Mar 282009
 

Fun escolarizado en Catalunya durante os últimos anos da ditadura e os primeiros da transición borbónica. Daquela era tanta a liberdade lingüística -a que provoca agora saudades de paraíso perdido á dereita española- que tanto eu como miles de nenos e nenas nados en Catalunya de orixe non catalá medramos como absolutos descoñecedores da lingua de Mercè Rododera. Todo comezou a mudar coa victoria contra prognóstico de Pujol nas primeiras eleccións ao Parlament. Apartir dese momento, o Goberno catalán, que existía precisamente en virtude da existencia de Catalunya e da lingua catalá, desenvolveu unha política lingüística felizmente distinta daquela que eu experimentara como alumno. Lembro a rabia que eu sentía ao ver en televisión os primeiros programas infantís en catalán e non entender apenas nada (en fin, isto de que non che impoñan unha lingua tenche estes pequenos problemas). Para os franquistas e os ucedeos -e para os seus saudosos de agora-, a liberdade era iso: liberdade para ser monolingüe en castelán, liberdade para ignorar o catalán. Escindíase así a sociedade en dúas metades. A emigrante, españolfalante e incompetente en lingua catalá. E a autóctona, esta si bilingüe. Unificar o país e evitar a creación de comunidades lingüísticas separadas foi a tarefa á que se entregou con entusiasmo o Govern de Pujol. Tres décadas despois, non hai nengún alumno ou alumna en Catalunya que non vaia concluír os seus estudos con plena competencia lingüística quer en castelán quer en catalán.

Aquí e agora, o PP ameaza con dividir a sociedade entre os que falamos galego e os que falan castelán. Como en Catalunya hai 30 anos, en Galiza os únicos nenos bilingües son os nenos galegofalantes. Os castelán-falantes non son bilingües, como tampouco o son as súas familias. Son unilingües en castelán. O que o PP pretende é xustamente evitar que sexan bilingües. Iso en primeira instancia. En segunda, que o galego desapareza como fenómeno social relevante. Así son as cousas.

 Posted by at 00:04

Sorry, the comment form is closed at this time.