Cuestións diarias dunha feminista

O 28 de setembro celébrase o Día Internacional polo dereito ao aborto, é dicir, o noso dereito a decidir sobre a nosa capacidade de reprodución; sobre o número de crianzas que desexamos ter, os tempos e as cadencias entre ese número de crianzas.
O noso dereito a decidir sobre o noso corpo de mulleres.
Este día 28 de setembro instituírono  as organizacións feministas larinoamericanas e da zona do Caribe. Parece claro a imperiosa necesidade de denuncia que viron estas compañeiras latinas e caribeñas.

  • Unha reflexión inicial lembrando este  Día Internacional polo dereito ao aborto:

A prohibición do aborto é parte das prácticas que tratan de controlar a sexualidade das mulleres. Aqueles que insisten  que o aborto é un delito parecen considerar que o exercicio da sexualidade é só para a reprodución, ademais consideran que a reprodución non é un acto humano senón  a consecuencia dun mandato divino no cal as  mulleres non podemos  intervir.

  • Exercicio de responsabilidade:

Na sociedade, bastante insolidaria e hostil, na que vivimos, unha das relacións máis satisfactorias que se poden establecer é a dunha nai coas súas crianzas.
A decisión de abortar é difícil e dolorosa para as mulleres e, se se tomar, é por razóns de peso, que fan que esa relación non sexa posíbel.
Por tanto a interrupción voluntaria do estado de gravidez  é un acto de responsabilidade do máis alto nivel.

  • As mulleres podemos esixir coherencia:

Sexamos coherentes cos dereitos que as leis e a sociedade xa nos recoñecen e deamos un paso máis, que require pouco esforzo por parte dos lexisladores, e que é moi importante para moitas mulleres menores de 50 anos.
É preciso denunciar  que aínda se nos poñen obstáculos, baseados en actitudes hipócritas, ao  noso dereito a decidir en liberdade, intimidade, dignidade.

  • Recordando a historia máis recente:

A despenalización do aborto, en 1985, a través do suposto de perigo para a saúde psíquica da nai, permitiu que as mulleres das distintas nacións do Estado español, previa declaración de “desequilibrio ou trastorno mental” certificada por un psiquiatra, se xogaran menos a vida nos circuítos do aborto clandestino ou non tivesen que cambiar de Estado, aquelas que tiñan posíbeis -claro-,  para interromper un embarazo non querido. Exemplo de sociedade que mira  para outro lado.

  • Curiosidades históricas:

O sistema sanitario público permaneceu practicamente á marxe e as interrupcións do embarazo fixéronse en clínicas privadas durante máis de 20 anos.

  • E hoxe que está a pasar?:

Actualmente no Estado español o aborto está penalizado, o que ocasionou nos últimos tempos multitude de detencións, ameazas e encausamentos de mulleres e do persoal médico que practican a interrupción voluntaria do embarazo en clínicas privadas,  xa que a sanidade pública -convén recordar- só cobre o 3% das intervencións. Podemos dicir que é tan ridícula a estatística, que na práctica, na sanidade pública non se realizan intervencións cirúrxicas para interromper o estado de gravidez.

Dáse o paradoxo de que, así como a indicación de perigo para a saúde psíquica da embarazada non ten prazo, a indicación de malformación fetal cobre só até a semana 22ª. Curiosidade.
Actualmente, o diagnóstico dunha malformación fetal faise nas unidades de diagnóstico prenatal dos hospitais públicos, mais a muller, que normalmente adoita desexar este embarazo, unha vez realizado un diagnóstico dun feto cunha enfermidade grave ou incurábel, ten que ir, por exemplo, a abortar á Franza, onde a interrupción do embarazo ten un custo aproximado de 6.000 ou 7.000 euros.
Desde hai varias décadas o avance da ciencia permite realizar unha interrupción do embarazo en condicións seguras para a muller, mais a clase política no pode seguir tan fortemente influenciada polas xerarquías eclesiásticas, particularmente pola católica, que non só sanciona o aborto senón toda forma de control da natalidade.

  • Ás mulleres xa non nos vale a lexislación actual:

Despois de todos estes anos de vixencia da actual despenalización, hai evidentes disfuncións. Casos como as neglixencias dalgunha clínica, unidos a rexistros en clínicas autorizadas e interrogatorios a mulleres por parte de xusticeiros defensores do que "Dios manda", puxeron de relevo graves deficiencias da norma, sobre todo para a seguridade xurídica das mulleres e o persoal sanitario.
Por estas razóns, urxe modificar a situación e facer que neste tema nos acheguemos aos países europeos.
Moitas de nós pensamos que ben pouco cambiaron as cousas en máis de vinte anos, respecto dun dereito tan personalísimo como é o dereito á nosa integridade e o dereito á nosa saúde.

  • Patriarcados, dereitas e intereses espurios:

A xerarquía da Igrexa católica sempre se levou mal coa ciencia e coas mulleres.
Non só respecto da interrupción do estado de gravidez, tamén no caso das células nai (serve só este exemplo para ilustrar a cuestión) a xerarquía eclesiástica opúxose a avances que puidesen diminuír os sufrimentos da nosa especie.
Nestes anos demostrouse a incoherencia da dereita española, que recorreu a regulación de 1985 ante o Tribunal Constitucional, paralizando a súa entrada en vigor durante dous anos, e que cando gobernou no Estado español entre 1996 e 2004, mirou para outro lado e non a derrogou. Neses anos a dereita era abortista? Exercicio hipócrita?. Curiosidade.
No momento actual, o Partido Popular, á vista da posibilidade dun  proxecto de lei, embarcouse nunha campaña inmoral e inaceptábel, anunciando xa que denunciará de novo calquera lei que se produza ante  o Constitucional. Outra vez.
Durante máis de 20 anos o PP seguiu ignorando que o Constitucional non é un tribunal de moralidade. Se están en contra do dereito a abortar deberíano estar sempre e en todos os casos, mais  ráchanse as vestiduras e non se preguntan qué pasa coas mulleres que abortan e que son parte de clases sociais elevadas ou que practican a fe católica?. Estas mulleres tamén abortan. As estatísticas existen. Nesta caso non menten.
Esta batalla sempre estivo capitaneada pola Conferencia Episcopal, que é un clube de homes, vestidos de forma curiosa, que xamais comprenderán o que significa a maternidade ou a paternidade. Por unha moi evidente razón: Alguén diría que é porque son homes (que tamén), mais ademais  de homes, son en teoría célibes, aínda que pasan unha grande parte do seu tempo falando de sexo. Outra curiosidade.
O balbordo que montaron as declaracións do Papa en África sobre os preservativos evidencia que a xente comprendería mellor que falasen máis da fame, da pobreza, da escravitude, do espolio que os países chamados do primeiro mundo realizan sen escrúpulos a países chamados pobres, mais ben sabemos que extremadamente ricos en materias primas.
Hai que falar da sida en África, do porqué da sida en África, e non tanto da nosa sexualidade e atreverse a considerar pecado a utilización de métodos anticonceptivos tan simples e útiles como  son os preservativos.

  • Seica nos debamos preguntar:

– As mulleres só somos incubadoras?
Por que falar outra vez do inicio da vida -vida abstracta-, esquecendo falar dos problemas e cuestións inherentes á vida real -vida de mulleres, e de homes tamén, por suposto-?

  • Insistencia  en debates superados:

Este debate xa se superou na década dos 80. Do que estamos a falar agora é de se as mulleres que abortaron  o ano pasado, deberían ir ao cárcere por cometer un pecado que a Igrexa quere que sexa un delito para todas as mulleres e tamén para todos os profe
sionais que interveñen no procedemento.

  • Anticonceptivos e máis hipocrisía:

    Claro que hai que facer máis prevención!
    E máis educación!
    E debe incluírse no currículo escolar dende as idades máis temperás!
    Claro que a educación afectivo-sexual axudará a  evitar  estados de gravidez non desexados! …
Máis tamén é preciso recordar que a educación, a boa educación, a integral, a inter-disciplinar, a multi-profesional, a transversal, pode axudar á eliminación dos machismos provocadores da peor das violencias que sufrimos as mulleres! Até é posíbel que houbera menos  mortas…
Mais esquecíame que educación sexual, a anticoncepción, a contracepción ou os protocolos como o da pílula do día seguinte, tampouco contan coa aprobación dos aguerridos xusticeiros e defensores da vida non completa, non nata.
Convén tamén recordar que unha sexualidade mal entendida, mal explicada, sen coñecementos e sen educación, é unha ferramenta perfectamente válida para a submisión.

  • E agora que pasará co proxecto de lei?

Esperemos agora, “ferventemente”, que os grupos políticos que teñen que presentar a lei no Congreso español; e aqueles que deberán facer apartacións; e aqueles  que teñen que aprobar a lei, non se deixen levar polo tremendismo e miren, con claridade, ao contorno internacional e europeo.
É perentorio que o aborto saia do código penal xa que se trata dun dereito, o dereito das mulleres a decidir libremente a súa maternidade.

É precisa unha lei que recoñeza e garanta o dereito á autonomía reprodutiva das mulleres, establecendo a súa decisión persoal como motivo exclusivo e absolutamente vinculante.
Vinculante para a sociedade no seu conxunto: poder lexislativo, sistema público sanitario, sistema xudicial, sistema de servizos sociais, sistema educativo …
Especialmente hai que atender as particulares necesidades en materia de sexualidade e anticoncepción das mulleres máis novas para as que haberá que introducir no currículo escolar, ao mesmo tempo que de maneira específica se faga cos seus compañeiros varóns,  a educación afectivo-sexual, e asegurar o seu acceso a todos os métodos anticonceptivos, incluídos os de última xeración, respectando o dereito de universalidade e acceso, cal é o da rede sanitaria pública.
A nova lei debe corrixir os problemas da lexislación actual, partindo do dereito das mulleres á liberdade e á autonomía e tendo en conta que vivimos no século XXI e non na Idade Media.
Xa para acabar, quero facer unha lembranza respecto dunha feminista, filósofa e muller contraditoria, como moitas de nós:
Simone de Bouvair elixiu non ter crianzas, e pensaba que a elección e a planificación da maternidade era unha condición necesaria e imprescindíbel para a  emancipación feminina.
Que significado profundo tiña para ela unha  maternidade responsábel?

“A maternidade é unha elección que atopa o seu sentido dentro dun proxecto de vida determinado, nunca pode ser un proxecto de vida  por si”.

Aínda que levamos moito camiño andado, as mulleres non debemos esquecer que  calquera paso na dirección de controlar nos mesmas a nosa fecundidade será sempre  observado con medo e sempre pretenderán  prohibir e rexeitar a nosa liberdade sexual.
Aquí non hai curiosidades, é  puro intento de manter o control do patriarcado máis rancio.
Teñen moito, moito  medo.
Medo a que as mulleres tomemos absoluta conciencia do noso poder.  

A Coruña, xuño de 2009 ©Carmela Garrido Ordoño

Comments are closed.