Set 012009
 

Como portavoz do BNG no Congreso entón expresei o apoio do nacionalismo galego ao Estatut saído do Parlament catalán na sesión  plenaria que o admitiu a trámite. Esa data, xuntamente coa do día en que Ibarretxe actuou como defensor do Estatuto de Nación para Euskadi, que tamén apoiamos, pero que infelizmente non foi aceitado a trámite, figura como unha experiencia singular no meu labor político parlamentar. Persoalmente tiña claro, como así o consideraba o BNG, que o Estatut representaba abrir un camiño ao Estado plurinacional, de deseño confederal, após trinta anos de marco autonómico esgotado. En certa maneira, a súa aplicación, acabaría por favorecer unha reforma constitucional positiva para os pobos e as maiorías sociais do Estado. Era unha opción a prol dun autogoberno con base claramente política, asentado na existencia do pobo catalán como un pobo con dereito a decidir e con aspiración a convivir en igualdade. No texto latía a concepción dun marco competencial exclusivo no que a palabra última e determinante era a  do goberno e o Parlament de Catalunya. A vontade política e o marco competencial xenuíno expresábanse, de forma especial e senlleira, en todo o que facía referencia á lingua. Da consideración preliminar de que Catalunya era unha nación deviña a vontade de decisión política propia, dereitos políticos a asumir e respeitar polo Estado. O nacionalismo galego tiña que aproveitar a conxuntura, o debate aberto en Catalunya, a alternativa plasmada e o impacto na política estatal, para formalizar e defender, como así o fixo, unha aspiración homóloga. Fun plenamente consciente de que aquel texto exprimía ao máximo unha leitura moi aberta, democrática no senso xenuíno do termo, da Constitución española, quer no plano nacional, quer no plano social. Era unha leitura política que  optaba polo acordo desde o respeito á diferenza, pola igualdade e non pola submisión.

Naquel momento político, o zapaterismo perseguía unha maior e mellor integración de Catalunya no Estado, polo seu peso económico e demográfico, pola súa consciencia lingüística, cultural e política e por ser un celeiro de votos para o PSC-PSOE, por primeira vez á fronte dun goberno tripartito na Generalitat. Aparentaba asumir o que o Parlament de Catalunya decidise. Acabou non sendo así. Desde o inicio, o outro partido estatal da alternancia, o PP, despregou a campaña máis hostil e intoxicadora contra o Estatut e mesmo contra Catalunya, acusando ao Presidente do Goberno de romper o pacto constitucional ( a antidemocrática, bipartita e inamovíbel leitura da Constitución española) e de colaboracionismo cos partidos nacionalistas dispostos a romperen  a unidade de España. A intoxicación da opinión pública española contra Catalunya raiou a xenofobia. De nada valeu que o Estatut fose  gravemente recortado, peneirado, nas Cortes. No nivel simbólico preliminar a idea de nación permanecía. Na parte prescritiva, o referido á lingua tamén: a lingua propia de Catalunya era a preferente para a administración catalana, de obrigado coñecemento para os cataláns, con dereitos plenos a usárena, o que conleva os deberes conseguintes para os poderes públicos. O status xurídico do catalán é o dun idioma verdadeiramente oficial e propio dun territorio, dunha nación, nun Estado plurinacional. Ningún aspecto da vida social, económica, política ou cultural fica á marxe deste deber de usar o catalán para os seus utentes poderen exercer consecuentemente os dereitos lingüísticos. Tampouco seguía sen gostarlles, por consideralo atentatorio contra o poder corporativo xudicial, unha das esteas desta onerosa e reaccionaria  unidade de España, a configuración dun poder xudicial catalán, por máis que se rexer por leis e normas xerais a todo o Estado… O texto modificado foi tamén votado favorabelmente polo BNG tanto no Senado como no Congreso, atendendo ao criterio maioritario dos partidos cataláns, deixando claro o rexeitamento da forma de proceder dos partidos maioritarios nas Cortes e considerando que aínda ficaban aspectos, como os sinalados, que significaban avances cualitativos. Un voto negativo sería ser insensíbel ao valioso que ficaba en pé, non ter en conta a estratexia do PP nen a histeria que se induciu no conxunto do Estado coa campaña de catalanofobia máis agresiva da historia…O Estatut, após de ser mancado, seguía sendo conflitivo para os aparatos do Estado, para a dereita política e mediática española, para os grandes grupos empresariais, mesmo problemático e mal asumido polo PSOE, orientado finalmente polo taticismo oportunista e inquieto pola súa preponderante españolía. Os resultados do referendo en Catalunya expresaron, en parte, a inibición por tan poderosa e agresiva maquinaria intimidatoria, por máis que foren positivos…Curiosamente ERC parece estarse decatando agora, perante as ameazas sombrizas do Tribunal Constitucional, de que o seu non no referendo non foi un acerto…

Con todo este percorrido previo, con todos os filtros aos que foi submetido, parece que o Tribunal Constitucional está disposto a anular o que restaba de paso adiante, de cambio cualitativo, a instancia de parte política interesada, o PP, concretamente naquilo que mesmo para Zapatero era a maior singularidade a ter en conta: a lingua…Pode argumentarse o que se queira, mais resulta gravísimo, do ponto de vista democrático,  que un Tribunal, coa composición e os intereses do Constitucional, en relación cun tema deste caste, estea capacitado e poida ditar unha sentencia que desprece e anule o aprobado progresivamente polo Parlament, as Cortes do Estado e, sobre todo, polo pobo de Catalunya en referendo. Se esta circunstancia se producir, normal será que o goberno entre en crise, as relacións de Catalunya co Estado se volvan máis problemáticas e a sensación de que vivimos nunha democracia vixiada e despótica na que non existe a política como expresión da vontade de resolver problemas, para avanzar e non retroceder, vaise agudizar…

 Os galegos e galegas nacionalistas de calquera tendencia, en primeiro lugar, deberíamos cavilar sobre as portas que abría o Estatut, o seu sentido positivo como prática autodeterminista. Era un paso adiante politicamente falando, alén de que se enmarcase formalmente nunha Constitución restritiva, con posibilidades abertas ao arbitrio do Goberno central, a correlación de forzas no conxunto do Estado e as necesarias alianzas. O recurso ao Tribunal Constitucional, e o seu papel de control sobre a concepción da unidade con desigualdade na cuestión nacional, responde á consciencia de que se abría unha vía para o cambio da estrutura institucional do Estado, mesmo para favorecer un cambio constitucional nunha dirección que os poderes fácticos non desexan. Malia resultar algo contraditoria a expresión estatuto de nación, alguén pensa que sería positivo que Galiza ficase á marxe do debate, da aspiración e dunha proposta homóloga? Foi acertada a posición do BNG de formalizar unha alternativa similar, malia non chegase desgrazadamente a debaterse na anterior lexislatura. Por máis choída que agora poida estar esta saída, xa antes moi problemática coa correlación de forzas na Galiza, o nacionalismo galego non debería descargarse da responsabilidade nen do compromiso de levar a iniciativa no previsíbel debate sobre a necesidade dun novo estatuto,  de nación, para Galiza.

O proceso do Estatut non podemos lelo como un fracaso absoluto, de ser a sentencia do Tribunal Constitucional a que se albisca. Tamén é a demostración de que cómpre empregarse a fondo nas institucións de representación democráticas de ámbito nacional para debater e formalizar alternativas incisivas socialmente e mesmo para evidenciar as limitacións represivas e a inadecuación do Estado español aos intereses e necesidades dos distintos pobos que o constitúen, entre eles o noso. Axuda a criar un estado de opinión máis consciente sobre o seu deseño e os intereses
que agacha. Se o Tribunal Constitucional, un tribunal político, con membros designados polos partidos alternantes no poder na España, é capaz de descualificar o resultado dunha política democrática de acordos e pactos entre representantes da soberanía popular e desprezar a expresión directa desta soberanía, conforme ás regras de xogo do réxime, en nome da Constitución española, haberá que pensar que as súas leituras reais non serven máis que para aferrollar e meter medo a unha parte da sociedade, como xa dicía Castelao na República. Unha tese que ten moito de certa, a xulgar pola experiencia democrática que levamos vivido no que atinxe ao problema das nacionalidade, e que xa proclamou o nacionalismo galego actual hai moito tempo.  

Porén, nas actuais circunstancias aínda máis, non ficamos eximidos de dar  batallas concretas nas institucións para lograrmos a maior incidencia social posíbel, para a nosa política repercutir en avances, en contextos precisos. Debemos experimentar posibilidades por máis que non se lograren ou teren resultados non avalábeis polo nacionalismo. Non pensemos que a panacea consiste agora en centrarnos en atacar a Constitución española e facer propostas de reforma explícitas, por máis que non veña mal enuncialas. O resultado non vai ser mellor a curto ou medio prazo. Nada máis que hai que pensar no marco institucional onde se dirimirá exclusivamente este debate, cal é a correlación de forzas no Estado e no interior de cada unha das nacións. Alí xogaremos á defensiva, con absoluta inferioridade de condicións e nun marco de protagonismo e control abafante do bipartidismo. Teremos que facelo, pero sen caer no esquematismo pendular que prescinda de criarlles contradicións desde aquí, desde as institucións de autogoberno galegas, por limitadas que estean, con alternativas e esixencias concretas e necesarias para defenderen os nosos intereses tanxíbeis a curto prazo, premendo desde abaixo. Hai moito que facer, precisamente pola intransixencia e o inmobilismo dos que se empeñan en que o Estado español non deixe de ser nunca a España imperial.

Podemos albergar unha dúbida: foi o devalar do proceso político- a durísima e brután reacción de hostilidade desde tantos frontes españois- o que estrangulou cada vez máis a aparente disposición inicial zapaterista a dar un paso ao fronte, controlado, pero cualitativo, ou estivemos sempre perante unha concesión que o PSOE, como partido español alternante, esperaba fose valeirada progresivamente, incluída a intromisión do Tribunal Constitucional? Con Euskadi, non toleraron que o seu novo estatuto fose aceitado a trámite, en cómoda conivencia co PP, para ser descafeinado polas Cortes e  pasar máis tarde o control de constitucionalidade. Simplemente foi o non frontal nunha sesión na que Ibarretxe foi tratado con tan pouca cordialidade e respeito institucionais que, estou por asegurar, ficou gravada na súa consciencia. Alén de non se sabe que tufo soberanista do texto saído do Parlamento Vasco, non maior que o do texto saído do Parlament, o pretexto foi que o prioritario era acabar coa violencia e que o Estatuto apresentado era de parte non dabondo maioritaria…A forma de integrar Euskadi pasaba prioritariamente polo desprazamento do PNV do goberno vasco…

E nós? Nen nos ían nen nos van regalar nada. Nen a homologación co texto catalán aprobado finalmente en referendo sería doada. Habería que conquistalo con participación activa da sociedade. O BNG estaba disposto a esta batalla. Debe estar disposto a non acomplexarse, intimidarse ou auto-limitarse. Os resultados serán agora dubidosos, pero o noso deber é facer o que teña máis impacto social, faga medrar a conciencia colectiva e force a avances competenciais, mesmo que o resultado final non poida ser asumíbel por nós por non significar cambio cualitativo algún, precisamente os que o Estatut tan ben expresaba. Convenzámonos: o importante é actuar, non ficar desconcertados ou pasivos, reducíndonos a reivindicacións puramente ideolóxicas. A soberanía debe estar no fundo do cadro, a autodeterminación debe mostrarse na nosa vontade de acción prática para avanzar. O nacionalismo non pode limitarse ou contentarse, por máis que non deba agachalos, con expresar só os seus obxectivos estratéxicos, sexan estes a soberanía nacional ou a independencia, se quer de verdade incidir na nosa sociedade… 

 Posted by at 23:44

Sorry, the comment form is closed at this time.