Xul 012009
 

As palabras son para comunicarnos, existen para que poidamos compartir os nosos pensamentos, sentimentos, necesidades… Porén moitas veces esas mesmas palabras contribúen a levantar entre nós un muro de incomunicación, ou son empregadas para manipular a realidade desvirtuando os feitos obxectivos, convencernos de que as cousas son diferentes a como nós as vemos e crear para todos unha realidade que se axusta ás directrices de quen nos quere dirixir nunha determinada dirección.
“Cordial” é un adxectivo que pasou a ocupar o lugar central do actual discurso do goberno, cada vez que escoitamos unhas declaracións, escoitamos a palabra cordial, e eu pregúntome, canto de hipócrita ou de cínico hai no emprego desta palabra? Tal vez quen a empregue estea usando simplemente un sinónimo de amábel, no dicionario, e queira dicirnos que cordial é facer as cousas, falar e pensar como el pensa, fala e actúa.
Sempre que escoito esta palabra penso na súa etimoloxía, pois cordial significa, etimoloxicamente, “de corazón”. E canto de cordial hai na actuación de quen nos fala de cordialidade?
É cordial a presentación da nosa realidade lingüística completamente distorsionada, desde o interese por camiñar cara a unha menor presenza do noso idioma en todas as esferas?
Foi cordial a modificación da Lei da Función Pública para que os funcionarios do futuro non teñan que demostrar mediante a realización dun exame que teñen capacidade para nos atender en galego algún día?
Foi cordial a redacción dunha enquisa sobre o uso do galego no ensino en que non se nos permitiu dicir que queremos superar o uso do galego que marca o actual decreto ou o intento non disimulado de prohibir a reflexión sobre a forma de facer esta enquisa ou de explicar que significaba realmente?
Foi cordial a eliminación da gratuidade dos libros de texto, unha conquista social comparábel aos medicamentos subministrados para os usuarios da Seguridade social, alimentando un debate fraudulento do que desaparece o fondo da cuestión, que é a garantía dos servizos públicos, e que se basea nun modelo antipedagóxico fundamentado no consumismo do papel e do libro e que ademais fixa un umbral económico moi baixo, que pode ser reducido no futuro?
É cordial a actitude do Partido popular cando ampara e propicia as progresivas mocións de censura que se están a producir desde abril, e que agora mesmo puxeron a súa gadoupa sobre Gondomar, servíndose para iso de concelleiros denunciados e condenados por prevaricación ou doutros concelleiros que están a cometer irregularidades urbanísticas de gran calado?
Son cordiais as declaracións da Conselleira de Traballo, a persoa que debe mediar na negociación do Metal e que debe asumir a responsabilidade de acadar unha solución satisfactoria ao conflito, cando di que os traballadores en folga van quedar na rúa e terán que buscar traballo dentro de pouco tempo?
A conclusión vai ser que a cordialidade, ou para sermos exactos e falar con precisión, a mansedume é para que a practiquemos nós, mentres eles aplican a súa vara de medir e desandan o avanzado.
Esta sociedade asimétrica en que vivimos, é un pouco máis asimétrica e desigual cada día que pasa. A loita do Metal de Pontevedra é a demostración da realidade que estamos a vivir. Porque non estamos só ante unha loita laboral, non estamos só ante a demanda de negociación dun convenio, estamos ante un pulso social en que o sistema, facendo uso outra vez dunha crise económica que eles crearon, quere reprimir e afogar o dereito a termos unhas mellores condicións laborais e procura manternos suxeitos á cadea dun salario indigno e alienante que acaba por obrigarnos a traballar por riba das oito horas e a ser incapaces de revolvernos contra a inxustiza cando chegamos a casa cansos ou accidentados.
Mais hoxe rematamos o camiño a Compostela e non renunciamos a camiñar un día “por terra liberada”.

Marta Dacosta, 30 de xuño de 2009.

 Posted by at 09:02

Sorry, the comment form is closed at this time.