Mar 292009
 

Pasei unha grande parte da miña vida adicado á docencia no ensino secundario, en contacto con alumnado de 11 a 18 anos. Comecei a traballar no tardo franquismo, 1967. Intentei desenvolver o meu labor con dignidade, con coñecemento sobre o que falaba, con afán de convencer. Houbo, en toda esta traxectoria, un elo condutor: unha actitude consciente, identificada coa realidade na que actuei, a de Galiza. Esta actitude traduciuse en predisposición a me informar para saber e comprender, tendo como punto de referencia a nosa sociedade, aquela que tamén compartían vivencialmente os destinatarios do meu labor.

Un dos obxectivos fundamentais do meu traballo estivo en lograr que aboiase a conciencia de sermos galegos e galegas a través da exemplaridade da conduta, e cunha perspectiva analítica sobre o mundo desde nós. Consecuentemente non pratiquei nunca unha información de pretensións enciclopédicas. Recorrín a acoutar a realidade obxecto de estudo e aplicar un método coerente e accesíbel para a súa análise e interpretación. Tiven que ser autodidacta. Nas librarías podíanse achar as informacións que na universidade non me deron. Deste xeito, con contradicións e baleiros, a análise de textos literarios ou a aplicación de teorías gramaticais á lingua oral ou escrita foi novidosa pedagoxicamente, con resultados nos que gosto e  razón podían estar aliados. Comprendín que era imposíbel ensinar aquilo que un mesmo non entendía perfectamente. Que era necesario acreditar na validez dos métodos coerentes, asumíndoos con relativismo crítico e só como unha ferramenta para aproximarnos á comprensión, no noso caso, de textos da literatura española, ou de manifestación orais ou escritas na nosa lingua ou en castelán. O prioritario foi traballar na aula, conectar o estudante coa materia. A asistencia, o interese e o traballo tiñan que dar como resultado o maior número de aprobados. O nivel de esixencia mínima pode que non fose o do rigor excesivo. Porén, teño a certeza de que case ninguén consideraba aborrecíbel ou simplemente incomprensíbel a materia. Co método seguido, axudei a mozos e mozas descubriren a dignidade e a normalidade de sermos galegos e galegas, a restauraren usos lingüísticos na lingua do país. Agardo que as boas lembranzas, unidas tamén ao descubrimento de algo útil, dominen a consciencia do alumnado co que traballei.

Hoxe resúltame paradoxal a insistencia do sistema en aplicar o criterio de selección e de competitividade no ensino obrigatorio, mentres se laia, algo cinicamente, do grande fracaso escolar que existe. A moralina educativa fundaméntase na integración, na cooperación e na diferenza. En contraste aplícase, máis que nunca, o aprendizado a través de libros de texto eruditos, de abstraccións inintelixíbeis para a idade respectiva, co recurso memorístico irracional, adubiado todo co tótem informático. Só un apuntamento: de seren examinados os profesores, por sorpresa, do libro de texto que empregan, o resultado sería estarrecedor seguramente. Tampouco contribúe nada positivamente o que denominan avaliacións externas dos centros, concretamente as destinadas á OCDE. Non acabo de entender como se poden avaliar sistemas educativos diferentes, centros diferentes, aplicando os mesmos criterios e sacralizando resultados, sen termos en conta moitos factores que alonxan da mínima obxectividade ou utilidade as conclusións.
Chámame a atención a facilidade con que se promove a impartición de materias do bacharelato en lingua inglesa. Ponse a aparencia por enriba do acceso ao coñecemento e da integración do alumnado. Sería patético comprobar como se desenvolven clases de matemáticas ou bioloxía, por exemplo, en lingua inglesa. Pode máis a crenza mítica no valor do inglés para a promoción social que o obxectivo de favorecer o coñecemento básico. Será que nos prepara mellor para a emigración?. Nisto parece coincidir a tendencia do sistema co que algúns pais consideran a súa sagrada liberdade a decidir en materia educativa. A aplicación de modelos educativos que nos condenan como pobo a un papel secundario e dependente, conectan con esa concepción da liberdade individual e abstracta. O grave é que esa concepción da liberdade é contraria ao principio de promoción para todos, a través do ensino adaptado ás capacidades e actitudes  concretas do momento, da integración e da non segregación, do valor do traballo individual e colectivo. A educación obrigatoria ten que formar persoas conscientes da súa realidade para poder seren conscientes da realidade do mundo. A liberdade da maioría consiste en que non haxa fracaso escolar, nen guerras competitivas para o triunfo de moi poucos.

 Posted by at 10:00

Sorry, the comment form is closed at this time.