Xuñ 142009
 

O galego aínda continúa a ser unha lingua discriminada e desprezada. A actual democracia só aceitou a realidade plurilingüe no Estado español desde unha visión restritiva, paternalista  e subordinada para o galego, o catalán e o vasco. Dunha forma premonitoria, antes da transición, sociolingüistas como Rafael LLuis Ninyoles (Idioma e poder social) advertíronos da conexión entre o status do idioma propio e a estrutura do poder. A verdade é que o comportamento lingüístico na Galiza entón, como en liñas xerais hoxe, expresaba o dominio do castelán sobre o galego e a subordinación deste na interrelación da vida cotiá, como corresponde a unha sociedade subordinada económica, cultural e ideoloxicamente, polo tanto tamén nas actitudes psico-sociais. Paradoxalmente coa chegada da democracia producíronse graves casos de represión contra mestras/es por impartiren ensino en galego, previa denuncia dalgúns pais, curiosamente en ámbitos rurais, ao abeiro dun denominado Decreto de bilingüismo.
A nova legalidade parecía estar pensada para destruír o logrado por propia iniciativa popular nos últimos anos do franquismo sen ningunha cobertura legal. Entón a resposta a esta represión correu exclusivamente por conta do nacionalismo político, sindical e social. A diferencia de Catalunya e Euskadi a verdade é que na Galiza non se empregou o marco autonómico para desenvolver unha  política lingüística claramente favorábel a un proceso de normalización de usos do idioma propio en todos os ámbitos e para todas as funcións no noso territorio. A escasa lexislación elaborada a partir do Estatuto de Autonomía nunca foi considerada prescritiva, senón puramente indicativa. Vivimos máis de vinte anos no que Fraga chamou bilingüismo harmónico: relativa aparencia simbólica, que a nada obrigaba, nen a respeitar a legalidade, a veces positiva, mentres o retroceso social dos usos do galego era galopante. Con democracia e marco autonómico, o galego seguiu a ser unha lingua prescindíbel e os galego-falantes conscientes  obxectores de conciencia, en palabras de Carvalho Calero, sen veren respeitados plenamente os seus dereitos no país, arriscándose sempre a situacións conflitivas. As pequenas medidas do bipartito e os indicios de que  se podía camiñar cara unha seria política de normalización desde o poder autonómico, se continuaba en semellantes mans, situaron Galiza e o seu idioma como un obxectivo central do acoso contra os idiomas cooficiais co castelán. Estamos perante un deseño, urdido por  poderes económicos, ideolóxico-culturais e mediáticos españois, que seguen  obedientemente as sucursais galegas. O PP e outras organizacións sociais, debidamente adestradas e untadas, exprésano politicamente.
Ataque tan frontal e de tal magnitude, fundamentado na inversión cínica da realidade, persegue que unha sociedade como a galega,  maioritariamente cunha adesión puramente sentimental, primaria, aconflitiva por subordinada, ao seu idioma, se deslice máis  cara  unha actitude de auto-odio, de desnacionalización. Hai que obrigala a optar, desde o goberno, xogando cos  prexuízos e falsificacións inducidas, polo “superior, útil e español”, adobiado co inglés . Non lles abonda coa  decisión de derrogar a actual legalidade en materia de uso do galego como lingua veicular no ensino. Pretenden criar un caldo de cultivo no sistema educativo que dificulte ou impida taxativamente, contando coa debida manipulación dos pais,  calquera proceso de formación, de  socialización, de nenos e nenas, mozos e mozas, malia ser parcial, en galego. A isto responde a enquisa que estes días se esta repartindo entre o alumnado nos centros educativos para ser respondida polos proxenitores. Non é que non queiran avanzar. Queren destruír o pouco que hai. É unha ameaza contra os que, con decreto ou sen el, están dispostos a ter unha prática docente na nosa lingua. En nome, agora, do bilingüismo amable.
A política lingüística da Xunta do PP terá consecuencias educativas, sociais e políticas moi negativas para o pobo galego,  se non somos quen de deslexitimala, dificultala e finalmente impedila. Estes días temos que dar a batalla, con todos os medios ao noso alcance, para nas respostas ás devanditas enquisas se manifestar unha importante opinión de rexeitamento dos seus métodos e da lexitimidade que pretenden conseguir con eles. O rexeitamento das súas  reais intencións de exterminio do galego, de inoculación de odio e desprezo por nós mesmos. A pasividade, a inacción, mesmo en nome dunha descualificación hipercrítica, non é o mellor camiño. O mellor é  unha oposición social activa, organizada. Esta oposición debe aproveitar a ocasión para expresarse. Somos moitos galegos e galegas os dispostos a non calar,  moitos máis que, cando a comezos da democracia, tivemos que combater aquel  Decreto de bilingüismo, de intención tamén tan paralizante e destrutiva.

 Posted by at 00:06

  5 Responses to “Idioma e poder”

  1. “manifestar unha importante opinión de rexeitamento dos seus métodos e da lexitimidade que pretenden conseguir con eles” no es lo que deberían tratar de conseguir. Lo que deberían intentar es contestar a las encuestas manifestando sus preferencias, como hace el resto de la población.
    Hay gente que tiene razones y otros que tienen pasiones. Eso esta bien. Pero no que contra las razones se impongan las pasiones.

  2. Ante o ataque brutal que está a sufrir a nosa lingua cómpre que rexurda un movemento pola fala como foron as Irmandades da Fala. Facede unha convocatoria pública onde caibamos tod@s, é necesario responder. O 25 de xullo to@s con camisetas que digan ” Cando eu me consideraba o derradeiro supervivente dun pobo suicida chegou a min a súa voz alentadora” que se poden repartir para que tamén sexa unha manifestación en defensa da lingua.

  3. Ante o ataque brutal que está a sufrir a nosa lingua cómpre que rexurda un movemento pola fala como foron as Irmandades da Fala. Facede unha convocatoria pública onde caibamos tod@s, é necesario responder. O 25 de xullo to@s con camisetas que digan ” Cando eu me consideraba o derradeiro supervivente dun pobo suicida chegou a min a súa voz alentadora” que se poden repartir para que tamén sexa unha manifestación en defensa da lingua.

  4. ” Eu diríalles máis prohibistes o galego nas escolas para producirdes no espiritu dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ban”
    CASTELAO

  5. Di Anton Vilar Ponte,
    Hai pois unha política para nós: a gran política da lingua. se conseguimos interesar nesta política aos novos intelectuais e ás xerazóns que veñen, volveremos ser fortes. Pobo que recobra a súa lingua, recóbrase a si mesmo; pénsase como se fala e fálase como se pensa. Cando morre un idioma, morre un pobo porque a palabra é o elemento esencial da formación do home.” Eu diríalles máis prohibistes o galego nas escolas para producirdes no espiritu dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben”

Sorry, the comment form is closed at this time.