Xuñ 282009
 

Nunca como hoxe resultou a información máis enganosa e máis manipulada. Parece que, a maior bombardeo mediático, máis incapacidade para o contraste e a aproximación á verdade. Os tópicos e as mentiras non deben nunca descubrirse. É máis, cómpre que vivamos nelas cunha contumacia que indica canto interese existe en que se manteñan. Un destes tópicos recorrentes é moi da querencia dos sucesivos presidentes da Xunta de Galiza e dos seus conselleiros de Economía. Exprésao agora o señor Núñez Feijóo, con especial vehemencia teatral, perante as negociacións en curso para a reforma do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas. Non vai aceitar un financiamento insolidario; non vai tolerar que se beneficie a Catalunya para prexudicar a Galiza. Como sempre, desde o bipartidismo español, non se parte dun coñecemento da realidade viva do país e das súas capacidades, neste caso da fiscal, para saber cales son as trampas do sistema que se nos aplica, cal é o modelo alternativo a defender ou, dentro do modelo que se nos impón, como negociar axeitadamente. Prefiren, acompañados de todo o balbordo informativo, incidir en que somos pobres, necesitamos solidariedade. O resultado é unha hipnotizada e ignorante consciencia social, colectiva, a cada paso máis convencida de que vivimos da solidariedade de España. Non é difícil descubrir a quen serve a inoculación desta trola. Desde logo, para un maior sentido de capacidade e responsabilidade do pobo galego, non. Sabe alguén para que vale o autogoberno, e se pode ser chamado así, de non asentarse neses principios?

A verdade é que, segundo os últimos datos do Ministerio de Economía e Facenda e da Axencia Tributaria de España (2007), os impostos soportados nese ano por Galiza, no sistema fiscal español, ascenderon a 12.563,65 millóns de euros e os recursos transferidos para o financiamento de todas as competencias do noso autogoberno a 8.129,06 millóns. Como se ve, hai unha diferencia de 4.434,59 millóns de euros entre o soportado e o recibido. Mais o caso é confundir. A ficción do sistema consiste en facernos crer, máis unha vez, que Galiza só xerou 4.237,83 millóns de euros, a cantidade resultante da aplicación do actual sistema de financiamento que contempla a cesión dunha porcentaxe, entre o 33% e 40%, dos impostos principais (IRPF, IVA, Impostos Especiais), coa exclusión total do Imposto de Sociedades. Desta forma, aparecendo Galiza como incapaz de xerar recursos, o Estado entréganos outros 3891,23 millóns, un “fondo de suficiencia”, a “solidariedade”, para, pobriños!!, podermos ter ingresos con que facer fronte ás competencias transferidas (sanidade, ensino, benestar social…), eses 8.129 millóns (4237+3891). É tan difícil de entender que todo sae do que nós entregamos ao Estado previamente, os 12.563,65 millóns de euros?

Por que, en vez de esta ficción, opacidade e deficiencia no financiamento, non se vai a un sistema fundamentado na verdade, na transparencia e na suficiencia, con competencia e responsabilidade? Sinxelamente porque o Estado español pasaría a ser confederal. Cada nación ou comunidade autónoma tería a súa Axencia Tributaria que recadaría todos os impostos. Cada un controlaría os seus ingresos tributarios. Cada un decidiríamos os gastos do noso auto-goberno. Entre todos estableceríamos un fondo común para os gastos das competencias estatais e de cooperación inter-territorial, garantía de mínimos de igualdade e vertebración. Mais a ficción é moi rendíbel para os que, como o PP especialmente, viven da axitación irracional sobre os perigos da desintegración de España. Aquí, na Galiza, pretenden facernos crer que o noso problema está na insolidariedade catalana. Pero non. O problema está en que eles non teñen nin un só estudo preciso nin unha soia análise conclusiva cos obxectivos e resultados cuantificados para negociar, desde unha perspectiva galega, o reparto de fondos entre as Comunidades Autónomas. Vaguidades e, sobre todo, aliñamentos con estratexias que nada teñen a ver coa defensa dos intereses galegos. Cavan a nosa fosa espallando ignorancia, tópicos e falta de auto-estima. Así nos vai: desde a entrada en vigor do sistema de financiamento actual en 1999, o conxunto das CC AA incrementaron os seus recursos nun 108%. Galiza só os incrementou un 90%. Non é que rexeiten e combatan un modelo de financiamento acorde cun Estado plurinacional, un cambio cualitativo, que é o que realmente necesita Galiza. É que o seu españolismo resulta tóxico par defendernos no actual contexto e cos seus modelos…

 Posted by at 10:01

Sorry, the comment form is closed at this time.