Xuñ 252009
 

Aínda ecoa nas aulas o polémico inquérito sobre a lingua de uso no ensino e xa a Consellaría de Educación nos sorprende con outra medida: a modificación do programa de gratuidade de libros de texto establecido na anterior lexislatura. Argumentos: "consideramos que a los que hay que ayudar, sobre todo en estos momentos, es a los que menos recursos tienen", parece que dixo o Conselleiro.
Somos conscientes de que este é un tema que levanta opinións dispares e que hai  persoas que consideran inxusto que familias con recursos se beneficien dun programa de gratuidade de libros de texto. Por outra parte, as medidas postas en marcha en sistemas educativos do noso entorno non son unánimes, como tampouco o son as posicións do PP. Así, por exemplo, en Andalucía, onde os materiais son gratuítos para  931.730 alumnos o próximo curso 2009-2010, mediante un programa de cheque-libro, o PP acaba de propor no parlamento a extensión desta gratuidade para a etapa  0-6 con carácter universal. Tampouco existe unanimidade sobre se a gratuidade se debe desenvolver a través do sistema de empréstito, de cheque-libro ou de outro método. Mais no que si existe certa unanimidade é en considerar que os materiais escolares, nun sistema educativo obrigatorio, deben ser gratuítos para a totalidade do alumnado, e diferentes comunidades autónomas utilizan este principio, quer sendo a Administración a propietaria dos materiais que cede para o seu uso ao alumnado (Navarra ou Galiza, por exemplo) quer mediante o sistema bonolibro que permite ás familias a compra de materiais escolares (Madrid, Murcia ou Cantabria seguen este modelo).
 Non entramos na polémica de cal método é mellor, só diremos que o sistema de cheque-libro é preferido polo mundo editorial e polas librarías. Por último, nalgunhas comunidades quedan excluídas das axudas as rendas máis altas (Asturias, por exemplo non concede axudas ás familias con rendas superiores aos 60.000 €)
Sendo pois moita a casuística, a proposta do PP parece mais  unha medida populista, se non a quixermos chamar demagóxica e revanchista,  do que unha cuestión de xustiza social e, en calquera caso, parece abrir a porta á posibilidade de os cidadáns accedermos a servizos básicos en función do noso poder adquisitivo. Pouca xente cuestiona a igualdade no acceso aos servizos básicos, como a sanidade ou o ensino e vemos como, agora mesmo, e non teño ouvido voces en contra, é igual de custosa, ou de gratuíta, unha operación a quen non ten nada que a quen ten moito; que paga o mesmo por unha caixa de paracetamol quen ten unha pensión de 600 euros que quen a ten de 3000. Aplicámoslle tamén entón o criterio de renda a estes casos?. Que  pensaríamos se agora para acceder a unha prestación do Sistema Público de Saúde se fixese en función da renda?
Sen dúbida é inxusto que quen ten unhas rendas moi altas se beneficie por igual dun programa de gratuidade de libros de texto que quen é un mileurista, mais outro é o problema: vivimos nunha sociedade en que quen máis ten non paga en relación ao que ten. Rico ou pobre paga o mesmo por un litro de gasóleo ou de leite, por unha chamada de teléfono ou por un selo de correos. Se consideramos que o ensino é un servizo público esencial, igual que a sanidade, todos os cidadáns e cidadás deben ter os mesmos dereitos e idénticas posibilidades de acceso. Será noutro lugar onde se deberá decidir que quen máis ten máis pague para contribuír á redistribución da riqueza, mais comezar ese episodio de “xustiza social” co tema dos libros de texto non é máis que unha medida populista  que non ten máis obxectivo que segregar o alumnado en función da renda e favorecer máis a privatización do sistema, pois non esquezamos que os centros privados poden comprar, aínda que sexan as familias quen acabe pagando, materiais didácticos mais “modernos e diversos” que os centros públicos.
Ademais, todos e todas sabemos que as declaracións da renda non reflicten sempre o estado real da economía familiar. E tamén que a función dun goberno debe ser traballar por igualar as rendas dos cidadáns, e non “facer xustiza social” administrando as desigualdades. Porque iso é caridade.

 Posted by at 08:45

  11 Responses to “Libros de texto e renda familiar”

  1. Isto da gratuidade e relativo pois os libros de texto son en modo de empréstito xa que o uso deles ten unha duración de 4 anos, e o que sí temos que pagar son as fichas, libros de lectura e todo o material que necesitan para o curso. Por isto penso que de gratuidade nada de nada. Que falen de gratuidade cando os cidadáns non teñan que desembolsar nin un peso polo que necesitan os rapaces para estudar.

  2. Os libros de texto deben ser gratuitos para todo o mundo.

  3. Nunca estiven a favor da gratuidade dos libros de texto, e menos co xeito de desenvolver o programa. Unha vez posto en práctica e despois de seis cursos de experiencia (o programa empezouno o PP, non se nos esqueza), chego á conclusión de que os nenos aprenderon a coidar o material, e o programa foi satisfactorio, pero xera un gasto excesivo, que non ten sentido na escola actual, onde a maioría dos libros de texto quedan obsoletos e “desactualizados” en cuestión de dous ou tres anos. Deberían ser obras de consulta, como calquera outra, e o orzamento da consellería debería adicarse a dotar aos centros do material necesario para desenvolver unha pedagoxía de futuro, menos dependente do texto. Isto non sería gravoso para as editoriais, nen para as librerías, pois investiríamos noutro tipo de materias, e menos manuais. No noso centro (son mestra), todo o terceiro ciclo de primaria vai traballar sen libros de texto este curso. Non sabemos se a consellería vai conceder ou non unha subvención en proporción coas rendas baixas que temos no terceiro ciclo. Creo que na propia consellería non se enteran moito de por onde van os tiros (nas anteriores convocatorias había unha partida para casos coma o noso, con axudas para material didáctico).

  4. penso que é unha medida interesante a gratuidade de libros según a renda familiar, incluso todo o concerniente o colexio: excursións, pagos da ANPA, pagos para outros materiais…

  5. sobre os libros de texto, eu creo, que como ensinanza pública, os nenos e nenas deben ter as mesmas oportunidades, e co cal, deben disfrutar dos libros gratuítos, sen mirar o peto dos pais. e deixar de facer caso ó sin fin de opinións que poidan chegar, pois ainas para os libros, para o galego e castelán… pois pola mesma, por que non eliminan dunha vez a relixión e fan un ensino laico por fin. os libros de texto é un servicio de préstamo, pois que poidan acceder a el calquera neno ou nena, e quen non queira, que os merque. un pouco máis de igualdade de oportunidades viña ben, que eu como profesora sei que esas cousas levan a pelexas, a discriminacións, a desprecios… e todo decidido pola xente adulta. hai que pensar nos máis pequenos xa. e non tan pequenos. libros de texto gratuítos para todos e todas!!!

  6. Son necesarios os libros de texto???
    apoio a experiencia expresada por Susana, esperando que sexa todo un éxito.

  7. Estou en contra dos libros de texto gratuitos para todo o mundo coa fórmula de empréstito.
    Considero que o libro de texto é un material fundamental para que o alumno traballe con el e sobre el, polo que este debe telo en propiedade. Sobre todo porque é un material de traballo máis, como o é o caderno e os bolígrafos. Toda a vida utilizamos os libros para suliñar, completar neles etc, para poder desenvolver mellor as técnicas de estudo e aprendizaxe. O libro non pode ser un material intocable. O rapaz cando chegue ao bacharelato e á universidade vai ter que suliñar e facer anotacións no libro, polo que considero interesante que xa se vaia adaptando na 1ª e na Secundaria igual que xa o fai na infantil. Polo tanto o libro de texto debe ser persoal e intransferible.
    Ás rendas máis baixas hai que facilitarllos de xeito gratuito, ás máis humildes subvencionarllos e por último as rendas medias e altas temos que pagalos, que tampoucos se nos caen os aneis. Ou non temos para gastar en coches, pisos ou nos regalos de nadal, que son moito máis suntuarios e menos necesarios??

  8. Lanzar unha consigna faise en 5 segundos, pero explicar as cousas como son realmente leva 5 minutos. O PP fala de populismo, pero o verdadeiro populismo é o que fan eles ó decir que o Bipartito lle “pagaba os libros ós ricos”.
    Co sistema do Bipartito non se compraban os libros nin para os ricos nin para os pobres, comprábanse para os centros. Despois, os alumnos empregábanos en réxime de préstamo, de tal maneira que un mesmo libro podía ser empregado por uns 4 alumnos (cunha vida útil media do libro de 4 anos). Non se lle pagaban os libros a ninguén, senón que se eliminaba a necesidade de compralos, que non é o mesmo. O que agora propón a Consellería é que os alumnos queden cos libros, de tal maneira que pasamos de aproveitar un libro para 4 alumnos a un libro por alumno.
    Ante isto hai dúas posibilidades:
    A)Se se quere manter o gasto, debería reducir o número de libros subvencionados a unha cuarta parte, é decir, que 3 DE CADA 4 ALUMNOS QUEDARÍAN SEN LIBROS GRATUITOS. ¿Alguén pensa que 3 de cada 4 escolares galegos son fillos de “ricos” e poden pagar os libros sen problemas?
    Neste caso, moitos dos que agora tragan coa consigna populista do PP (“que paguen os libros só os ricos”), pensando que a eles non lles tocará, atoparanse con que sí están nese 75% de “ricos” e teñen que pagar.
    B) Se quere que máis do 25% dos alumnos podan ter libros gratuitos, terá que AUMENTAR O GASTO, E NON POUCO: polas contas que levamos, para que o 50% tiveran libros gratis habería que DUPLICAR o gasto da Xunta en libros, outra medida de “austeridade” e “contención do gasto público” desas tan especiais de austeridadede duplicando gastos.

  9. hai distintas materias, e distintos profesores e profesoras, e distintos nenos e nenas. o de subliñar, depende de moitas cousas e moitos gustos. que se utilice tipex ou non, que se escriba a lapis ou non, iso é algo que cada profesor e clase deciden… eu, considero que o libro non debe subliñarse, que teñen uns cadernos, ou follas, ou arquivadores, nos que aprenden a escribir, a resolver exercicios, a poñer marxes, a facer anotacións, a non tachar… e a respectar libro e caderno. logo hai outros cadernos a parte, por certo, ben caros, nos que poden traballar. incluso hai casos de non ter libro.
    na materia de matemáticas non serve de nada subliñar, o libro de texto, o acceso a internet, as visitas á biblioteca, as explicacións na clase, a manipulación e resolución de exercicios, os exemplos de aplicación das matemáticas á vida real, a relación entre distintas ciencias… que o escribimos na tapa do libro??? ou cando vaian á facultade van ter libro??? van ir á biblioteca e escribir nos da facultade??? subliñar, pode ser fundamental, pero hai máis, teñen que aprender a escribir, a redactar apuntes, coller anotacións, resolver exercicios e problemas, complementar con material buscado nunha enciclopedia, ou na web, ou mesmo axudados na casa… eu o libro de texto o teño como apoio, para que aprendan a utilizalo, para que comparen, sexan críticos, amplíen os coñecementos… polo cal, o libro, o caderno, o material escolar, o compás, regras, lapis, papel milimetrado, etc, todo ten o seu valor
    como recortar gastos?? nunha aula de secundaria de 25 alumnos, eu merco de 5 a 10 regras, lápices, papel milimetrado, algún compás, calculadoras… e compartimos todo o que se poida compartir… cando é material da clase, se marca, e cando é de cada alumno xa el mesmo lle pon unha marca.
    outra cousa, en matemáticas, o libro en si, non se entende, hai que operar, que resolver exercicios, que aprender unha base teórica, se amplía a información con fotocopias… e o libro, eu nunca, nunca, nunca, escribo nel, nin quero que o escriban, por respecto ó material… e se me din que os demais profesores o subliñan, por respecto ós demais profesores, lles deixo ben claro que cada profesor decide cómo da-las clases. incluso hai quen decide non ter libro e ten uns cadernos da mesma editorial, ou quen subliña a lapis sen marcar moito e logo borra…
    onde está a diversidade??? nas aulas, no alumnado, no profesorado, na rúa, nas casas…
    como educación pública e gratuíta, igualdade e gratuídade real.
    por último: agora vou ó centro médico, e non me dean a receita dunha mediciña por gañar de máis??? ou por gañar de menos???

  10. Son nai e docente. A min o sistema de empréstimo paréceme ben. Será porque eu de nena estudei con libros prestados, algúns curmá maior que tiña por aí deixábame os libros e logo eu a miña irmá, Aprendín a coidalos porque sabía que non só os usaba eu. O sistema de empréstimo non debe facer distinción pola renda. OS Libros ademais deben ser un material máis dos que se empregarán na aula,como os xornais, a internet, os atlas ou calquera outro.Os libros son do cole e por iso debemos coidalos.A polémica está servida, pero aínda así os pais e nais seguiamos a gastar cartos nos materiais escolares, nAS actividades complementarias ,(EXCURSIÓNS,…ETC).

  11. Penso que nesta liña de consultas da Consellería as familias, debería preguntarnos que é o que queremos, se queremos libros de texto?, se os queremos gratis?, nembargantes, parece que non interesa preguntar esto, senón mais ben que se impón un libro de texto que en moitas ocasións encorseta a aprendizaxe do alumnado, non facilita o uso de materiais alternativos porque resulta mais cómodo….Me parece estupenda a experiencia de Susana, que no seu centro este ano non teñan libros de texto en terceiro.

Sorry, the comment form is closed at this time.