Abr 252009
 

Lembraba Murguía nun seu artigo xornalístico do 23 de abril de 1885 como vivira, sendo neno, os ecos en Compostela da batalla librada nos seus arredores entre bandos militares ese mesmo día de 1846. A posterior ocupación da cidade, coas escaramuzas e as descargas consecuentes, sofrimento  e horror da guerra, soldados caidos entre xemidos, durou dúas horas. Ao final todo era tristeza e silencio entre a poboación, indiferente a quen era o vencedor e o vencido.
Nunca lle gostou a Murguía mesturar os ideais civís, especificamente os de redención de Galiza, cos levantamentos militares, por moito que foren de signo progresista. Anos máis tarde, de forma explícita Castelao, no seu  Sempre en Galiza, advírtenos de que a revolución galega de 1846, xestada na hostilidade contra os gobernos centralistas, fracasara “por xunguirse a unha subversión militar (alentada por un príncipe da casa reinante) que acabou en traxedia cos fusilamentos de Carral”.
Por suposto significou tamén o exilio, a expatriación para moitos dos mozos e mozas, como Antolín Faraldo ou Francisco Añón, que viran, naquel momento, unha oportunidade para organizar unha corrente social favorábel a erguer o noso país da humillación e do abatimento. O manifesto revolucionario afirmaba que Galiza era unha colonia da corte madrileña e remataba: “Que a espada de Galiza faga inclinar unha soia vez a balanza en que se pesan os destinos de Hespaña”.
Sen dúbida estamos perante a primeira xeración pre-nacionalista, a de 1846, caracterizada por un progresismo que bebía xa na fonte da democracia, a república, o socialismo utópico, con grande peso do cristianismo evanxélico (Fourier), e mesmo o feminismo. Unha sociedade, con forte politización, a Academia Literaria, en Santiago, era o  centro de debate, por certo moi ao día, como o estaban os xornais desta  tendencia provincialista,  “El Porvenir” ou “La  Aurora de Galicia” .
O seu pre-nacionalismo abalaba entre a revalorización do antigo reino, a consideración de Galiza como provincia única, como patria ou como nación ou nacionalidade. Teño para min que, ás veces, o noso intento de rigor, de non proxectar sobre o pasado as concepcións ideolóxicas actuais, a nosa mentalidade, a nosa teoría, a nosa práctica, contribúe a reducir  a consciencia teórica e mesmo a intencionalidade dalgúns dos nosos devanceiros. Quen era realmente Antolín Faraldo, mozo fogoso, profeta incomprendido para o seu tempo, segundo Murguía?
Que o movemento fose minoritario e inzado de ambigüidade na acción, non invalida a clareza dos conceptos (o pensamento)  que, nalgúns casos, se utilizan. En todo caso, o nacionalismo sempre considerou que esta xeración  iniciaba a “boa nova”. Antolín Faraldo era considerado un “precursor” por Murguía. A xeración de 1856, a do Banquete de Conxo, a de Pondal e Rosalía, e a posterior de Curros, pensábanse como parte dun elo, en certa maneira, entón iniciado. A prensa galeguista non deixou nunca de evocar os mártires de Carral, militares fusilados, nen os homes conscientemente galegos exiliados e perseguidos.
Os partidos demócratas e republicanos  españois comezaron conmemorando a data do 26 de abril de 1846, subliñando o seu carácter de pronunciamento pola liberdade na España. Sempre esqueceron o seu compoñente provincialista, pre-nacionalista. Acabaron por retirala tamén do altar das súas devocións, pois non era un suceso da súa centralidade.
Hai sucesos represivos máis recentes, de grande impacto para a consecución da liberdade na España, que afortunadamente seguirán na memoria do noso pobo, por nós consideralos centrais.

 Posted by at 23:49

Sorry, the comment form is closed at this time.