Ago 312009
 

Os cristiáns da Galiza contan desde hai un días cun novo pecado: o de limitación lingüística, pecado de validez só local mentres o Sr.Vázquez, Don Francisco, grande pecador nesta materia, non o comunique ao Vaticano. A mentora desta nova falta é Dona Pilar Farjas, Conselleira de Sanidade, que acaba de o incluír no catálogo de pecados: "Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua" parece ser que dixo como participante na Semana de Teoloxía e Pastoral que organiza cada ano a Fundación Fogar Santa Margarita, na Coruña, onde tamén defendeu o seu compromiso cristián e a súa convicción de que a actuación política debe vivirse desde a fe.

Creo entender que se está a referir á lingua española e á hipotética limitación de usos que sofre na Galiza mais non vou pecar de mal pensado e aceitarei que tamén inclúe a limitación de usos que o galego sofre e mesmo recoñece, farisaicamente, o Partido Popular.

Consecuente co seu pensamento, debería evitar rodearse de pecadores e falar co Conselleiro de Educación para lle dicir que é pecado ignorar que o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo está aínda vixente por máis que lle pese e é polo tanto unha norma que se debe cumprir, con independencia de que o goberno teña intención de o derrogar. Non cumprilo, na norma civil, chámase delito e é sancionábel, mais acepto que lle chame pecado e lle impoña unha penitencia ao Sr. Vázquez, Don Jesús. Tamén lle podería dicir que dilapidar diñeiro publico en cambios de logos para poñer a galiña da pluma azul antes que o ovo dunhas escolas infantís de calidade é pecado, por non dicir malversación.

Dona Pilar, que anima os cristiáns, supoño que se poderá estender a todos os cidadáns e cidadás sexan de outras crenzas ou de ningunha, a reflexionar sobre as repercusións morais das accións dos gobernantes debería falar co goberno en pleno, e en especial co seu Presidente, para lle explicar que é inmoral contribuír desde o Goberno a dividir a sociedade desenvolvendo políticas apoiadas en mentiras, ou en ideas falsas en nome da liberdade individual duns poucos (quen non lembra a idea da imposición lingüística?).
"Somos la presencia viva de Jesús en la sociedad", proclamou Farjas; “Eu non vin para chamar os xustos, senón os pecadores” dixo Xesús Cristo nun encontro con publicanos e fariseos. Ao mellor o Goberno galego inspira a acción de goberno nesta idea para chegar ao ceo, a un ceo sen un sistema público de ben estar social; sen lexislación en materia lingüística no ensino; no que Galiza non poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; no que non poidamos ser donos da nosa produción agrícola; no que non teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. Ao ceo dun país asimilado, aínda que para iso millares de galegos e galegas permanezamos no purgatorio, agora que Ratzinger fechou o limbo dos xustos. Pero temos esperanza e non renunciamos a alcanzar a gloria, a gloria de vernos libres dun goberno teocrático que actúa e lexisla contra a propia razón de ser de Galiza.

 Posted by at 13:24

Sorry, the comment form is closed at this time.