Mar 012009
 

Eduardo Blanco Amor, após anos na emigración americana (1919-1964), comezou a preparar o seu regreso definitivo a Galiza, desde 1956, cando menos. Nesta preparación cumpriu unha función catártica, do ponto de vista persoal, e expresou a súa disposición a contribuír de novo ao fortalecemento e modernización da literatura nacional galega desde dentro, A esmorga. Este ano 2009, concretamente en abril, hai 50 anos que foi publicada esta novela, non aquí senón na editorial Citania de Buenos Aires. Porén, a intención fora editala en Galaxia xa en 1956. Nunha autocrítica (abril de 1959), na revista Galicia, do Centro Galego da capital arxentina, da que era director, Blanco Amor deixou constancia de que saía alí pola mestura de dous impedimentos: o ditame do Consello de Redacción da Editorial Galaxia, para a que fora escrita, e o non da censura española vixente entón, que prohibiu a súa publicación. Aproveitaba a ocasión para denunciar que, na España franquista, funcionaba un aparato policial para a persecución das obras literarias e os seus autores, exercida por un dos organismos máis “arbitrarios, sinistros e corruptos”. O organismo censor, tamén por aquelas datas, impedía a impresión da Obra Completa de Ramón Cabanillas, entón octoxenario e enfermo. As dilacións na publicación da novela, desde que fora escrita, seguramente xa ao longo de 1954, indicaban as dificultades para o retorno. As previsións e cautelas a respeito da súa situación económica, das súas posibilidades de subsistencia como escritor tamén en galego, colaboraban a demorar a realización do anceio de volta definitiva á patria, que abandonara, mozo de 22 anos, en 1919.

A aparición da novela tivo eco na Galiza. A recepción crítica (casos de Fernández del Riego ou Ánxel Fole, en Faro de Vigo e El Progreso, respectivamente) subliñou o acento orixinal e insólito de A esmorga dentro da literatura galega e mesmo que era “unha das mellores novelas nosas”. A edición de A esmorga na Galiza debeu esperar a 1970, cando xa estaba o noso autor aquí instalado. Novamente catalogouse como unha das novelas máis importantes dos últimos anos. Para o portugués Rodrigues Lapa, “unha pequena obra mestra”. Mais comeza a subliñarse un suposto carácter picaresco ao que xa tiña aludido un crítico anónimo de La Región de Ourense co gallo da primeira edición en Buenos Aires. A maiores atribuíuselle un suposto ton humorístico e irónico. A novela era así reconducida a tópicos, non xa reducionistas, senón infundados e desviadores. Esta operación de asimilismo, de intencionalidade moralista e ideolóxica, non favorecía unha correcta análise do sentido da novela e da súa carga reveladora. A editorial Galaxia, nas lapelas desta súa edición, falaba do “humor” que caracterizaría unha boa parte da obra e “dun mundo de picaresca” que sería a súa materia fundamental. Ficaba convertida A esmorga así “na primeira narrativa da picaresca galega, feita con ar trouleiro que se axeita ao temperamento do pobo, retranqueiro e ledo”. Novamente, unha obra mestra, xenuína, reducíase a enxebrismo ou tipismo retranqueiro. Nada de realidades nacionais, de problemáticas sociais e psicolóxicas, de dialécticas históricas e ideolóxico-morais, de estruturas de poder e a súa manifestación artística, de traxedias de fundamentación material humana…Iniciouse así unha avaliación con xuízos ben lonxe da verdade…

O significado de A esmorga é crucial no contexto da obra de Blanco Amor e na historia da literatura galega. Foi produto da súa decisión de se enfrontar cunha realidade opresiva, violenta, represiva e destrutiva, da que el fuxira aos 22 anos. Resulta da catarse do autor para obxectivar un sistema colonial que aniquila os marxinados a través da violencia institucional, representada pola Garda Civil e a Xustiza. Son os marxinados producidos pola opresión económica, cultural e lingüística, nunha sociedade rexida pola alienación e pola desintegración e atomización sociais, sen clases dirixentes. Nela as clases populares viven como unha especie de criaturas estrañas ao mundo oficializado. En efecto, os protagonistas son tres xornaleiros, traballadores eventuais nas estradas. Dous deles xa caloteiros e lumpen ( O Bocas e o Milhomes). O outro, O Castizo, aínda aspira a viver do traballo e a se integrar socialmente, pensando no matrimonio cunha ex-prostituta da que ten un fillo. El é o protagonista narrador, nunha situación de declaración como acusado, perante un xuíz que está, pero que non ouvimos, indo e vindo desde o cuartel da Garda Civil para cada interrogatorio (os 5 capítulos da novela). O ambiente é o proprio dunha urbe galega na transición finisecular, arrabaldos, rúas, espazos concretos de Ourense. Nel móvense estes personaxes, caracterizadamente individuais, pero simbolicamente arquetípicos. Cada un deles é representativo dunha conduta sexual: o homosexual –O Milhomes–; o “bisexual” machista, de aspecto viriloide, necesitado do efecto da bebida para se achegar ás mulleres –O Bocas–; o heterosexual –O Castizo. No seu percorrido de 24 horas sen acougo, co alcol e a chuvia lenta e insistente como compañía, chegarán ao ponto climático ascendente: a violación da pobre Socorrito, a toliña, polo Bocas, o asasinato deste por Milhomes, entolecido por tanto sufrimento dunha relación sadomasoquista, e o desfalecemento do Castizo, incapaz de impedir o suicidio de Eladio Vilarchao. O único sobrevivinte será aniquilado polo poder establecido, após narrar os sucesos, como acusado, perante o xuíz, desde a súa peculiar interpretación e moralidade. Pero esta historia non pode chegar a nós se non hai autor-cronista, para lle dar voz a estes personaxes oprimidos, sen voz na historia, nunha nación negada. Tamén para darnos conta do final desta historia (o narrador-protagonista, asasinado pola Garda Civil), que descoñeceríamos, como tantas outras anónimas, que suceden nos países colonizados, “sen historia”, se alguén nos furgase nos papeis e na tradición oral, como historiador, para elaborar máis tarde esta obra literaria. A estrutura global da novela é tan simbólica e representativa que dela se deriva toda unha imaxe do país, malia a súa fragmentariedade. O que non está, podemos intuílo por indicios, por derivacións implícitas, por ausencias que están presentes como opresivas e ameazantes…

É unha moi boa oportunidade para espallar novamente a narrativa de Blanco Amor, en xeral, mesmo a que está escrita en español, outra cara da realidade da nación colonizada, tan anulada e desconsiderada na literatura española, e tan descoñecida por nós. De certo, que a leitura de A esmorga pode resultar hoxe un descubrimento para moitos. A nosa política cultural non pode prescindir da continua revalorización e espallamento dos nosos escritores clásicos. Convenzámonos de que a súa capacidade para engaiolar leitores de hoxe é potente.

 Posted by at 07:55