menos sería proveitoso para a sociedade galega. Un dos elementos fundamentais caracterizadores de Galiza como nación é o idioma. Non é o idioma en si o que provoca zunía, que tamén, na axitación contra a diferencia desprezada; é a aspiración a sermos unha sociedade que se autoapreza, se responsabiliza e se autogoberna, que ten vontade propia. O idioma simboliza esta aspiración. Virarlle as costas só pode traguer maior fraxilidade, desmemoria, falla de conciencia e integracións subordinada. Temos que asumir que precisamente o papel do idioma é tan revelador que resulta indicativo de como nos situamos perante a realidade galega. É un problema de conciencia. A nosa conciencia colectiva é limitada, porque, tamén, o é a nosa conciencia histórica como actuante e determinante do noso presente e do noso futuro. Non o descubrimos agora. Todo proceso de democratización lingüística é conflitivo, como todo proceso de democratización real dunha sociedade, dun pobo, tamén o é. Sen dúbida son momentos difíciles. Cavilemos nas formas e nas maneiras de axir. Vinculemos o problema do idioma ao conxunto social, económico, cultural e mesmo psicolóxico-social. Pero non renunciemos.

 Posted by at 20:15

Sorry, the comment form is closed at this time.