Xul 292009
 

Moito se leva escrito e comentado sobre os primeiros cen días do goberno Feixoó. Sobre coches, cadeiras, buratos orzamentarios e demais inventos mediáticos para alongar de forma sorprendente a campaña electoral. Tamén ten sido recorrente o tema da lingua galega e a especial xenreira que este goberno lle profesa. En diferentes discursos e actos se ten evocado a cordialidade como símbolo dun tempo onde defender novos usos para o galego é sinónimo de anacronismo e deficiente cosmopolitismo.

Mais a cidadanía, que a finais de xullo ten as súas preocupacións centradas noutros temas, a forza estará vacinada ante a xestión errática e falta de criterios que desenvolve a administración educativa. Co encargo claro de eliminar o galego do ensino e aparentar que se traballa en prol da normalización lingüística a Consellaría de Educación decidiu realizar unha consulta ás familias. Sobre esta suposta enquisa se leva escrito e falado tanto que xa case non fica nada que dicir. Aínda así, cómpre que non perdamos a perspectiva e sexamos conscientes que desde o principio estivo rodeada de improvisación e, o peor, mala fe.

Lembremos que se presentou por parte do seu responsábel como un primeiro chanzo para derrogar un decreto que só desenvolve o plan de normalización lingüística. Se temos tan claro o que imos facer, que obxectivo cumpre a enquisa? A enquisa significou un gasto importante tanto económico na súa edición e publicidade como económico e de xestión de recursos na súa avaliación. Logo de negar por activa e pasiva que unha empresa estivese colaborando ou asumindo o proceso de reconto e produción de resultados, o 27 de xullo o propio conselleiro afirmou que os datos só os coñece a empresa que desenvolve o proceso.

Supoñemos que a estas alturas xa nada nos sorprende. Primeiro existía unha tardanza porque eran moitas –non sabemos cantas–, logo que estaban moi ben pegadas –non sabemos se con celo ou con cuspe de grilo– e agora descubrimos que ademais de moitas e ben pegadas están a procesarse por unha empresa –non sabemos cal nin como foi contratada.

Entre os días de praia e as festas gastronómicas os galegos e galegas coñeceremos os resultados dunha consulta que xa cumpriu o seu cometido principal, desprestixiar socialmente a posibilidade de estudar matemáticas en galego. O seu percorrido aínda é unha incognita, depende da vontade dunha administración que nos sorprenderá en setembro cunha redución da oferta no ensino dos idiomas nas Escolas Oficiais de Idiomas, a eliminación do programa de gratuidade dos libros de texto, a eliminación dos módulos propios nos ciclos formativos –como é o caso de cociña galega de vangarda–, a redución de profesorado en infantil e primaria e algunha variante máis de eliminación ou redución que agora se me escapa. Como aumento e mellora do ensino público galego sinalar… si!! esquecía o aumento dos concertos aos centros privados que segregan nenos e nenas. Para que non se diga que non somos modernos e cosmopolitas.  

Como lectura de verán suxírese o ensaio do sociólogo francés Bruno Latour sobre o concepto de modernidade e posmodernidade que leva por título Nunca fuimos modernos.

Este artigo tamén se publicou n’ A Nosa Terra

 Posted by at 08:25

Sorry, the comment form is closed at this time.