Xuñ 212009
 

Arcos de ValdevezResúltame consolador achegarme, de cando en vez, a Portugal, concretamente ás terras do Miño, aquelas que constituíron, con nós, a Galiza histórica. Con todas as limitacións e cautelas que se quixer, reconforta vivir nunha sociedade coa súa lingua normalizada. Como esta lingua tamén é a nosa, malia todas os estrañamentos que moitos poidan sentiren, a sensación de acougo e de utilidade van parellas. Cumpriría matizar máis a tese de que é unha riqueza para un pobo contar con dúas linguas  Desde logo, non o é para a sociedade galega. Simplemente ningunha sociedade cría dúas linguas para que poidan desempeñar as mesmas funcións. De forma asañada acaba por ser a propia a que padece o desprezo, o deterioro e o retroceso. É coa nosa propia que procuro información, relación e contacto social alén do Miño, como o fago tamén aquén con máis dificultades e tropezos…
Tiña pendente visitar Arcos de Valdevez, vila sempre postergada nas curtas viaxes que me é posíbel facer pola rexión do Miño. Na historiografía mítica portuguesa e na española alúdese a un confronto entre os exércitos de Afonso VII o emperador, rei da Galiza, de León e de Castela, e o seu curmán Afonso Henríques, neste lugar. A data considérase como o inicio da independencia do reino de Portugal. Efectivamente, no alongado e esplendoroso paseo a carón do río Vez desta vila, a cámara municipal ten erguido un monumento de inspiración bélica cos dous Afonsos como protagonistas. Para subliñar o carácter de feito histórico e expresar neutralidade na información, empréganse dous textos referenciais de época. Un deles da Chronica Adefonsi Imperatoris, traducido do latín ao español, e outro dos Anais do rei Afonso Henriques, traducido do latín ao portugués. A realidade fica así simplificada e, desde logo, manipulada. Tiñamos a impresión de que foi unha batalla (a información non dá para tanto, máis ben unha escaramuza familiar) entre españois (¿) e portugueses (?), con todo o anacronismo resultante tratándose do século XII.
O texto da Chronica, polo demais intencionado e de parte como todos, alén das modificacións, non agacha que os exércitos do Afonso VII eran da Galiza e non exclusiva ou maioritariamente de Castela. Porén, a Galiza sempre deixa de ser o punto de referencia da historiografía portuguesa, e por suposto da española, para explicar racionalmente a orixe dos reinos medievais no occidente peninsular e a súa evolución. Sempre estamos absorbidos en León ou Castela. Pero todo indica que as clases dirixentes aquén e alén Miño eran as mesmas polo menos até fins do século XIV. A partir de entón progresivamente, por interferencia imperiosa do dominio castelán, podemos falar de separación, coas consecuencias dun forzado estrañamento anti-natura entre as clases populares…Alí, en Valdevez, nun restaurante de comida “rexional”, moi frecuentado por xente da vila, pasamos por portugueses falando en galego co sotaque axeitado. A patrona que atendía as mesas, experimentada e familiar, non foi quen de descubrir a nosa condición nacional. Tivemos que lla revelar… Os prexuízos e o esmagador ferro españolizador predispón a moitos galegos e galegas a non entenderen o portugués ou pretextar estrañas dificultades. Após escoitar media hora calquera televisión portuguesa poden desaparecer moitos medos e receos. A familiaridade axuda a comprobar as coincidencias básicas do noso común idioma e canto podemos gañar coa aproximación real, en todos os aspectos…Por certo, na retransmisión pola TP1 do debate parlamentar da moción de censura contra o Goberno do primeiro ministro José Sócrates, comprobamos que non existe ningún interese pola modernización ferroviaria, sexa ou non alta velocidade, entre Porto e Vigo. O Goberno adía, para após as eleccións de outubro, a decisión de executar a conexión  Madrid-Lisboa, prioritaria, e avaliar definitivamente a viabilidade Lisboa-Porto. De Vigo-Porto nin palabra por ningures. Aproveitamos para usar os servizos ferroviarios entre Valença e Viana, moi socorridos e úteis para a xente de todas as idades, que viven nas vilas intermedias: Vilanova da Cerveira, Camiña, Vila Praia de Áncora…Eran perfeitamente competitivos coa estrada por frecuencias e por velocidade, malia ser unha infraestrutura ferroviaria e un material moi lonxe da modernización requerida. A fronteira facía de muro: só dous comboios ao día proviñan de Vigo. O transporte de mercadorías entre Vigo e Porto, inexistente. Até cando tanta indiferencia?
De novo, tiven unha explicación. Visitando, en Viana do Castelo, unha exposición de traxe rexional vianés, informáronnos que había tamén no último andar outra de traxe galego, ao abeiro do emprego de fundos do Interreg, co carimbo da Deputación da Coruña. Por suposto, non existía a palabra Galiza. O rapaz que nos atendeu díxonos que eran traxes da provincia da Coruña en España…

 Posted by at 00:33

Sorry, the comment form is closed at this time.