Mai 072009
 

Alberte Núñez Feixóo comezou o seu discurso de investidura afirmando que gobernaría sen ideoloxía. Tal sentenza mostra xustamente a qué nos enfrontamos. A era das decisións que supostamente se basean na opinión dos técnicos. Así, quitemos a ideoloxía das escolas e para iso que mellor que eliminar o galego. Que a cultura galega limita, pois comecemos a falar de cultura feita en Galiza –como se dunha prenda de roupa se tratase– para poder deslocalizar a súa produción en calquera momento. Que un dos grandes problemas ao que nos enfronta esta crise son os EREs, pois tamén axilicémolos e xa temos un problema menos. Que a sanidade pública é un dereito básico mais tamén caro, a receita é comezar por lembrar que se goberna tanto para a sanidade pública como para a privada. E claro, isto non ten nada de ideoloxía, son decisións neutras e asépticas de ideas que toman os “xestores dez”.

Tan bos e boas xestores que a día de hoxe aínda non hai enriba da mesa ningunha medida contra a crise que non sexa buscar máis expertos para facer un plan ou subplan de choque. Cultura segue sen nomear o seu equipo, supoñemos que tentará que non estexa limitado á cultura galega. Todos os proxectos de construción de equipamentos sociais paralizados. Para as persoas dependentes, prométese atender 16.000 este ano cando 14.500 xa o están a día de hoxe. E para as galescolas, proponse convertelas en “gardarías normais”.

A palabra “gardaría” está desbotada do vocabulario da educación cero-tres anos desde hai moito tempo e “normal”, respecto a que? Normal pode significar que o ensino das crianzas estexa privatizado como na Comunidade de Madrid, normal pode ser que estexa en mans dos Concellos como ocorría até hai pouco en Galiza –coas dificultades orzamentarias que isto ten para as poboacións pequenas. Normal pode ser que se elimine a parella educativa, normal pode ser que non haxa proxecto educativo nos centros, que o persoal non teña formación continua, que non teñan mandilóns os cativos, que se rebaixe a calidade do comedor…

As galescolas son un proxecto educativo pensado en galego para Galiza, como si vivísemos nun país… normal? Sen ideoloxía?

 

Carme Adán. Este artigo tamén foi publicado en A Nosa Terra 

 Posted by at 11:47
Mai 022009
 

A rebelde conciencia da nosa Rosalía de Castro reparou na transcendencia para o país dalgúns comportamentos sociais. En 1866, por exemplo, publicaba no Almanaque de Soto Freire (Lugo) o retrato dun tipo frecuente, "O Cadiceño", o emigrante que retorna desfigurado cultural e lingüisticamente. Supostamente enriquecido, provoca admiración e hipnotismo mimético nos seus compatriotas: desprezo polo galego, discurso acastrapado, acenos e indumentaria andaluza, menosprezo de usos e costumes propios e gabanza dos alleos. Estes efectos da nosa emigración á Arxentina, Cuba, Uruguai ou a Cádiz e Madrid, reforzaron aínda máis a política cultural e lingüística do Estado na Galiza. Corridas de touros e canción e baile "andaluces" foron os instrumentos empregados desde fins do século XIX para inxectar mímese e alienación cultural en masas desprotexidas. La Bella Otero, no campo artístico, foi un produto autóctono, para consumo cosmopolita, desta dialéctica cultural, coa debida ocultación das súas orixes. Valle-Inclán, especificamente nas súas "Divinas Palabras", quixo mostrar a deformación do pobo galego, das súas clases populares, por este proceso de colonización: a admiración paifoca a distancia polo alleo e incomprensíbel. Manipulado pola Igrexa, con ausencia de clases dirixentes e cun xogo económico oportunista en proveito de cucos estranxeiros ou estranxeirizantes, o resultado é a deformación, a burla e a ausencia de futuro. Podemos evocar o Castelao debuxante, ironizando sobre o choque das corridas de touros coa mentalidade popular galega, cando apresenta un labrego matinando perante un cartel anunciante dunha corrida en Santiago: "Lástema de bois!". Nembargantes somos sabedores da insistencia en introducir e espallar as corridas na Galiza, desde Celanova á Coruña, pasando por Sarria ou Pontevedra. Non ocultan os galegos á española, con domicilio práctico en Sevilla ou Madrid, por exemplo, en expresar a súa rendida admiración pola "festa nacional" cando acoden no verán á praza de Pontevedra desde o seu privativo descanso en Sanxenxo.
De neno vivín, desconcertado e alleo, abafado radiofonicamente por Antonio Molina, de mozo por Manolo Escobar, e xa adulto pola Pantoja. Albisco que hoxe, rebumbio mediático atordoador, para públicos máis sofisticados está La Niña Pastori ou El Cigala. A audiencia popular de Luar consume, entusiasta, a gran tradición pseudo-folclórica españolista. Certo que non xurdiu outra Bella Otero, pero produciuse o reparo redentor de escoitarmos, nada menos que no Parlamento Galego, o himno da nación, en versión flamenca!!. Isto si que é apertura, simpatía polo próximo e internacionalismo. Por certo, debían reparar os que tanto falan de feísmo arquitectónico que, en grande maneira, o estragado, o desfigurado, o inadaptado ao medio, provén da imitación, da falla de auto-estima. O Cadiceño rosaliano tamén aspiraba a "poner mi casa a estilo de Cais".
Esta forma de ser galegos, tan intimamente vinculada á españolidade, á españolización, foi sempre impulsada con consecuencias negativas para o país. Os activadores desta minusvaloración ou desprezo aparecen como triunfantes fóra. Teñen tal amor pola terriña que, normalmente, non deixan de expresar a última vontade de viren morrer nela ou, cando menos, deixar ordenado que nos devolvan o cadáver (a "mortadela"), que, como se sabe, devén putrefacto. As súas esencias perviven para boato e admiración do pobo. Estou por asegurar que directa ou indirectamente detrás da festa da que a continuación informamos, hai algún preclaro fillo ou veraneante na parroquia, con enderezo fiscal en Madrid ou Sevilla, é un dicir. Noticia de prensa (Diario de Ferrol, 26-04-2009): titular, "Covas tamén baila sevillanas". Información: "desde a entidade veciñal de Covas miran tamén cara a outras latitudes. Así que onte foron de feira, pero da de Abril, con carruaxes, farolas, acento andaluz, pescaíto frito, xamón, manzanilla e música e farra durante horas". Estes entusiastas seguramente considerarían un exceso fundamentalista, identitario, contrario á liberdade, unha inasumíbel imposición, que un día das festas parroquiais for dedicado á música galega ou en galego.
Rosalía falaba de que os cadiceños inspiraban nos que os ouvían o desprezo polo país, e ansias de gañar cartos a costa da dignidade. Padecemos un problema de anestesia da dignidade colectiva, sen que nos beneficie economicamente. Pode estrañar ou sorprender que, con este panorama, unha Enciclopedia como a Británica, distante, cosmopolita e imperial, ofreza a información que ofrece sobre Galiza?

 Posted by at 23:36
Mai 012009
 

Levamos xa meses e meses falando dunha crise económica mundial que moitas sabemos é consecuencia do fracaso dos sistema económico capitalista e que ten como única solución un cambio de sistema socioeconómico.
    Aínda inmersos na análise da crise, máis conscientes cada vez das súas terríbeis consecuencias, cos traballadores na rúa reclamando a readmisión de despedidos e a negociación dos convenios, mentres o sistema di que a solución é abaratar o despedimento ou que hai que atrasar a idade de xubilación, xorde outra noticia, outra crise de dimensións mundiais, que vai ser, en primeiro lugar, a escusa perfecta para deixar de lado o tema da crise provocada polo capitalismo.
    Porque unha das primeiras cuestións que podemos valorar é o que xa temos comentado a respecto de que moitas veces o exceso de información sobre un tema está perfectamente calculado para retirar da primeira plana outro tema, ou sexa, máis información para estar máis desinformados.
    Levamos xa días en estado máxima preocupación, atentos á televisión que día a día nos anuncia o incremento de posíbeis casos de gripe. Vemos como soben o nivel de alarma, mais, alguén dubidaba que existía o risco real de que se expandise por todo o planeta? Que tal vez non sexa tan doado de controlar o contaxio da enfermidade? En todo caso, fálennos das causas, dígannos como xorde este virus e non sinalen a un neno… Eu non podo entender como poden concluír con tal contundencia que ese neno é o foco da enfermidade, o primeiro portador, e non saber como se produce ou de onde vén. Un pequeno neno mexicano, un pobre neno que vive nunha granxa…
    Os medios xa falan de La Gloria como lugar en que se iniciou o andazo, e en México e nalgúns medios de internet levan todo o mes de abril dándolle voltas ao tema. Ao que parece os científicos viñan alertando de que a produción masiva de carne de porcino podía ser causa de mutación de virus e un virus mutante é o que está a provocar esta nova crise. Seguimos buscando e vemos que cada vez máis dedos sinalan cara a produción extensiva dunha empresa americana, Smithfield Farms, que ten unha filial, Carroll, no estado de Veracruz, unha macrogranxa que produce un millón de porcos ao ano. Os habitantes de La Gloria quéixanse da insalubridade dos vertidos fecais da empresa. Diversas informacións sinalan que eses vertidos puideron contaminar a auga e o aire e poden estar relacionados coa orixe da gripe nova ou A.
    Pois falemos diso, falemos de como a rica Norteamérica, o capitalismo, busca producir carne barata levando as empresas a territorios situados fóra das súas fronteiras, incumprindo normas sanitarias e provocando infeccións. Para que as hamburguesas das grandes multinacionais teñan prezos incomprensibelmente competitivos, tal vez hoxe haxa non un, varios nenos enfermos, mais do outro lado da fronteira. Outra vez unha conclusión segura: o capitalismo destrúenos.
    Fala Saramago no seu caderno desas voces que alertaron das consecuencias desta produción extensiva de carne, investigadores acalados pola ameaza do recorte, ou a eliminación, das fontes de financiamento, sinala que ao final nada sabemos das verdadeiras causas, do que cómpre coñecer para buscar a solución definitiva, lembra que algo así xa pasou cando a gripe aviar, coa avícola Charoen Pokphand, de Bangkok.
    E eu digo, estamos entón tan cegos e enfermos como as personaxes de Ensaio sobre a cegueira, e así continuaremos, cada vez máis enfermos e máis cegos, máis agresivos entre nós, máis destrutivos coa nosa contorna… Estamos lonxe da curación, dese día en que poderemos volver ver porque aprendemos a ver, a ver a razón das cousas, as causas reais que nos traen a este delirio, cando tomemos conciencia de que debemos mudar este sistema, transformar este mundo.

Marta Dacosta, 1º de maio de 2009.

 Posted by at 21:33
Mai 012009
 

Segundo relatan as fontes antigas, Nerón –embora culpase os cristiáns do incendio para os perseguir sen piedade-  mandou queimar Roma para a reconstruír ao seu gusto, e dise que  mentres ardía a cidade el  estaba cantando versos da obra Iliou Persis, poema que comeza coa discusión dos troianos preguntándose que facer co cabalo de madeira que os gregos deixaran abandonado onde tiñan o campamento.  
Algo de neroniana ten a actuación política do Presidente da Xunta, porque en apenas uns días incendiou coas súas declaracións o inestable desequilibrio lingüístico da Galiza, avivando o lume onde só había fume, na perspectiva de reconstruír unha Galiza monolingüe (en castelán), instaurando finalmente a paz lingüística nesta fronteira do Imperio, da mesma maneira que Nerón fixou a paz na fronteira co Imperio Parto.
Non satisfeito con iso, acusa o profesorado que cumpre a lexislación vixente de non respectar os dereitos do alumnado e fai un chamamento público para incumprir o Decreto 124/2007. Nunca tal se viu!!!. Un Presidente de Goberno chamando os cidadáns a incumprir as normas legais vixentes, facendo apoloxía da anarquía.
Parece irreal.Mais é obvio que o Sr. Presidente  abriu este novo cabalo de Troia para seguir unha folla de ruta perfectamente trazada desde certas ondas radiofónicas, desde certa xerarquía relixiosa que obxecta e propón a rebelión social contra todo o que non sexa criacionismo, desde certa fundación que o mesmo proclama a inexistencia do cambio climático que o analfabetismo dos galegos e galegas e desde certas organizacións sociais que se amparan na falsidade da imposición lingüística para participar no xogo, quer de difundir  mentiras quer proclamar verdades con tal de lograr o obxectivo. E o obxectivo único é borrar da face da Terra todo o rastro que nos afaste do pensamento único, do mercado único, do amo único, do idioma único.
No acto de proclamación como candidato á Presidencia da Xunta, en novembro de 2008, tal como se difundiu nos medios de  comunicación, o Sr. Núñez Feijoo dirixiuse in memoriam a Xosé Cuíña en nome de Galicia, nai e señora. Tamén teño escoitado que o Sr.Presidente está casado con Galiza.
Galiza nai e esposa, tal é a percepción que o Sr.Presidente ten da realidade que lle tocou gobernar.
Disque Nerón asasinou, ou mandou asasinar, a súa propia nai, Agripina  e a Claudia, a súa esposa, ao regreso do exilio a que fora condenada. Estranxeira na súa patria, a nosa lingua comeza a vivir novamente, despois do regreso dese exilio de usos a que foi sometida, mais as medidas previstas polo PP,de non as frearmos, igualarán, inevitablemente, o seu destino co de Claudia. Agora a  responsabilidade será, , do Sr. Presidente, por máis que intente botar a culpa da destrución aos que entendemos que os galegos e as galegas temos dereito a que a nosa lingua propia  sexa oficial a todos os efectos e que o galego debe desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

 

Xoán Costa Casas

 Posted by at 21:24