Mai 102009
 

Nesta fase epigonal do capitalismo, a esfera política, especialmente nos chanzos superiores, está abafada pola mestura do público co privado. Non é por casualidade. Forma parte da súa conversión en espectáculo que debe ser acaidamente consumido polas masas. O discurso e a práctica non teñen nada relevante e construtivo que propornos. A idea subxacente é que o mundo non hai quen o cambie, porque o capitalismo é inmorrente e o xénero humano irredimíbel-inalterábel.

Hai en ocasións tal converxencia intensiva desta forma de desenvolverse a política, coa súa debida translación mediática, hoxe tan determinante, que conforma un espello en exceso revelador. Por exemplo, de como se recorre, nas sociedades que presumen de avanzadas, ilustradas e democráticas, aos fetiches estereotipados, ás imaxes normativas prexuizosas e á promoción dunha impúdica admiración reverente pola representación simbólica do poder. A visita de Estado a Madrid do presidente Sarkozy, acompañado da súa dona, Carla Bruni, a fins do mes de abril, foi toda unha demostración dos valores que sustentan as imaxes que, interesadamente, deben transmitirse. A relevancia da señora Bruni forma parte do valor das aparencias, de como conformar unha diplomacia banal, para conseguir a venda dun produto. A cantante e modelo interpreta agora o papel de embaixadora máxima de Francia, facendo ostentosas as súas calidades físicas, o seu porte de pasarela e a súa romántica relación co varón-heroe. Cal é a representatividade democrática da señora Bruni? Descoñecémola. Porén é protagonista como o é tamén a princesa Letizia. Non podía faltar a imaxe das dúas damas, focadas as súas curvosas siluetas femininas, en contraste competitivo, como debe ser, correspondendo co papel que se lles asigna: elegancia e exhibición de encantos estereotipados. Por derivación: luxo e matrimonios felices. Espectáculo de consumo para consolación das masas.

Días antes, coñecemos as conversas, previos os "pinchazos" oportunos, iso si, debidamente autorizados polo xuíz, que o presidente da Comunidade Valenciana mantivo en nadal de 2008, co seu amigo Álvaro Pérez, involucrado nunha trama de corrupción económica, ao que parece. A conversa esnaquizou, en parte, a imaxe (seguro que prexuízosa) que tiña sobre Camps, xesuítica, autorrepresiva, de célibe convicto, tal e como nos aparecía cando o coñecín na súa anterior función de Vicepresidente do Congreso dos Diputados. Pero o diálogo filtrado, que mestura de paixón, vulgaridade verbal, sadomasoquismo e ostentación de lealdade ardorosa!! Expresa unha subterránea febra relixiosa-metafísica, abafada por doridos pecados materiais. O núcleo central, un paroxismo: "te quiero un huevo… durante toda tu vida". Como diría a esposa de Camps, tamén ortodoxamente pinchada: "se pasan veinte pueblos", tratándose de homes tan decentes. Desde logo, resulta envexábel o seu "caudal", a súa "facilidade" verbal, para falar sen dicir e para entenderse sen informar. Non me estraña a admiración rendida de Álvaro Pérez pola retórica de Camps. A dicir verdade, a súa tampouco desmerece. Revelan o xogo entre aparencia e realidade, seguro que tamén deformadora. Que democracia con "pinchazos", filtracións e pingas de drama romántico, salpicado con cuspe ultra-realista!!
O meu desacougo medrou, cando tamén polas mesmas datas, se nos tranquilizaba, a través, loxicamente, da oportuna imaxe mediática de que o noso novo Presidente estaba homologado na norma e no estereotipo. Non abondou con que celebrase no Obradoiro, aclamado polas masas populares, a súa proclamación, acompañado do seu pai, a súa nai e a súa noiva. Era necesario comprobar, a maiores, como bicaba ardorosamente, após a súa elección no Parlamento como presidente da Xunta, a muller que felizmente será a súa esposa. Il será que resulta pouco normativo e estereotipado chegar a tan alto cargo e manterse solteiro?

Dá para cavilar… pero non deixa de ser o valor da aparencia, coma sempre, a impúdica mistura do privado e do público, para maior atordoamento do pobo, e unha hipócrita -e política- utilización da norma estereotipada.

 Posted by at 08:48

Sorry, the comment form is closed at this time.