Xul 082009
 

Non, non me estou a referir ao tan gastado como falso argumento da “imposición do galego” que, seica, practica A Mesa Pola Normalización Lingüística, segundo a versión dos que –estes si- impoñen o español e exclúen o galego sen ningún tipo de escrúpulos. Trátase doutro sentido, doutra acepción. A Mesa, efectivamente, impón, infunde respecto coa súa mera existencia, funcionalidade e traballo diario en defensa do idioma galego. Por iso lles doe tanto aos inimigos do galego.

Hai que lle botar valor para, desde un medio de comunicación tan absolutamente hostil contra a lingua e cultura galegas como é La Voz de Galicia, lanzar sen remorsos, sen o menor reparo, ataques contra A Mesa –nada menos que por finanzamento ilícito!!–, utilizando ademais a figura de Carlos Negreira, concelleiro coruñés e deputado do PP, pintoresco individuo distinguido precisamente polo seu odio contra a lingua galega e a súa disposición plena a infrinxir e quebrantar as leis en materia lingüística. Iso si, simultaneamente censúrase a voz da entidade social criminalizada. Aquí non hai código deontolóxico nin nada que se lle pareza. Contra A Mesa, contra os defensores do galego, vale todo.

Ben sei que a candidez, no mundo xornalístico, non existe. A imparcialidade, a neutralidade, o respecto ao pluralismo e a obxectividade son principios, agás honrosas excepcións, botados ao caldeiro do lixo de moitas redaccións. Tamén nos medios de comunicación de titularidade pública, caso da Televisión de Galiza, bochornoso exemplo de manipulación. Contodo, asusta comprobar como, precisamente o xornal que se caracteriza pola súa agresión ao país e á lingua, inculcando boas doses de autoodio á sociedade galega, é xustamente o máis subvencionado polas administracións polo… fomento da lingua galega!

Si, señoras e señores. Imaxínense o titular escandaloso: “O xornal La Voz de Galicia recibe máis cartos do erario público para a promoción da lingua galega que A Mesa pola Normalización Lingüística”. Vergoñento, non si? Mais rigurosamente certo. E coidadosamente ocultado. Cartos dos impostos de galegas e galegos para un xornal que emprega o galego nada menos que o 4,8% (95,2% en español). Vaia imposición do galego! E ademais en tempos de crise. Decididamente, para estes señores non hai austeridade.

É así. A Mesa non lles pon. A Mesa imponlles. Por iso a atacan. Porque saben que A Mesa é un valiosísimo instrumento do pobo galego en defensa do que é seu. Do que é noso. Da lingua galega.
Tamén publicado n´A Nosa Terra

 Posted by at 23:52
Xul 082009
 

O ourizo azul é un web sobre o fabuloso mundo dos libros. Conta con varias seccións:

O lagarto pintado, con recomendacións de lectura por tramos de idade;  a túa biblioteca, con información sobre títulos da historia da literatura infantil e xuvenil galega; o teu club de lectura, un espazo aberto de comentarios; os nosos creadores e creadoras; premios, con información sobre concursos e a nosa literatura infantil e xuvenil cos catálogos de Galix en pdf.

 Posted by at 10:10
Xul 072009
 

Teño pouco aprezo pola traxectoria da Real Academia Galega durante o actual réxime democrático. Apenas dou algunha resposta pública positiva perante as hostilidades ou agresións padecidas pola nosa lingua e cultura nacionais. Envisa nas intrigas propias dun elitismo mesquiño, dependente ou reverencial, recoñézase ou non, do poder político español, en versión autonómica, expresa as limitacións e contradicións do holding dominante na cultura galega. Porén recoñecemos que non nos son indiferentes as súas accións, as súas posicións, tratándose dunha institución oficial que podería cumprir un papel nada desprezábel á hora de emitir xuízos e facer propostas, con autoridade moral e intelectual ao servizo do pobo galego, sobre o conflito lingüístico que padecemos ou para espallar e actualizar os nosos valores culturais en todos os campos. Mais a RAG, como institución, nada entre a covardía, o servilismo, a queixa egótica e o medo escénico, mal disimulado, a desagradar a quen manda, por máis desprezo que este sinta xustamente por aquilo que é a súa razón de ser . A forma de proceder do seu presidente, incluídos os seus silencios, perante a agresiva política lingüística do PP, nada ambigua e de feitos destrutivos contundentes, entristura. Pode máis o espírito de secta, o seu posibilismo elitista no seo dunha cultura nacional agredida e desprezada, a leiriña, que un mínimo patriotismo ao servizo colectivo. E chama a atención aínda máis que os silencios corporativos non alporicen aos supostos marxistas e independentistas da corporación, tan obedientes ao espírito de elite sectaria como demagogos confusionistas en moitas das súas intervencións sociais a través dos xornais hexemónicos…

A decisión académica de negarlle, máis unha vez, a Ricardo Carvalho Calero un DIA DAS LETRAS GALEGAS, o de 2010, pasma pola zunia que expresa, pola intolerancia teimosa do holding, pola falta de mínima ponderación, entre a covardía e o desafecto, e pola maquiavélica utilización dun nome benquerido, o dun home bondadoso e poeta senlleiro, Novoneyra, para contrarrestar a evidencia. Segundo parece, non consideraron conveniente homenaxear a Carvalho Calero no 2010, cen anos do seu nacemento, por resultar "conflitivo" nas actuais circunstancias. De ser certo, retrataría máis unha vez o carácter acomodaticio da institución, se ben agora nunha dose tal que a converte en mero apéndice do poder autonómico máis confesamente españolista que ten habido na Galiza, disposto a aplicar unha estratexia en materia de idioma que merece un rexeitamento claro, contundente, desde unha posición conscientemente galega. Tenderase a pensar que a motivación fundamental para a negación de Carvalho, académico no seu día da RAG, sexa a súa declarada e activa opción reintegracionista nos quince últimos anos da súa vida. Pode ser un dos motivos para a maioría dos corporativos, adictos ao isolacionismo recalcitrante, de xestación universitaria. Mais coido que a zunía non se pode explicar sen o desgosto perante a independencia de criterio intelectual, político e cultural de Carvalho, xustamente cando comeza o réxime democrático, Constitución española incluída, e se instaura o marco autonómico actual. Afástase do holding, das súas opcións partidarias, da súa concepción lingüística e cultural para aliñarse implícita ou explicitamente nunha concepción claramente nacionalista, especialmente entre 1982 e 1990. Non llo perdoan.

Para quen, como min, tivo que compaxinar o activismo político co traballo intelectual de investigación e pedagoxía sobre historia e crítica literaria galega, foi unha fortuna tratalo e un amparo a súa actitude. Lembro aínda como presidiu en 1988 o Tribunal que xulgou a miña tese de doutoramento, a primeira sobre Rosalía nunha Universidade Galega. Con emoción, con entusiasmo, con entrega xenerosa perante un traballo que avanzaba no descubrimento da verdade sobre unha muller galega, escritora, e a súa obra á que el xa adicara importantes esforzos intelectuais. Quero pensar que non foi o criterio do Sr. Barreiro, outro dos membros do tribunal cualificador, un factor decisivo para a negativa da RAG a homenaxear Carvalho. Sei si que, de non estar Carvalho vivo entón, tería dificultades para o meu traballo de investigación abrirse paso academicamente. Era un individualista á forza, por circunstancias históricas. Mais no intre preciso en que as circunstancias tamén lle indicaron o valor da seu aceno, do seu maxisterio, para unha causa patriótica recuperada, nun contexto español formal e limitadamente democrático, non dubidou onde tiña que situarse e con quen, desde a súa independencia de criterio, tiña que colaborar. A RAG, como institución, non acaba de asumir o pluralismo real, prático, da nosa cultura nacional. Segue prisioneira de prexuízos, medos e tabús. Resístese a pensar en chave dun país soberano e con dignidade, a librarse de sectarismos e da dependencia e vixilancia mal disimulada do poder español de turno.

 

 

Tamén publicado en GZnación

 Posted by at 09:32
Xul 042009
 

A política lingüística neste País desenvólvese  con directrices claramente contrarias ao que sería necesario, non digo xa para avanzar, mais para non seguirmos retrocedendo no que a usos e presenza pública do galego se refire. Cun Plan Xeral aprobado no Parlamento por unanimidade en 2004, que agora o PP se empeña en non considerar, cuns inquéritos realizados nos centros educativos e agora perdidos non se sabe en que sala de San Caetano, cando se tiña prometido que en poucos días se darían datos (a verdade é que tanto dá, pois se hai que cumprir programa electoral xa sabemos cal vai ser o resultado), cunha política de persecución do galego no interior do país, pois resulta que o urxente é criar oito lectorados máis, polo visto co obxectivo de difundir a lingua propia no exterior.

Non vou ser eu quen negue a importancia de dar a coñecer a lingua e a cultura galega no exterior, mais quero lembrar aos responsábeis da política lingüística deste Goberno –desde o Sr. Lorenzo ao Sr. Vázquez,  sen esquecer o Sr. Feijoo, que unha lingua non se perde porque non a aprendan os estranxeiros, senón se deixan de a falar aqueles e aquelas que a saben.
E aquí é onde se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral, incapaz de contrarrestar a presión de algunhas entidades e persoas cunha forte capacidade de incidencia no actual goberno. Desenvólvense en paralelo políticas de promoción exterior con outras de  destrución interior, mais non vexo nada que diga respecto á necesidade de, dunha vez por todas, explicar a todos os galegos e a todas as galegas por que é necesario falar galego, porque é necesario que o sistema educativo teña como lingua vehicular o galego, que vantaxes ten, nun mundo globalizado medrarmos na nosa lingua para desde ela aprender unha ou dúas ou as que cada quen poida, a máis.
Na Galiza, o galego segue a estar en acusada relación de inferioridade, en todos os ámbitos, co español e os informes que se dan a coñecer son cada vez máis pesimistas. Sería desexábel que os responsábeis da Política Lingüística comprendesen que non é tan urxente ir ensinar galego alí onde non o saben como desenvolver políticas normalizadoras aquí, na casa, onde hai aínda moitos e moitas por converter á nosa lingua, entre eles varios membros do Goberno.
Non deixa de ter o seu aquel que se poda “aprender” galego en Salvador de Bahia, onde xa o falan, e se cuestione o dereito a aprender galego na Galiza. Exportamos lingua e destruímos País.

 Posted by at 11:38
Xul 032009
 

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a todas as entidades que teñan interese en conformar unha plataforma social en defensa do galego a unha reunión aberta o vindeiro 7 de xullo ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, onde se acordará a estrutura e o programa de actividades desta nova plataforma, tan necesaria perante as fortísimas agresións contra a nosa lingua desde o actual Goberno galego.

A Mesa achegou xa nesta semana o convite a participar nesa reunión a todas as entidades que apoiaron a manifestación do pasado 17 de maio, aínda que está aberta a todos os colectivos da sociedade galega, de calquera ámbito, xa que a lingua a todas e todos nos afecta, a todas e a todos nos implica.

Entre outras posibilidades a debater, A Mesa proporá impulsar unha iniciativa lexislativa popular pola garantía do dereito a poder vivir en galego, na cal estiveron a traballar varios xuristas pertencentes ao Observatorio de Dereitos Lingüísticos. 

 Posted by at 20:49
Xul 012009
 

As palabras son para comunicarnos, existen para que poidamos compartir os nosos pensamentos, sentimentos, necesidades… Porén moitas veces esas mesmas palabras contribúen a levantar entre nós un muro de incomunicación, ou son empregadas para manipular a realidade desvirtuando os feitos obxectivos, convencernos de que as cousas son diferentes a como nós as vemos e crear para todos unha realidade que se axusta ás directrices de quen nos quere dirixir nunha determinada dirección.
“Cordial” é un adxectivo que pasou a ocupar o lugar central do actual discurso do goberno, cada vez que escoitamos unhas declaracións, escoitamos a palabra cordial, e eu pregúntome, canto de hipócrita ou de cínico hai no emprego desta palabra? Tal vez quen a empregue estea usando simplemente un sinónimo de amábel, no dicionario, e queira dicirnos que cordial é facer as cousas, falar e pensar como el pensa, fala e actúa.
Sempre que escoito esta palabra penso na súa etimoloxía, pois cordial significa, etimoloxicamente, “de corazón”. E canto de cordial hai na actuación de quen nos fala de cordialidade?
É cordial a presentación da nosa realidade lingüística completamente distorsionada, desde o interese por camiñar cara a unha menor presenza do noso idioma en todas as esferas?
Foi cordial a modificación da Lei da Función Pública para que os funcionarios do futuro non teñan que demostrar mediante a realización dun exame que teñen capacidade para nos atender en galego algún día?
Foi cordial a redacción dunha enquisa sobre o uso do galego no ensino en que non se nos permitiu dicir que queremos superar o uso do galego que marca o actual decreto ou o intento non disimulado de prohibir a reflexión sobre a forma de facer esta enquisa ou de explicar que significaba realmente?
Foi cordial a eliminación da gratuidade dos libros de texto, unha conquista social comparábel aos medicamentos subministrados para os usuarios da Seguridade social, alimentando un debate fraudulento do que desaparece o fondo da cuestión, que é a garantía dos servizos públicos, e que se basea nun modelo antipedagóxico fundamentado no consumismo do papel e do libro e que ademais fixa un umbral económico moi baixo, que pode ser reducido no futuro?
É cordial a actitude do Partido popular cando ampara e propicia as progresivas mocións de censura que se están a producir desde abril, e que agora mesmo puxeron a súa gadoupa sobre Gondomar, servíndose para iso de concelleiros denunciados e condenados por prevaricación ou doutros concelleiros que están a cometer irregularidades urbanísticas de gran calado?
Son cordiais as declaracións da Conselleira de Traballo, a persoa que debe mediar na negociación do Metal e que debe asumir a responsabilidade de acadar unha solución satisfactoria ao conflito, cando di que os traballadores en folga van quedar na rúa e terán que buscar traballo dentro de pouco tempo?
A conclusión vai ser que a cordialidade, ou para sermos exactos e falar con precisión, a mansedume é para que a practiquemos nós, mentres eles aplican a súa vara de medir e desandan o avanzado.
Esta sociedade asimétrica en que vivimos, é un pouco máis asimétrica e desigual cada día que pasa. A loita do Metal de Pontevedra é a demostración da realidade que estamos a vivir. Porque non estamos só ante unha loita laboral, non estamos só ante a demanda de negociación dun convenio, estamos ante un pulso social en que o sistema, facendo uso outra vez dunha crise económica que eles crearon, quere reprimir e afogar o dereito a termos unhas mellores condicións laborais e procura manternos suxeitos á cadea dun salario indigno e alienante que acaba por obrigarnos a traballar por riba das oito horas e a ser incapaces de revolvernos contra a inxustiza cando chegamos a casa cansos ou accidentados.
Mais hoxe rematamos o camiño a Compostela e non renunciamos a camiñar un día “por terra liberada”.

Marta Dacosta, 30 de xuño de 2009.

 Posted by at 09:02