Abr 052009
 

Tres representantes das forzas políticas presentes no Parlamento Galego, exdeputados da Cámara, acoden recentemente a un programa de debate nunha televisión local de Compostela. Na conversa previa, sesión de maquillaxe, coinciden en que o impacto da actividade do parlamento autonómico na sociedade galega é excesivamente cativo. Para entendermos a dinámica da institución galega de representación democrática máis importante coa que contamos, hai que ter presente tres aspectos diferentes. Un deles é que tipo de autonomía política, que competencias legais ten o actual marco autonómico; outro é, como asumen este marco, con que intención, as distintas forzas políticas; o terceiro, como inciden os medios de comunicación na transmisión á sociedade da actividade parlamentar. A mestura dos tres explica o impacto e a avaliación do Parlamento Galego pola nosa sociedade.

O nacionalismo galego maioritario mantivo respeito do marco autonómico, a autonomía outorgada e, polo tanto, limitada, unha posición crítica, expresada mesmo co non no referendo do estatuto vixente. Sen dúbida, foi unha posición consecuente cunha estratexia ideolóxico-política, plasmada na defensa dunhas Bases Constitucionais para a Nación Galega, condición previa para articular un Estado confederal. Lembremos que eran os tempos da transición pactada. Naquel contexto político o nacionalismo non tiña presenza nas Cortes Xerais, a súa importancia electoral era testemuñal, malia a súa capacidade movilizadora. Estaba conformando unha base social con mínimos, pero claros, referentes ideolóxicos. Optouse por privilexiar o perfil, a alternativa propia, conscientes de que era a mellor maneira de crear unha dialéctica non confusionista e socialmente incisiva . Porén, nunca houbo dúbidas sobre a participación no novo marco político, a necesidade de conseguir representación nas institucións resultantes.

O Parlamento Galego constituído no Pazo de Xelmírez o 19 de decembro de 1981 contou coa presenza de tres deputados do Bloque-Psg. Non podía haber maior contradición entre o significado histórico e real do espazo elexido e a concepción dese Parlamento por parte de quen o hexemonizaba e controlaba, a dereita sucursalista española. Desde o público, querendo darlle ao acto un valor simbólico galego, en contraste co aplanado discurso oficial, a penas tres voces iniciaron ao final o canto do himno galego provocando o estupor e a incómoda parálise dos organizadores.

Moito choveu desde entón. Pero aínda estamos con himno galego cortado á metade, unhas veces, con versións aflamencadas, outras. Chegamos coa nova presidenta ao case esquecemento, axiña rectificado, dun xesto simbólico asumido de forma forzada, porque, xa se sabe, o himno da nación fainos cada xogada, tanta, que debemos aclarar a posteriori, en nota ad hoc, que quixemos dicer himno de Galicia, non vaia ser…O himno é un incordio, unha imposición, igual que aceitar que o pobo galego e a súa lingua deben existir, ter dereitos políticos. Non pensemos no Parlamento como lugar privilexiado para a súa expresión. Por certo, a maior parte dos deputados e deputadas, como a maior parte do público convidado, agora se ergue para escoitar, coa boca cerrada, o himno enlatado. A súa aparente solemnidade, o seu hieratismo, oculta, no mellor dos casos, que non o saben ou que non están dispostos a condescender con xestos simbólicos de intención tan perversa. Todo o máis, aceitar unha ficción momentánea, ou unha falsificación. Toda unha metáfora ou alegoría do que é para algúns a autonomía, dos límites do Parlamento Galego…

A maiores, xulguen como tratan os medios de comunicación a dinámica parlamentar galega, comezando pola RTVG, e comprenderán por que é un apéndice político residual, por que non é centro de atención da nosa sociedade. Con razón, ao rematar o programa televisivo, un dos exdeputados advertiume que, para o traballo de oposición que agora nos esperaba no Parlamento ter algo de incidencia, debía arrouparse socialmente fóra. Que non podía ficar acoutado ás catro paredes do Pazo do Hórreo.

 Posted by at 10:10

Sorry, the comment form is closed at this time.