Mai 012009
 

Levamos xa meses e meses falando dunha crise económica mundial que moitas sabemos é consecuencia do fracaso dos sistema económico capitalista e que ten como única solución un cambio de sistema socioeconómico.
    Aínda inmersos na análise da crise, máis conscientes cada vez das súas terríbeis consecuencias, cos traballadores na rúa reclamando a readmisión de despedidos e a negociación dos convenios, mentres o sistema di que a solución é abaratar o despedimento ou que hai que atrasar a idade de xubilación, xorde outra noticia, outra crise de dimensións mundiais, que vai ser, en primeiro lugar, a escusa perfecta para deixar de lado o tema da crise provocada polo capitalismo.
    Porque unha das primeiras cuestións que podemos valorar é o que xa temos comentado a respecto de que moitas veces o exceso de información sobre un tema está perfectamente calculado para retirar da primeira plana outro tema, ou sexa, máis información para estar máis desinformados.
    Levamos xa días en estado máxima preocupación, atentos á televisión que día a día nos anuncia o incremento de posíbeis casos de gripe. Vemos como soben o nivel de alarma, mais, alguén dubidaba que existía o risco real de que se expandise por todo o planeta? Que tal vez non sexa tan doado de controlar o contaxio da enfermidade? En todo caso, fálennos das causas, dígannos como xorde este virus e non sinalen a un neno… Eu non podo entender como poden concluír con tal contundencia que ese neno é o foco da enfermidade, o primeiro portador, e non saber como se produce ou de onde vén. Un pequeno neno mexicano, un pobre neno que vive nunha granxa…
    Os medios xa falan de La Gloria como lugar en que se iniciou o andazo, e en México e nalgúns medios de internet levan todo o mes de abril dándolle voltas ao tema. Ao que parece os científicos viñan alertando de que a produción masiva de carne de porcino podía ser causa de mutación de virus e un virus mutante é o que está a provocar esta nova crise. Seguimos buscando e vemos que cada vez máis dedos sinalan cara a produción extensiva dunha empresa americana, Smithfield Farms, que ten unha filial, Carroll, no estado de Veracruz, unha macrogranxa que produce un millón de porcos ao ano. Os habitantes de La Gloria quéixanse da insalubridade dos vertidos fecais da empresa. Diversas informacións sinalan que eses vertidos puideron contaminar a auga e o aire e poden estar relacionados coa orixe da gripe nova ou A.
    Pois falemos diso, falemos de como a rica Norteamérica, o capitalismo, busca producir carne barata levando as empresas a territorios situados fóra das súas fronteiras, incumprindo normas sanitarias e provocando infeccións. Para que as hamburguesas das grandes multinacionais teñan prezos incomprensibelmente competitivos, tal vez hoxe haxa non un, varios nenos enfermos, mais do outro lado da fronteira. Outra vez unha conclusión segura: o capitalismo destrúenos.
    Fala Saramago no seu caderno desas voces que alertaron das consecuencias desta produción extensiva de carne, investigadores acalados pola ameaza do recorte, ou a eliminación, das fontes de financiamento, sinala que ao final nada sabemos das verdadeiras causas, do que cómpre coñecer para buscar a solución definitiva, lembra que algo así xa pasou cando a gripe aviar, coa avícola Charoen Pokphand, de Bangkok.
    E eu digo, estamos entón tan cegos e enfermos como as personaxes de Ensaio sobre a cegueira, e así continuaremos, cada vez máis enfermos e máis cegos, máis agresivos entre nós, máis destrutivos coa nosa contorna… Estamos lonxe da curación, dese día en que poderemos volver ver porque aprendemos a ver, a ver a razón das cousas, as causas reais que nos traen a este delirio, cando tomemos conciencia de que debemos mudar este sistema, transformar este mundo.

Marta Dacosta, 1º de maio de 2009.

 Posted by at 21:33

Sorry, the comment form is closed at this time.