Abr 122009
 

Levamos un período de 32 anos cun réxime de monarquía parlamentar no Estado español. Foi produto dunha transición pactada co réxime franquista. O sucesor de Franco na xefatura do Estado, o príncipe Juan Carlos, convertido máis tarde en rei constitucional, foino por vontade do dictador. A lexitimidade democrática do actual réxime resultou así devida, non desde o inicio. Foi unha restauración monárquica, após 40 anos de franquismo, en parte conforme aos deseños de Franco. Na súa concepción histórica, a monarquía católica podía ser garante da unidade de España. Empataba tamén coa tradición que a consideraba consubstancial ás esencias da españolidade. Por suposto, esta visión xulgaba fondamente negativas a experiencia do Sexenio Revolucionario (1868-1874), que desembocou na Primeira República, após dunha monarquía constitucional, non borbónica, e, claro está, a Segunda (1931-1939). En ambos os casos, repelía a laicidade do Estado, a súa desacralización, e os perigos de desnaturalización, "desintegración" de España, latente no modelo de republicanismo federal, en versión anarquista ou en versión nacionalista. Nos dous contextos republicanos, os máis poderosos intrigaron axiña contra a democracia como arma social niveladora.

Non imos discutir sobre a lexitimidade democrática da actual monarquía. Con todo, non resulta moi democrático que a xefatura do Estado a asuma sempre o membro da mesma familia nobiliar, que se herde. É un residuo feudal. Se, a maiores, a tradición monárquica se identifica cos valores do catolicismo, unha relixión, e coa idea de España como única nación, para alén de ser conivente coas formas máis monopolistas do capitalismo, toparémonos cunha institución instrumental do bipartidismo, escorada sempre a posicións reaccionarias. Así foi na denominada pola historiografía española Restauración borbónica que abrangueu os vintecinco últimos anos do século XIX e trinta e un do XX, incluída a dictadura final de Primo de Rivera. Como se ve, un período máis grande de democracia bipartita, que e que a que levamos nesta Segunda Restauración. Certamente, a actual democracia ten os mesmos alicerces, integrando concesións como a descentralización a través do modelo do Estado das autonomías.

Parece, pois, que a forma máis natural de democracia é a da democracia republicana. Ten como consubstancial a laicidade, a desacralización, a soberanía popular sen excepcións, a separación de poderes. Porén, é unha condición necesaria, malia non ser suficiente para lograr unha democracia plena. Podemos constatar hoxe a existencia de réximes republicanos cun presidencialismo absoluto, cunha centralización absorbente, mesmo nada neutrais en materia de relixión ou moral. Depende, pois, de que República falemos. O poder económico-social que a sustente e lle dea lexitimidade é determinante. De ser un Estado plurinacional, o grao de integración e participación soberana das nacións na súa estrutura institucional, resulta crucial. Desde unha perspectiva galega, a reivindicación da Segunda República hai que facela, entre outros aspectos, como defensa da legalidade democrática fronte aos golpistas, da posibilidade de expresar a vontade do pobo galego naquel contexto. Recuperar a memoria e a dignidade é esencial contra a represión, a censura e o esquecemento. Máis non nos é posíbel a mitificación simplista: a Segunda República negouse a ser federal e só aceitou abrir procesos nunha dirección descentralizadora como concesión. A maioría dos seus políticos e intelectuais foron, sen dúbida, homes cultos e humanistas, pero xeralmente hostís coa reivindicación catalana, vasca ou galega. No noso caso, a reticencia foi maior, pois se xunguiu a un certo desprezo xa histórico.

O nacionalismo galego foi, de forma abafante, favorábel sempre a un réxime republicano. Xa en 1918, no Manifesto das Irmandades, albiscamos esta preferencia implícita, pois propuñan a integración con Portugal, naquel entón xa República, un dos seus principios básicos. É desexábel a deslexitimación social da monarquía española. Para ser realmente positiva, debe ir acompañada do avance a prol dunha nova lexitimidade democrática que se fundamente no valor da pluralidade nacional, cultural e lingüística , da laicidade, e da transformación do modelo económico social a favor das maiorías sociais. A simple substitución por unha República presidencialista e centralista só revitalizaría a vella orde con nova roupaxe.

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.