Xul 172009
 

Os e as xogadores de xadrez teñen un número case infinito de posibilidades cando comezan unha partida. O taboleiro de xadrez permite unhas xogadas fixas e as regras son claras. No caso do financiamento, que estes días monopoliza case todo menos o cotián da cidadanía, tamén existía un taboleiro previo, unhas regras prefixadas e só un certo número de xogadas posíbeis.

Mais a partida tiña unha peculiaridade que tamén coñecían, ou deberan coñecer, os xogadores, isto é, durante o propio desenvolvemento das xogadas e contando coas regras dadas poderían establecerse outras regras que mudaran as anteriores. Así Cataluña fai os seus movementos, os que ter un estatuto que blinda o financiamento lle permite.

Como ben sabemos Galiza non ten un novo estatuto. E as responsabilidades non están repartidas por igual. O PP opúxose no seu momento e tentou crear o estado de opinión de que era por unha cuestión semántica, que si o problema era o termo “Nación” ou “nación de Breogan” ou mellor “nación” con ‘n’ super minúscula. O certo é que nin se quixo nin se quere dicir aos galegos e galegas que era unha oportunidade para non quedarse nas regras coñecidas do pasado cando outros xa están modificando as súas. Que era unha oportunidade para non perder iso que se denomina peso político e que non ten relación co peso demográfico senón cun querer estar no mundo que vai máis alá de ser unha parte do noroeste.

A situación xeográfica de Galiza penso que ninguén a pon en cuestión. Mais a búsqueda das alianzas que o novo Goberno emprende significa renunciar a xogadas máis interesantes en beneficio da estratexia partidaria. A dispersión poboacional nin foi nin é unha característica dos asentamentos de Castela e León e, entendemos, que moito menos o é a promoción da lingua propia. En calquera caso, a dispersión vai camiño de ser unha forma de vivir o territorio do pasado á luz das políticas que o Goberno establece para o medio rural e do segundo pouco podemos dicir porque como diría o refrán “obras son amores e…” e nos primeiros 100 días de Goberno viviuse un retroceso nesta materia inimaxinábel se existise a mínima vontade de promoción.

Ser quen de modelar a identidade colectiva nun sistema de normas que recoñezan os dereitos dos galegos e galegas é algo que vai máis alá de ser noroeste e que require da vontade política do recoñecemento. Recoñecemento porque esta é a primeira condición da liberdade dos iguais. A cuestión non era tanto laiarse ante Madrid senón ter a capacidade política para pactar como iguais. Mágoa que para algúns Galiza sexa o territorio atlántico para o seu retiro político e para outros para o seu lanzamento e promoción.

Só así entendemos que se optara polo estancamento no taboleiro e non querer mover a xogada cara un novo estatuto, por demonizar a quen si o ten e por dar discursos acotío sobre a “cordialidade”. Termo este último que ven a ser a versión moderna e “fashion” dese ser submisos e boiños dos galegos que tanto gustaba na iconografía madrileña.

Este artigo tamén foi publicado en Xornal de Galicia

 Posted by at 08:08

Sorry, the comment form is closed at this time.