Set 172009
 

Levar a luta até o voto!

Nos vindeiros trinta días Portugal enfróntase a duas convocatorias electorais, as eleccións á Assembleia da República o 27 de setembro e ás Autarquías o 11 de outubro, e se temos en conta que no mes de xuño tamén tiveron eleccións europeas atopámonos cunha inflación electoral suficiente para deixar sen folgos a calquer organización política. E ademais dese empacho de eleccións Portugal enfronta ao igual que o resto do mundo unha grave crise económica que supón unha grande destrución de emprego e un aumento acelerado das desigualdades.

O Partido Comunista Português e os seus aliados do Partido Os Verdes na Coaligação Democrática Unitária (CDU) tiveron un bo resultado electoral nas pasadas eleccións europeas, aínda que o aumento de votos e porcentaxe non lles permitise acadar o terceiro eurodeputado; eses resultados e o ascenso da loita na rúa ao longo do último ano fan que encaren cun moderado optimismo as dúas vindeiras convocatorias electorais, moderado optimismo que non agacha a preocupación pola repercusión que poida ter no electorado a dura campaña que unha vez máis están a despregar os aparatos dependentes do poder económico e mediático, campaña tendente a instaurar dunha vez por todas o turnismo PS-PSD e provocar un cambio de posicións á esquerda do PS que supoña o aumento da opción representada polo Bloco de Esquerda e relegue a un cuarto lugar á verdadeira besta negra da dereita e da socialdemocracia portuguesa que é o PCP.  

"Levar a luta até o voto" é o empeño fundamental dos comunistas portugueses neste momento, conscientes das dificuldades existentes para que os milleiros de traballadores e traballadoras, funcionarios, agricultores, pescadores, pais e nais, usuarios do sistema público de saúde, etc…. que se mobilizan día a día en defensa dos seus postos de traballo, por unha política que defenda a produción propia, esixindo uns mellores servizos públicos e o aumento das prestacións sociais, dean o paso de transformar a súa acción de protesta nun voto afirmativo de apoio a aqueles que están día a día ao seu carón.

Na pasada fin de semana un comunista portugués dicíame que eran moi conscientes de que o seu voto para moita xente supoñía ter que facer un grande esforzo, e non porque riscar a casiña da CDU no colexio electoral sexa máis complexo mecanicamente senón porque asumir esa opción de voto supón enfrontarse a moitos anos de discursos e propaganda anti-comunista, moitos anos acusándoos de ser un obstáculo no avanzo e modernización do país por opoñerse ao desmantelamento da economía portuguesa coa entrada no Mercado Común, por defender o mantemento das nacionalizacións posteriores ao 25 de abril, pola súa aposta por un sistema público de ensino e saúde, e pola defensa da identidade nacional portuguesa fronte á globalización.

Esta conversa dábase no marco da festa do AVANTE!, que desde 1990 se celebra na fegresía da Amora no concello do Seixal (20 qm ao sul da capital portuguesa) un terreo que é propiedade deles, despois de ter pasado nos seus 33 anos de existencia por terreos pertencentes aos concellos de Lisboa e Loures. O PCP, segundo nos comentou un seu dirixente, chegou a barallar nalgún momento a non celebración da edición deste ano, tendo en conta as tres citas electorais co enorme gasto que supoñen e a grave crise económica; pero ao final decidiron asumir o reto e debo decir que acertaron dado que para min, e xa levo algúns anos asistinto á festa, foi unha das máis multitudinarias que recordo, acompañándose a cantidade de xente cunha grande carga política e un ambiente festivo e optimista.

Un ano máis a Festa do Avante! supuxo tres días de convivio nos que varios centos de milleiros de persoas visitaron o espazo de celebración do evento; sendo certo que son moi diversas as razóns que levan á xente a asistir (actuacións musicais, gastronomía de todas as rexións de Portugal e moitos países do resto do mundo, ampla oferta de libros de variada temática, debates e encontros políticos, bienal de arte, etc…) a ninguén se lle escapa que está organizada polos comunistas portugueses dado que as bandeiras vermellas, a fouce e o martelo, a estrela de cinco puntas e as proclamas á loita polo socialismo e pola defensa da soberanía nacional están presentes abondosamente no recinto. O feito de que moitas persoas que non son comunistas, ou que incluso se definen como simpatizantes doutras forzas políticas, participen na festa é un valor en si mesmo desta.

O nacionalismo galego voltou estar presente, coas nosas propostas políticas, a nosa cultura e a nosa gastronomía; unha presenza que ano a ano permite estreitar lazos co país irmán e cunha organización política que, pese ás distintas orixes e ao que poidan dicir algúns que se guían por preconceptos e esquematismos, defende postulados moi semellantes aos que defendemos nós.

Paseando nestes tres días polas avenidas da Atalaia un camarada comentábame o impacto que lle causaba o lema baixo o que englobaron as tres campañas electorais "Ruptura e mudança. Sim, é posíbel uma vida melhor", dúas frases contundentes que amosan forza e determinación, unha forza e unha determinación que amosaron os comunistas portugueses ao asumir o difícil reto de enfrontar en catro meses as tres convocatorias electorais e unha nova edición da festa.

Os resultados do 7 de xuño foron bos e a festa supuxo un novo éxito que amosa por unha banda a súa plena consolidación pese aos agoreiros e por outra a grande capacidade organizativa do PCP, agardemos que as lexislativas e autárquicas tamén supoñan un avance.

 Posted by at 18:36

Sorry, the comment form is closed at this time.