Xuñ 182009
 

Durante o mes de maio, e parte do de xuño, púidose visitar na Coruña, na Casa
Casares, unha exposición titulada "De hoxe para sempre" centrada nos textos do
Manifesto Nacionalista de Lugo de 1918. Un panel, que leva por título "A roxa
labarada alumea a campía" fai referencia aos movementos agrarios de comezos do
século XX, sintetizados no anteriormente citado verso de Cabanillas.

Cabanillas, igual que Curros ou Rosalía antes e Manuel María despois,
interpretaron e tomaron posición sobre os procesos de transformación que ao
longo dos anos afectaron o agro galego, sabedores de que na Galiza, as loitas
labregas foron sempre a vangarda de posteriores conquistas sociais.

Hoxe o medio rural está a atravesar momentos de dificultades como seguramente
nunca antes pasou. Cun despoboamento crecente, só momentaneamente freado durante
os derradeiros tres anos, grazas ás políticas postas en marcha pola Consellaría
do Medio Rural dirixida por Suárez Canal, Galiza enfróntase ás consecuencias
derivadas da Política Agraria Común, ademais, claro é, de estar sometida ao
proceso de globalización que leva consigo a destrución das nosas estruturas
produtivas, non só as agrícolas.

Posiblemente todos e todas coincidamos na necesidade de aumentar a toma de
conciencia de toda a sociedade sobre a problemática agrícola, porque Galiza
precisa un medio rural vivo, cunha agricultura economicamente viábel, onde non
se cuestione o dereito a producir a prezo xusto e que garanta a seguranza
alimentaria de toda a sociedade. Unha agricultura que aporte traballo, riqueza e
calidade ambiental e dirixida cara a revitalización do medio rural.

Porque temos dereito a producir, porque non somos un país pobre nin unha
sociedade dependente, porque temos recursos, temos que apostar por un medio
rural vivo. Para iso son necesarias melloras nas políticas agrarias que permitan
aos labregos e ás labregas vivir dignamente; mais tamén, e non teñen menor
importancia, son precisas políticas educativas, culturais e de servizos,
elementos imprescindíbeis para podermos falar dunha sociedade rural moderna que
tamén ten dereitos, e que, cando llos negan, está disposta a defendelos. Como o
fixo Rosalía, Curros, Cabanillas ou Manuel María e como o debería facer o
Goberno Galego pois, non o esquezamos, a sociedade galega ten un grande tributo
a pagar a todos os labregos e labregas que nos precederon, por seren eles, en
boa medida, os artífices da ordenación do territorio, e porque sabemos que a
eles corresponde o maior coñecemento, o uso e a conservación da
biodiversidade.

 Posted by at 00:28

Sorry, the comment form is closed at this time.