Mai 302009
 

Hai desinterese e confusión en moitos demócratas de vocación cosmopolita ou universalista polos resultados práticos da Unión Europea. Malia a súa propensión a aceitaren procesos de suposta modernización a calquera prezo, agora o desencanto abáfaos porque a unidade tiránica do mercado único é o dominante. Mesmo pesan máis a involución e a desigualdade política e social que os logros democráticos xeneralizados. Porén na Galiza aínda fican panexiristas irredutíbeis, non da idea favorábel a unha Europa unida na igualdade e na harmonía, senón desta UE. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denominaos europapanatas. Algúns chegan mesmo a trocar a situación, na mellor tradición auto-agresiva, culpando, por exemplo, os nosos labregos produtores de leite de non saberen competir en mercado tan beatífico e neutral. Xa se sabe os galegos non valemos. Temos unha tara xenética. Non somos quen de modernizarnos. Resulta irritante a cegueira interesada de quen non ve o sufrimento, a tortura a que está sendo sometido o sector lácteo galego, precisamente pola súa capacidade para competir, polo seu esforzo por se modernizarse, mesmo con pautas, criterios e regras de xogo ao servizo doutros. O problema está na comercialización con dumping, na falsificación do libre mercado con regulacións discriminatorias para uns e favorábeis para outros, no abandono forzado da produción agraria. Está no deseño político deste espazo globalizado que é a UE, claramente xerarquizado e desigual. En grande maneira, non deixa de ser o vello modelo sobre o que se construíron os Estados centralistas e imperialistas que a hexemonizan.
Chegamos así ao cerne da cuestión. Calquera proceso de unidade económica ten que se fundamentar no respeito pola capacidade de decisión política dos pobos, das nacións, a soberanía. Non en balde, mesmo un presidente demócrata dos Estados Unidos, Wilson, idealista con certa vocación internacionalista, propuxo, após a primeira grande guerra, a aplicación do dereito de autodeterminación para conseguir unha Europa unida e en paz. A unidade positiva, incluída a económica, só é posíbel desde esta concepción. O pobo galego ten que ter capacidade de participación, de diálogo e de decisión nos deseños que o afectan. Os nacionalistas galegos, historicamente e no presente, sempre recoñecemos o valor positivo da interdependencia económica das nacións. Sabemos que a súa complementariedade económica é un factor chave para o seu progreso e para a súa convivencia pacífica. Interdependencia, complementariedade en función do beneficio mutuo. Curiosamente, na Conferencia Interparlamentaria de París, de 1937, no seo da Sociedade de Nacións, seis Estados danubianos (Austria, Bulgaria, Hungría, Romanía, Checoslovaquia e Iugoslavia) propugnaron a súa Unión económica, para romper as normas que impoñían, xa entón, as grandes potencias.
Non acreditemos na tiranía dunha suposta competencia nun imaxinario mercado libre. Na UE todo o que interesa está regulado. Non existe neutralidade senón normas ditadas politicamente en beneficio dos sectores transnacionalizados e da capacidade de presión específica da cada Estado. Resulta aberrante unha globalización económica que provoca o abandono total da agricultura nun país (o caso galego), mentres o obriga a consumir "alimentos que se producen a 6.500 quilómetros de distancia do fogar", como moi ben dixo o sociólogo filipino Walden Bello recentemente en Santiago de Compostela. A necesaria reestruturación do sistema ten que pasar polo equilibrio económico entre as nacións e, xa que logo, pola viabilidade dun tecido produtivo de seu, comezando polo sector agrario. A dependencia do sector público dos sectores estratéxicos da economía, concretamente o enerxético, é outra condición para unha planificación responsábel do futuro, incluída a capacidade de combater o cambio climático.
En 1947, no barco no que regresaba de París a Buenos Aires, após ter sido ministro do Goberno da República no exilio, Castelao escribía: "Europa é un conglomerado de vellas nacionalidades, que non se transloce no mapa dos seus Estados, porque alí a división política endexamais se axustou á vontade dos pobos, nin á lingua que falaban, nin sequera ao interese do conxunto, senón á lei que impuxo cada vencedor nas múltiples guerras que leva sufrido". A Unión Europea que defendemos os nacionalistas está no recoñecemento da soberanía dos pobos, das súas linguas sen excepcións, no diálogo e acordo que asegure o interese do conxunto, de todos, no pacifismo e, consecuentemente, no cambio de modelo socio-económico. Non é máis que a continuación lóxica da nosa proposta de transformación do Estado español.

 Posted by at 22:59

Sorry, the comment form is closed at this time.