Set 092009
 

Sempre lamentei que institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega non tivesen unha actitude máis combativa e comprometida na defensa da lingua e da cultura de Galiza. Nunha palabra, que non estivesen máis impregnadas de dinamismo social e máis preocupadas por impulsar a normalización dunha lingua e dunha cultura marxinadas e agochadas para nós mesmos. Nunca fun dos que desprecei o valioso papel que podían desempeñar neste terreo. Non me foi, nen é, indiferente, a súa atitude perante os atrancos que poidamos padecer para restaurar usos do noso idioma, para establecer dereitos para os seus falantes . Por iso mesmo desacougoume que, en concreto, a RAG dese a impresión de estar vivindo nunha conivencia irresponsábel e suicida coa actual Xunta de Galicia, pensando en que as cousas non eran para tanto, que cabía con ela un diálogo proveitoso, e albiscando non se sabe que boas expectativas por mor do nomeamento de Anxo Lorenzo como responsábel de Política Lingüística. Mais non só non se rectificaron ou moderaron os obxectivos restritivos e destrutivos do PP, no plano teórico, senón que se están levando á prática cunha contumacia inflexíbel.

O cambio de actitude da RAG, expresado a través da intervención do seu Presidente, Xosé Ramón Barreiro, no acto en que lle foi entregado á Institución o premio Celanova, Casa dos Poetas, o día 6 deste mes, coa presenza do Presidente da Xunta, significa a recuperación da dignidade da Institución, a defensa da súa razón de ser legal e, moito máis importante, social. Este xesto pona en sintonía con amplos sectores da sociedade galega que acreditan en que os ataques ao noso idioma, a redución dos nosos dereitos lingüísticos, a destrución dos cativos pasos dados en sectores como o ensino perseguen que non teñamos conciencia como pobo diferente, que aceitemos un status de españolidade servil, que non nos recoñezamos nunca como galegos e galegas con dereitos plenos. Un ataque político en toda regra. Inocular máis desprezo contra a nosa lingua e a nosa cultura, secundarizala e minusvalorala aínda máis, dificultar a súa transmisión conducen ao seu exterminio e, con el, ao da consciencia de que somos pobo diferente.

Estiveron actuantes nas palabras do nada imprudente Xosé Ramón Barreiro, primeiro a legalidade: "Sr. Presidente, non podo desaproveitar a oportunidade; a Real Academia non pode ficar en silencio nin ollar cara outra parte cando se toman decisións e asinan decretos que atinxen á lingua ás súas costas". Quen debe opinar, segundo normativa legal, sobre o futuro decreto do ensino nen sequera foi consultado. Unha mínima dignidade esixía non calar e denunciar publicamente a falta de información, como así fixo Barreiro. En segundo lugar, estivo a rebeldía fronte á política aniquiladora do PP, a instancia á acción e ao compromiso, á loita, de "todos: políticos, intelectuais e pobo" para cumprir coa obriga de transmitirmos unha cultura, sen rebaixala, a cultura galega que, sen a lingua, non é nada, como se encargou de subliñar. Por suposto, foi tamén un convite á rectificación da política gobernativa en materia lingüística. Núñez Feijoo aparentou non inmutarse, limitándose a ler un discurso que levaba escrito, pero notábase cabreado, segundo recoñece, por exemplo, La Voz de Galicia, sen dúbida tamén cabreada cando cualifica a Barreiro de "provocador". Malia o Presidente da Xunta querer acoutar a RAG no mundo do pasado, nun residual enxebrismo soñador, tal e como se desprende sintomaticamente dos tópicos eloxios que lle dedicou, no seu discurso prefabricado, de certo que acusou como novidade inesperada a dignidade, a rebeldía e a censura pública do Presidente Barreiro. Probabelmente, o sr. Feijoo, con a súa hierática e espiritual expresión inquisitorial, cavilou en como facerllas pagar. Moitos galegos e galegas recibímolas con agradecemento e cavilamos en que a potencialidade do pobo galego, expresada na defensa e no uso da súa lingua, non vai ser destruída se todos os que, dalgunha forma, acreditamos nela, rexeitamos a política, fundamentada na mentira e na inversión da realidade, que o PP quer impor, para inxectármonos máis auto-desprezo e ignorancia… 

 Posted by at 08:03
Set 082009
 

Comeza un novo curso escolar marcado, entre outras moitas cousas, pola intención do Goberno de derrogar o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretende lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación.
Convén lembrar que foi a promulgación deste Decreto, aínda vixente e polo tanto de obrigada aplicación este curso que comeza, o que rompeu un "aparente consenso lingüístico" que duraba desde a aprobación do Plano Xeral de Normalización Lingüística.
E dicimos aparente porque quen agora goberna Galiza cunha política lingüística que transcorre do bilingüismo harmónico para o bilingüismo cordial, eríxese en firme defensor do castelán argüíndo que se rompeu o "equilibrio" entre as dúas linguas e identificándose plenamente coas teses de entidades que baixo a aparencia de defender dereitos individuais procuran simplemente o monolingüísmo en español, alcumado agora bilingüismo integrador.
Mais todos e todas sabemos que o equilibrio, a fin de contas, é un concepto comprobable mediante unha simple balanza. Coñecemos o funcionamento da balanza romana: para conseguirmos o equilibrio entre o obxecto que queremos pesar e o pilón temos que aproximar ou afastar este do punto en que pivota a barra. Canto mais o afastemos dese centro máis peso podemos colgar. Resulta evidente que, no momento presente, para mantermos o equilibrio entre galego e español o contrapeso ou pilón, o galego, se ten que afastar cada vez máis do fulcro porque o peso do obxecto a pesar, o castelán, é cada vez maior. E aínda así hai equilibrio, polo menos mentres non se acabe o brazo da balanza, cousa que ben lle podería agradar á Consellaría de Educación.
Mais está claro que a sociedade galega non quere ese tipo de equilibrio desequilibrador, e aí están as manifestacións como a do 17 de maio ou as diferentes plataformas xurdidas nos últimos meses e promovidas por persoas e entidades ideoloxicamente ben dispares. Faise necesario regular e establecer outro tipo de relación entre galego e castelán, fundamentado máis na balanza de pratos (cos diferentes contrapesos situados a igual distancia do punto de pivotación) do que na romana.
É nesta dirección que ten actuar calquera norma que regule a presenza do galego no ensino porque é ese camiño marcado no Plano Xeral de Normalización Lingüística elaborado baixo o goberno do PP, aínda que nunca acreditou nel, e que desenvolve o Decreto 124/2007. Trátase simplemente de establecer un novo tipo de relación, fundamentado nunha relación de igualdade entre galego e castelán, colocados ambos nun prato de balanza. Só así manteremos, polo menos no sistema educativo, o equilibrio. Outra cousa é o que suceda fóra do ámbito académico, sen balanzas legais que actúen de contrapeso e onde a política seguida por este goberno é simplemente non facer nada para que todo vaia a peor.
Podemos preguntarnos a razón pola que, no tempo das balanzas dixitais que meden con exactitude o peso de cada obxecto, e aí están todos os estudos científicos realizados nos derradeiros anos que confirman a perda de peso do galego, o PP quere medir a relación galego-español no ensino coa balanza romana? Pois porque quen algunha vez teña utilizado este instrumento para pesar, sabe que cando o obxecto a pesar ten moito máis peso que o contrapeso da balanza, un pequeno descoido pode facer que o pilón, neste caso o galego, saia disparado do brazo da balanza. Non outra cousa pretende o PP, que o galego saia do sistema educativo, ou senón que permaneza alí nun curruncho, afastado e en cuarentena.
Por iso non podemos descoidarnos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. Ese ten que ser o noso compromiso
PS.
Este goberno manifestou que o galego sería unha das súas prioridades. E está a cumprir. En pouco máis de 100 días derroga o Decreto do ensino infantil, suprime a proba en galego nas oposicións, suprime as axudas á tradución en galego, exclúeo dos SERGAS, fala de modificar topónimos. Quen dixo que non cumpría? O galego, a súa eliminación, é a súa prioridade.

 Posted by at 09:29
Set 032009
 

Castelo de Soutomaior, 29 de agosto. Acto, seica, de "apertura do curso político" do PP. Denominador común nas intervencións, a xenreira contra a lingua galega. Rafael Louzán –“Rafa”, no Casino de Pontevedra– esbardalla no seu mellor papel de paxe-bufón de Mariano Raxoi, e afirma que agora xa se pode falar en galego ou en español, libremente. Co anterior Goberno, non. Obrigábaselle á xente a falar en galego. Esta barballada recibiu aplausos dos cargos do PP asistentes ao evento.

O propio Raxoi, en entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia (grupo empresarial comprometido co combate contra o galego que acaba de ser beneficiado con máis de un millón de euros polo fomento do galego e a defensa da identidade de Galiza) asevera, en perfecto español, que “no me gusta hablar del gallego ni del castellano (…) a mi de lo que me gusta hablar es de libertad. Yo tengo dos hijos, y a mi me gustaría educarlos como yo quiero”. Aí temos o caso dun pai, analfabeto no idioma do país que o viu nacer –e do que renega–,  que pretende que os seus fillos sigan o mesmo camiño de ignorancia, incultura e alienación que o pai. O segregacionismo racista, a discriminación antigalega, transfigúrase en liberdade.

E aí temos a aposta pola liberdade do actual Goberno. Como se defende a liberdade? A resposta é doada. En apenas 100 días, substitución da imaxe corporativa das Galescolas polas xa denominadas “Galiñas Azuis”, derrogación do Decreto do ensino infantil, revogación do Decreto do galego no ensino non universitario incluíndo unha suposta “consulta” co correspondente suposto escrutinio e supostos resultados en prol do suposto bilingüismo amábel, supresión da proba en galego nas oposicións, supresión das axudas á tradución en galego, cursos en español para funcionarios e funcionarias na EGAP, anuncio de subsidio ás expresións culturais en español (tamén apoiadas polo goberno español), uso sistemático do español por membros do Goberno, definición do Plano Xeral de Normalización como “simple remuíño de ideas”, exclusión do galego nas comunicacións do SERGAS, silencio perante casos de discriminación laboral e vexacións polo uso do galego, máis de dous millóns de euros de subsidio a medios de comunicación que se rin do noso idioma e cultura, introdución do español nos informativos da TVG (de momento na G2), criminalización da Mesa pola Normalización Lingüística e ameazas de ilegalización… e así sucesivamente. En só 100 días. Este é o seu concepto de liberdade. A liberdade que nos nega e nos encadea. Como no franquismo.

Isto, e non outra cousa, é o que temos diante galegos e galegas. A besta. Por iso é indispensábel articular respostas populares masivas e coherentes, á altura da gravidade das circunstancias. Deixémonos de leas e de enguedellamentos. O que precisa o pobo galego é unidade, clareza, pedagoxía e mobilización social en defensa do que nos conformou historicamente como sociedade, como pobo diferenciado, como nación. A lingua. Non se trata de politizar o debate lingüístico. E que o galego é un problema político. E na saúde dun idioma, ou nos dereitos lingüísticos dos seus utentes, a política ten un papel determinante. Eles, os inimigos do galego, téñeno moi claro. E sería bon que nós actuásemos en consecuencia.

Queremos Galego é unha plataforma social de recente creación, participada tamén polo nacionalismo galego xunto a outros sectores sociais e ideolóxicos, empeñada en dinamizar e mobilizar o pobo galego nas próximas semanas en defensa do noso idioma. Naceu para iso. Todo esforzo social de concienciación, convencemento, clarificación e dinamización vai ser vital neste camiño. E nesa orientación temos que nos entregar. Eles, o PP (e non só), traballan para que as medidas que están a perpetrar teñan efectos devastadores e irreversíbeis no tempo. Daquela debemos ser conscientes do que nos xogamos colectivamente. Non é un problema meramente electoral, nin de primacía de liñas ideolóxicas no campo nacionalista. Vai alén. Trátase da nosa supervivencia nacional, e do futuro como pobo. E con iso non se xoga

 Posted by at 12:15
Set 022009
 

Na súa primeira declaración ao respecto das eleccións presidenciais celebradas en Afganistán o pasado día 20 a Unión Europea, que ten no país 250 observadores para facer seguimento dese proceso, manifestou que estas tiñan sido "correctas e equitativas" ao tempo que felicitaba ao pobo afgano pola súa vitoria, aínda recoñecendo que non foran unhas eleccións libres en todo o país. Nos días seguintes foron os secretarios xerais da ONU e da OTAN, Barak Obama e o goberno español entre outros os que voltaron amosar a súa satisfacción polo desenvolvemento do proceso electoral democrático con normalidade.

Afganistán é un país ocupado por máis de 100.000 soldados da OTAN e dos Estados Unidos, o día das eleccións houbo máis de 50 mortos en enfrontamentos armados e atentados, o día anterior foi bombardeado polos talibáns o Palacio Presidencial, non había censos fiábeis e curiosamente segundo dados oficiais nos listados de votación aparecían con dereito a voto cinco millóns de persoas máis que afganos maiores de 18 anos, o 70% do eleitorado estaba composto por mulleres (dado que podían inscribilas os seus homes sen a presenza delas), as tarxetas para identificarse nas mesas de votación carecían de foto polo que non era posíbel identificar a quen as portaba, a tinta coa que se marcaba a quen votaba co obxecto de que non poidera votar de novo eliminábase facilmente só con auga e xabrón; até aquí dados constatábeis pero ademais segundo diversas fontes as tarxetas de votación podían conseguirse no mercado negro ao prezo equivalente a seis euros e nalgúns distritos só foron votar duas de cada mil persoas inscritas.

Vai facer agora un ano a Unión Europea tamén enviou observadores a outras eleccións, neste caso as que se realizaban na República de Bielorrusia, unha ex-república soviética que ten fronteiras entre outros países con Polonia e Rusia. Nesa ocasión a UE manifestou que as eleccións foran fraudulentas e non cumpriran nin de lonxe cos requisitos que deben ter unhas eleccións democráticas.

En Bielorrusia non había militares estranxeiros defendendo a liberdade e a democracia dos seus habitantes e do resto do mundo fronte ao fundamentalismo e ao eixo do mal, os censos non foron cuestionados por ninguén, participou nas eleccións máis do 70% do censo, e ademais non se produciron mortes nin atentados na xornada electoral. Os 400 observadores internacionais non foron quen de amosar cuestións graves no proceso e só falaron de algunhas irregularidades no reconto e no voto antecipado, pero pese a esta realidade declararon que as eleccións foran un fraude.

O actual, e previsibelmente reeleito, presidente afgano Hamid Karzai é un escuro líder tribal que mantivo sempre excelentes relacións coa CIA, sendo un dos seus peóns na loita contra os soviéticos nos anos oitenta do século pasado e no apoio económico ianqui aos talibáns, separándose deles posteriormente e organizando un movemento opositor que de novo co apoio imprescindíbel do exército dos USA e da OTAN o levou ao poder dun país que sigue a ser o primeiro abastecedor de droga do mundo.
O presidente bielorruso Aleksandr Lukashenko sendo deputado opúxose á desaparición da Unión Soviética defendendo os principios comunistas e denunciando a corrupción do sistema, e desde que ocupa a presidencia o seu país pasou á estar á cabeza de entre os que formaban parte da antiga URSS en renda per cápita, esperanza de vida e alfabetización, mantendo a gratuidade do ensino e a sanidade, ademais de desenvolver como base da economía un complexo agro-industrial e manter o seu país moi lonxe do imperio das bandas mafiosas tan habituais noutros países do leste de Europa.

Terá algo que ver a orientación política dos presidentes de Afganistán e Bielorrusia na distinta cualificación que os observadores europeos deron a estes dous procesos electorais, ou será froito da casualidade que os amigos dos EEUU saiban facer eleccións limpas e os que buscan construír outro sistema sexan acusados sempre de cometer fraude electoral?

 Posted by at 16:21
Set 012009
 

Como portavoz do BNG no Congreso entón expresei o apoio do nacionalismo galego ao Estatut saído do Parlament catalán na sesión  plenaria que o admitiu a trámite. Esa data, xuntamente coa do día en que Ibarretxe actuou como defensor do Estatuto de Nación para Euskadi, que tamén apoiamos, pero que infelizmente non foi aceitado a trámite, figura como unha experiencia singular no meu labor político parlamentar. Persoalmente tiña claro, como así o consideraba o BNG, que o Estatut representaba abrir un camiño ao Estado plurinacional, de deseño confederal, após trinta anos de marco autonómico esgotado. En certa maneira, a súa aplicación, acabaría por favorecer unha reforma constitucional positiva para os pobos e as maiorías sociais do Estado. Era unha opción a prol dun autogoberno con base claramente política, asentado na existencia do pobo catalán como un pobo con dereito a decidir e con aspiración a convivir en igualdade. No texto latía a concepción dun marco competencial exclusivo no que a palabra última e determinante era a  do goberno e o Parlament de Catalunya. A vontade política e o marco competencial xenuíno expresábanse, de forma especial e senlleira, en todo o que facía referencia á lingua. Da consideración preliminar de que Catalunya era unha nación deviña a vontade de decisión política propia, dereitos políticos a asumir e respeitar polo Estado. O nacionalismo galego tiña que aproveitar a conxuntura, o debate aberto en Catalunya, a alternativa plasmada e o impacto na política estatal, para formalizar e defender, como así o fixo, unha aspiración homóloga. Fun plenamente consciente de que aquel texto exprimía ao máximo unha leitura moi aberta, democrática no senso xenuíno do termo, da Constitución española, quer no plano nacional, quer no plano social. Era unha leitura política que  optaba polo acordo desde o respeito á diferenza, pola igualdade e non pola submisión.

Naquel momento político, o zapaterismo perseguía unha maior e mellor integración de Catalunya no Estado, polo seu peso económico e demográfico, pola súa consciencia lingüística, cultural e política e por ser un celeiro de votos para o PSC-PSOE, por primeira vez á fronte dun goberno tripartito na Generalitat. Aparentaba asumir o que o Parlament de Catalunya decidise. Acabou non sendo así. Desde o inicio, o outro partido estatal da alternancia, o PP, despregou a campaña máis hostil e intoxicadora contra o Estatut e mesmo contra Catalunya, acusando ao Presidente do Goberno de romper o pacto constitucional ( a antidemocrática, bipartita e inamovíbel leitura da Constitución española) e de colaboracionismo cos partidos nacionalistas dispostos a romperen  a unidade de España. A intoxicación da opinión pública española contra Catalunya raiou a xenofobia. De nada valeu que o Estatut fose  gravemente recortado, peneirado, nas Cortes. No nivel simbólico preliminar a idea de nación permanecía. Na parte prescritiva, o referido á lingua tamén: a lingua propia de Catalunya era a preferente para a administración catalana, de obrigado coñecemento para os cataláns, con dereitos plenos a usárena, o que conleva os deberes conseguintes para os poderes públicos. O status xurídico do catalán é o dun idioma verdadeiramente oficial e propio dun territorio, dunha nación, nun Estado plurinacional. Ningún aspecto da vida social, económica, política ou cultural fica á marxe deste deber de usar o catalán para os seus utentes poderen exercer consecuentemente os dereitos lingüísticos. Tampouco seguía sen gostarlles, por consideralo atentatorio contra o poder corporativo xudicial, unha das esteas desta onerosa e reaccionaria  unidade de España, a configuración dun poder xudicial catalán, por máis que se rexer por leis e normas xerais a todo o Estado… O texto modificado foi tamén votado favorabelmente polo BNG tanto no Senado como no Congreso, atendendo ao criterio maioritario dos partidos cataláns, deixando claro o rexeitamento da forma de proceder dos partidos maioritarios nas Cortes e considerando que aínda ficaban aspectos, como os sinalados, que significaban avances cualitativos. Un voto negativo sería ser insensíbel ao valioso que ficaba en pé, non ter en conta a estratexia do PP nen a histeria que se induciu no conxunto do Estado coa campaña de catalanofobia máis agresiva da historia…O Estatut, após de ser mancado, seguía sendo conflitivo para os aparatos do Estado, para a dereita política e mediática española, para os grandes grupos empresariais, mesmo problemático e mal asumido polo PSOE, orientado finalmente polo taticismo oportunista e inquieto pola súa preponderante españolía. Os resultados do referendo en Catalunya expresaron, en parte, a inibición por tan poderosa e agresiva maquinaria intimidatoria, por máis que foren positivos…Curiosamente ERC parece estarse decatando agora, perante as ameazas sombrizas do Tribunal Constitucional, de que o seu non no referendo non foi un acerto…

Con todo este percorrido previo, con todos os filtros aos que foi submetido, parece que o Tribunal Constitucional está disposto a anular o que restaba de paso adiante, de cambio cualitativo, a instancia de parte política interesada, o PP, concretamente naquilo que mesmo para Zapatero era a maior singularidade a ter en conta: a lingua…Pode argumentarse o que se queira, mais resulta gravísimo, do ponto de vista democrático,  que un Tribunal, coa composición e os intereses do Constitucional, en relación cun tema deste caste, estea capacitado e poida ditar unha sentencia que desprece e anule o aprobado progresivamente polo Parlament, as Cortes do Estado e, sobre todo, polo pobo de Catalunya en referendo. Se esta circunstancia se producir, normal será que o goberno entre en crise, as relacións de Catalunya co Estado se volvan máis problemáticas e a sensación de que vivimos nunha democracia vixiada e despótica na que non existe a política como expresión da vontade de resolver problemas, para avanzar e non retroceder, vaise agudizar…

 Os galegos e galegas nacionalistas de calquera tendencia, en primeiro lugar, deberíamos cavilar sobre as portas que abría o Estatut, o seu sentido positivo como prática autodeterminista. Era un paso adiante politicamente falando, alén de que se enmarcase formalmente nunha Constitución restritiva, con posibilidades abertas ao arbitrio do Goberno central, a correlación de forzas no conxunto do Estado e as necesarias alianzas. O recurso ao Tribunal Constitucional, e o seu papel de control sobre a concepción da unidade con desigualdade na cuestión nacional, responde á consciencia de que se abría unha vía para o cambio da estrutura institucional do Estado, mesmo para favorecer un cambio constitucional nunha dirección que os poderes fácticos non desexan. Malia resultar algo contraditoria a expresión estatuto de nación, alguén pensa que sería positivo que Galiza ficase á marxe do debate, da aspiración e dunha proposta homóloga? Foi acertada a posición do BNG de formalizar unha alternativa similar, malia non chegase desgrazadamente a debaterse na anterior lexislatura. Por máis choída que agora poida estar esta saída, xa antes moi problemática coa correlación de forzas na Galiza, o nacionalismo galego non debería descargarse da responsabilidade nen do compromiso de levar a iniciativa no previsíbel debate sobre a necesidade dun novo estatuto,  de nación, para Galiza.

O proceso do Estatut non podemos lelo como un fracaso absoluto, de ser a sentencia do Tribunal Constitucional a que se albisca. Tamén é a demostración de que cómpre empregarse a fondo nas institucións de representación democráticas de ámbito nacional para debater e formalizar alternativas incisivas socialmente e mesmo para evidenciar as limitacións represivas e a inadecuación do Estado español aos intereses e necesidades dos distintos pobos que o constitúen, entre eles o noso. Axuda a criar un estado de opinión máis consciente sobre o seu deseño e os intereses
que agacha. Se o Tribunal Constitucional, un tribunal político, con membros designados polos partidos alternantes no poder na España, é capaz de descualificar o resultado dunha política democrática de acordos e pactos entre representantes da soberanía popular e desprezar a expresión directa desta soberanía, conforme ás regras de xogo do réxime, en nome da Constitución española, haberá que pensar que as súas leituras reais non serven máis que para aferrollar e meter medo a unha parte da sociedade, como xa dicía Castelao na República. Unha tese que ten moito de certa, a xulgar pola experiencia democrática que levamos vivido no que atinxe ao problema das nacionalidade, e que xa proclamou o nacionalismo galego actual hai moito tempo.  

Porén, nas actuais circunstancias aínda máis, non ficamos eximidos de dar  batallas concretas nas institucións para lograrmos a maior incidencia social posíbel, para a nosa política repercutir en avances, en contextos precisos. Debemos experimentar posibilidades por máis que non se lograren ou teren resultados non avalábeis polo nacionalismo. Non pensemos que a panacea consiste agora en centrarnos en atacar a Constitución española e facer propostas de reforma explícitas, por máis que non veña mal enuncialas. O resultado non vai ser mellor a curto ou medio prazo. Nada máis que hai que pensar no marco institucional onde se dirimirá exclusivamente este debate, cal é a correlación de forzas no Estado e no interior de cada unha das nacións. Alí xogaremos á defensiva, con absoluta inferioridade de condicións e nun marco de protagonismo e control abafante do bipartidismo. Teremos que facelo, pero sen caer no esquematismo pendular que prescinda de criarlles contradicións desde aquí, desde as institucións de autogoberno galegas, por limitadas que estean, con alternativas e esixencias concretas e necesarias para defenderen os nosos intereses tanxíbeis a curto prazo, premendo desde abaixo. Hai moito que facer, precisamente pola intransixencia e o inmobilismo dos que se empeñan en que o Estado español non deixe de ser nunca a España imperial.

Podemos albergar unha dúbida: foi o devalar do proceso político- a durísima e brután reacción de hostilidade desde tantos frontes españois- o que estrangulou cada vez máis a aparente disposición inicial zapaterista a dar un paso ao fronte, controlado, pero cualitativo, ou estivemos sempre perante unha concesión que o PSOE, como partido español alternante, esperaba fose valeirada progresivamente, incluída a intromisión do Tribunal Constitucional? Con Euskadi, non toleraron que o seu novo estatuto fose aceitado a trámite, en cómoda conivencia co PP, para ser descafeinado polas Cortes e  pasar máis tarde o control de constitucionalidade. Simplemente foi o non frontal nunha sesión na que Ibarretxe foi tratado con tan pouca cordialidade e respeito institucionais que, estou por asegurar, ficou gravada na súa consciencia. Alén de non se sabe que tufo soberanista do texto saído do Parlamento Vasco, non maior que o do texto saído do Parlament, o pretexto foi que o prioritario era acabar coa violencia e que o Estatuto apresentado era de parte non dabondo maioritaria…A forma de integrar Euskadi pasaba prioritariamente polo desprazamento do PNV do goberno vasco…

E nós? Nen nos ían nen nos van regalar nada. Nen a homologación co texto catalán aprobado finalmente en referendo sería doada. Habería que conquistalo con participación activa da sociedade. O BNG estaba disposto a esta batalla. Debe estar disposto a non acomplexarse, intimidarse ou auto-limitarse. Os resultados serán agora dubidosos, pero o noso deber é facer o que teña máis impacto social, faga medrar a conciencia colectiva e force a avances competenciais, mesmo que o resultado final non poida ser asumíbel por nós por non significar cambio cualitativo algún, precisamente os que o Estatut tan ben expresaba. Convenzámonos: o importante é actuar, non ficar desconcertados ou pasivos, reducíndonos a reivindicacións puramente ideolóxicas. A soberanía debe estar no fundo do cadro, a autodeterminación debe mostrarse na nosa vontade de acción prática para avanzar. O nacionalismo non pode limitarse ou contentarse, por máis que non deba agachalos, con expresar só os seus obxectivos estratéxicos, sexan estes a soberanía nacional ou a independencia, se quer de verdade incidir na nosa sociedade… 

 Posted by at 23:44