Set 172009
 

Estiven nestes días lendo un moi exhaustivo estudo de J.F Correa Arias sobre o  papel da nobreza en Galiza desde o século XII ao XVI, centrándose especialmente  na evolución da casa de Andrade. O libro analiza as causas que inflúen no proceso de perda de peso de Galiza no ámbito da coroa de Castela, proceso no que os Andrade teñen un papel  fulcral,  e os correspondentes cambios sociopolíticos que a dinastía de Trastámara propicia ou impón, coa substitución da nobreza vella por outra cuxas familias proceden do mundo militar dos cabaleiros, foráneos en grande parte, e cuxo patrimonio deriva de vender a súa forza a quen máis pague e de espoliar os seus  administrados. Unha nobreza desarraigada, cuxas casas matrices estaban moitas veces fóra da Galiza, que unicamente era unha fonte de recursos. Unha nobreza carente de identificación cos intereses de Galiza, guiada só polos desexos de satisfacer os seus propios, lexítimos ou non, cousa á que dedican toda a súa enerxía, nun contexto político en que os reis de Castela necesitan a nobreza para consolidar o seu poder e os nobres venden o seu apoio a cambio de incrementar os seus beneficios, incluíndo neste grupo os bispos de Compostela, case sempre aliados do poder real, establecendo para isto un sistema de control e de goberno alleo á realidade da terra e que só favoreceu os reis e a nobreza señorial, que a cambio de lealdade política aos soberanos ven recoñecidos os seus privilexios.
Isto acontece  entre os séculos XIV e XV, mais a medida que lía o libro non podía deixar de pensar no paralelismo que se dá coa situación actual, no século XXI. Se naquel período o recadado en Galiza pasaba a engrosar o patrimonio dos  Zúñiga, ou dos Sarmiento, dos Benavente ou dos Enríquez de Castro, agora, cando as multinacionais e as grandes empresas  ocupan o espazo  da nobreza como soporte do poder, a nosa enerxía eléctrica, eólica, térmica  ou hidráulica, engorda o patrimonio de empresas  situadas fora do noso control, e o goberno do PP colabora imposibilitando que se poña en marcha a única medida elaborada por un goberno galego que pretendía ter un mínimo de control sobre os nosos recursos enerxéticos, especialmente os eólicos. Os gandeiros non poden desenvolver as súas potencialidades e o medio rural fica sen habitantes porque decisións tomadas ben lonxe de Galiza así o establecen, para favorecer outros intereses; coa pesca e a industria naval sucede outro tanto, sen falar das facilidades que o señor Feijoo dá para a nosa definitiva asimilación cultural ao propiciar que unha nova elite dirixente, desmesurada, verbalmente violenta e empeñada en crear un clima de desconfianza  social e autoodio, carente de identidade coa terra que a sostén, todo en consonancia con esa nova mentalidade de recentralización e de unidade, goberne agora Galiza, poñendo por encima de calquera valor a perda de poder e de peso de Galiza no conxunto do  Estado.
Ultimamente mesmo as decisións que afectan ao noso idioma se toman en tertulias radiofónicas ou televisivas situadas ben lonxe de aquí; ou en fundacións presididas por expresidentes, porque nesa idea de recentralización ten un papel predominante a exclusión do galego de todos os usos consolidados para o deixar á “libre elección” dos utentes .
No século XV os cidadáns galegos revoltáronse contra a extorsión nobiliar derrubando os símbolos da opresión e, embora fosen derrotados militarmente, gañaron en autoestima e dignidade, e sobre todo demostraron que era posíbel; agora, neste século XXI, as elites dirixentes non se apelidan Andrade, ou Sarmiento, mais a intencionalidade que os move é a mesma: contribuír todo o posíbel a asimilación de Galiza, sen reparar en nada e dando a volta, se é preciso, á realidade para apareceren como os oprimidos, como as vítimas que necesitan derrubar símbolos, especialmente  o noso símbolo por excelencia, a lingua.
Sabemos que é posíbel frear estes ataques e temos que facelo, a non ser que queiramos que o galego, e nós con el, sexa estranxeiro na súa patria.

 Posted by at 07:52

Sorry, the comment form is closed at this time.