Set 272009
 

Duarte Correa

Días atrás presentouse en sociedade a Plataforma Queremos Galego, conformada por diversas organizacións a nivel nacional e persoas a título individual, e á que se están sumando múltiples colectivos e persoas nas distintas comarcas do país, co obxecto de traballar na defensa do noso idioma fronte ás agresións que está a sofrir por parte do españolismo encabezado polo actual goberno da Xunta de Galiza.

Queremos Galego é unha iniciativa que non busca só asinantes para un manifesto de intelectuais, políticos ou profesionais do ensino; Queremos Galego é consciente da importancia que teñen os referentes intelectuais e mediáticos nesta sociedade mediática na que vivimos pero quere ser algo máis, erguer un movemento social amplo e plural en defensa de Galiza, e digo en defensa de Galiza porque a defensa do noso idioma é a defensa do futuro Galiza.

E desgraciadamente, como ven sendo habitual cada vez que bota a andar algo por iniciativa do nacionalismo, xurden na nosa propia casa as voces dos hipercríticos, "que si é pouco plural", "que si convocar unha manifestación é crispar a sociedade", "que si o noso discurso sobre o idioma está atrasado", etc?

Aos que vamos cumprindo anos e temos participado nalgunhas loitas por este país ao longo do noso curto ou longo percorrido militante fainos graza que muden as caras ou os nomes dos "críticos" pero sigan a empregar os mesmos argumentos:

Queremos galego é pouco plural?: sinceiramente cantas máis persoas e asociacións se integren máis plural vai ser; e algúns que andan a laiarse, caen no "hipercriticismo" e piden explicacións a quen están dentro de porque determinadas organizacións de obediencia española non queren entrar pese aos múltiples intentos que houbo de que o fixeran, a ver se dunha vez por todas lles perguntan a quen non quixeron integrarse porque razón sempre quedan fora cando se trata de facer algo polo interese de Galiza.

Lembrades o que pasou cando a Plataforma NUNCA MÁIS?, pois o mesmo que agora, foi o nacionalismo o seu motor, puxéronlle múltiples paus nas rodas e cando viron que ía ser un éxito de mobilización e concienciación subíronse ao carro, iso sí só para a foto porque eu non os vin arrimando o ombro ao longo do proceso. A pluralidade e o éxito dependerá do noso traballo, coma sempre.

Convocar unha manifestación é crispar a sociedade?: eu considero que non e neste momento é fundamental a mobilización e concienciación social, con manifestacións e con outro tipo de actuacións que propón Queremos Galego. A historia amósanos que na sociedade os avanzos e os retrocesos só se producen en función do nivel de tensión que se consigue crear, e iso sábeno moi ben os estrategas do PP que ergueron da nada un movemento usando a mentira da imposición do galego (a semana pasada nunha charla á que asistín Marta Dacosta facía moi axeitadamente referencia á estratexia nazi de manipulación social personificada na frase do seu ministro de propaganda Joseph Goebels "mentir, mentir, mentir? algo sempre queda"). Nós coa manifestación do 17 de maio conseguimos tensionar a unha parte moi importante da sociedade que se sentía derrotada despois do 1 de marzo, e agora precisamos de proseguir ese labor, porque aínda que poida parecer pouco correcto políticamente decilo somos nós quen temos a razón e son eles quen minten, manipulan e introducen a crispación.

O noso discurso sobre o idioma está atrasado?: non podo falar como lingüísta, sociólogo ou sociolingüista dado que non o son, pero si podo falar pola experiencia que me dá a miña militancia e sei que tamén eran atacados por ser "atrasados" os nosos discursos sobre o mercado común nos anos oitenta, a nosa defensa dos servizos públicos, o noso apoio ao desenvolvemento do sector agrario e pesqueiro, etc?Ao final resultou que as análises correctas eran as nosas e os que nos calificaban de "atrasados" só servían de correa de trasmisión (unhas veces conscientemente e outras sen sabelo) das estratexias do poder. Hoxe en galiza segue a haber un idioma que está relegado, e que perde falantes, é o galego; fronte a esta realidade na que todos coincidimos teremos que facer todas as adaptacións que sexan precisas para que o noso discurso chegue mellor á sociedade, e para iso hai instrumentos. Pero ollo non nos confundamos, mellorar o noso discurso non pode significar agachar as nosas análises ou enmascarar a realidade agardando ter unha mellor recepción por facelo, e aprendamos dos momentos non tan lonxanos en que baseabamos todo na imaxe e esquecíamos o contido.

Queremos Galego cítanos para unha grande manifestación o 18 de outubro en Compostela, até ese día queda moito por facer; e a partir do día seguinte tamén. 

 Posted by at 22:42

Sorry, the comment form is closed at this time.